Os torneos de verán teñen un especial significado no Concello de Xermade, onde cada ano os seus equipos xogan unha copa para determinar quen é o campión. Nesta ocasión, o Cazás inaugurou a súa vitrina, algo desexado por todos os que forman parte do clube, despois de vencer ao Cabreiros nos penaltis. Unha primeira vez que non se lle esquecerá a ninguén e que pode chegar a ser un impulso importante para unha campaña na que queren loitar coa máxima das ilusións despois dun ano moi positivo no anterior curso futbolístico na Terceira Futgal.
Un torneo cunha importante carga emocional en Xermade
O que fai especial a Xermade e a súa estatística relacionada co fútbol. É o Concello de menos de 10.000 habitantes da provincia que conta con máis equipos independentes federados. Xermade, Cazás, Roupar e Cabreiros son na actualidade, pero na década pasada chegaron a ser cinco cando o Momán competía na categoría sénior. O propio Concello é consciente da tradición futbolística e organiza a Copa Concello de Xermade-Trofeo Manuel González Fernández. O nome é unha homenaxe a Manuel González, alcalde durante 33 anos e considerado o impulsor de varios dos campos de fútbol do termo municipal.
O torneo tivo as semifinais a semana pasada. O Cazás venceu por 1-2 ao Roupar cos goles de Nizar e Pita, mentres que na semifinal entre o Cabreiros e o Xermade o resultado foi de 4-2 cos goles de Persi, Hermida, Miguel e Samu para o Cabreiros e Pedro e Borja polo Xermade. Este sábado tivo lugar o terceiro e cuarto posto, cunha contundente vitoria por 0-9 do Xermade ao Roupar no campo do Cazás.
A final tivo de todo e, sobre todo, a un gran número de afeccionados nas gradas apoiando a ambos equipos, que pese a estar no mes de agosto deron un gran espectáculo sobre o verde. Foi o Cazás quen colleu o mando nos primeiros minutos do encontro e adiantáronse grazas a un gol de Munir. O tanto deu ás para buscar máis, pero Nesi, porteiro do Cabreiros, detivo varios mans amans que mantiveron o encontro igualado.

Co paso dos minutos, o Cabreiros foi collendo terreo para ir a polo empate, algo que fixo que Xabi, gardameta do Cazás, tivese que axudar aos seus a manter o resultado. O risco que foron collendo valeu para atopar o gol da igualada despois dun barullo na área que mandou a final aos penaltis. Os porteiros detiveron e houbo goles e erros ata a morte súbita, cando o Cazás foi quen de coller a vantaxe e levantar por primeira vez na súa historia a Copa Concello.
«Eramos os que faltaban por gañalo»
O valor simbólico que ten o torneo representao ben Ángel, o seu técnico, que sinalou que «independentemente de que é un torneo de verán, é moi simbólico porque eramos os que quedabamos por gañalo por primeira vez». Tamén advertiu da gran dificultade que conleva xogar esta copa e que «para ninguén era un torneo, aos xogadores díxenlles que eu non viña facerlle o corredor a ninguén, quería que mo fixeran». O adestrador agradece a posta en valor que é que «tanta xente viñera ver todos os encontros e a axuda e o esforzo do Concello para organizalo».
O Cazás ten entre as mans un ano onde a ilusión está moi presente despois de quedar quintos na pasada campaña e quedar ás portas de avanzar á final da promoción. Ángel sinala que «fixemos fichaxes de rapaces moi novos que nos van dar un gran impulso» e que a reconstruición do bloque fíxose co fin de «dar continuidade a un proxecto que xa era moi bonito e que nos pode dar unha mezcla moi interesante».

