O Brollón volta á Primeira Futgal lucense

O mapa da Primeira Futgal reincorpora a Brollón, exilia ao Lemos B e engade ao Cire

O mapa da Primeira Futgal voltou a dar que falar un ano máis. Pese a que son 18 os equipos lucenses que xogarán a competición na vindeira tempada, número de equipos necesario para conformar un grupo, voltaremos a ter que ver a actualidade dos equipos provinciais dividida en dous grupos. O Brollón volta ao grupo lucense, pero será o Lemos B quen xogue no grupo ourensán. Para completar a competición, o Cire de Melide entra por primeira vez na súa historia nun grupo de equipos de Lugo. Unha situación que xerou sorpresas nos equipos, pero tamén moitas incertezas.

Por que ocorre isto?

Que agora o grupo lucense se poida dividir ocorre porque os criterios para a conformación dos grupos da Primeira Futgal son por proximidade xeográfica. Ten que haber seis grupos de 18 equipos, a partir de aí, repártense. Esa situación deixou o ano pasado ao Brollón no grupo de Ourense e, incluso, obligou á Milagrosa a xogar en Vigo. A do Lemos B e a do Cire de Melide non son as únicas novidades, senón que se engaden ao caso da entrada do Meicende e do Cambre ao grupo 2, que pon aos equipos de Santiago e da Costa da Morte, e ao Lamela no grupo ourensán.

Sorpresa en Monforte

No Lemos B, a noticia foi toda unha sorpresa e un cambio nos plans que tiñan de cara a esta tempada. O seu adestrador, Jesse, está preocupado polo «pau que supón a nivel económico». Sinala que «en Lugo teríamos equipos a 20 minutos en coche, polo que habería grandes derbis que traerían a moita xente ao campo», algo que en Ourense non saben si se darán.

Tamén se lles complica o estudo de rivais debido ao descoñecemento. Por sorte, o preparador físico é da zona, o que lle permitirá ao técnico «ter onde apoiarme para saber máis». Tamén preguntarán por Brollón polos perigos da liga, pero Jesse tamén é consciente de que «tocará estudar nas idas para resolver nas voltas».

O Brollón volve á Primeira Futgal lucense

Na provincia hai un regreso como é o do Brollón, que despois dun ano no exilio voltará á Primeira Futgal lucense. O seu novo adestrador, Diego Rey, sinalou que «algún está sorprendido polo cambio, pero como comezamos hoxe non tiven tempo a falar». Desde o primeiro momento contaban con seguir en Ourense, pero o técnico cheirábase que «podíamos volver a Lugo». Pese ao regreso, tamén fai fincapé en que «o ano será máis difícil en distancias porque a gran maioría dos encontros estaban a corenta minutos en coche».

Ao seu capitán, Miguel, pillouno por sorpresa porque «dabamos por feito que seguiríamos e a planificación estaba feita para iso». No seu corazón teñen claro que «sentimentalmente, este é o noso grupo e a categoría que nos costou recuperar 15 anos». O maior golpe é no deportivo debido a que «só pensas en xogadores que poidan ir a Ourense».

Sobre o Lemos, pola súa experiencia espera que van competir ben «porque hai moita xuventude en todos os equipos da zona». A diferencia entre grupos está no maior físico de Lugo e que hai máis artificiais en Ourense. Pero se ten que darlle un consello aos rapaces do Lemos B é » que amarren o maior número de puntos posibles na primeira volta porque na segunda podes caer».

Benvido Cire!

A Primeira Futgal lucense terá a un novo integrante como é o Cire de Melide. O seu adestrador, Luigi, admitiu que el «contaba con que podía pasar porque pola nosa situación xeográfica sempre temos moitas papeletas. Temos que afrontala e xogar». Neste sentido, afirma que xa están mirando «campos e xogadores» ante os que se medirán nunha modificación que «cambia como afrontar a competición». Nesta primeira vez na que virán a Lugo, «iremos ás cegas sabendo que se van a dar contextos novos que teremos que aprender a dominar».

Nesta tempada firmaron a Josema Osorio, que chega desde o Castro e que lle tocará ser o faro de luz do equipo no canto do coñecemento da provincia. O principal nome está na ofensiva e é David Pereiro, que marcou 19 goles na última tempada e 43 cando ascenderon á Primeira Futgal hai dúas campañas. Tamén está un mítico do fútbol galego como Álvaro Varela, que aos seus 45 anos segue dando leccións da calidade que o levou a xogar na Segunda División co Compostela e co Sporting de Gijón.

O mapa da Primeira Futgal reincorpora a Brollón, exilia ao Lemos B e engade ao Cire

Diario dun Mercado. Episodio 533