O Lemos B debutará en Primeira no grupo ourensán

O Lemos B foi o último conxunto que logrou subir de categoría en Lugo no curso 25/26. O filial alcanzou a Primeira Futgal, despois de sete temporadas en competición. A mágoa para o club foi que este éxito non fora acompañado polo ascenso do primeiro equipo á Terceira RFEF, do que estivo ás portas.

O triunfo do Lemos B trae agora involuntariamente un traslado cara Ourense. Foi incluído no grupo ourensán da Primeira Futgal, ao igual que lle pasara ao Brollón o curso anterior. Deste xeito, o equipo dos Medos volve a Lugo e o filial lemista toma a súa remuda.

Por terceira campaña seguida, a conformación dos grupos da 1ª trátase especificamente cada temporada e atende a criterios de proximidade. Non obstante, sempre hai conxuntos máis perxudicados á hora de establecer os cortes xeográficos.

Obviamente esta noticia foi a protagonista entre os membros do Lemos B esta semana, xusto cando comezaron a pretempada. «A nivel económico benefícianos xogar en Lugo porque hai unha serie de rivais da zona que poden mover público. En cambio, se temos en conta o cómputo global dos desprazamentos, poden ser máis cómodos a Ourense», explica José Antonio Vázquez ‘Jesse’, adestrador do Lemos B, con quen aproveitamos para charlar e analizar o que foi a temporada.

Jesse regresou no verán de 2025 ao Club Lemos, logo de saír do filial antes de rematar o curso 23/24.

O Lemos B só perdeu un partido na segunda volta

Os xogadores preparados por Jesse completaron un gran ano. Lucíronse especialmente na segunda volta. Neste período sumaron 40 puntos de 45 posibles. Só perderon co Sober e igualaron co Paradela. Iso si, este empate produciuse no momento decisivo: cando defendían o liderado no último encontro da liga.

«En Paradela non foi o noso mellor partido. Houbo nervios, precipitación e xa comezamos perdendo. Aínda por riba, tivemos unha arbitraxe que… non sei como puidemos acabar os 11 o encontro», conta o míster.

A pesar de lograr dez vitorias seguidas e permanecer dezaseis encontros sen perder, o filial non ocupou a primeira posición ata o mes de maio. A falta de dous encontros para o final, fíxose co liderado no duelo aprazado ante o seu máximo rival: o Becerreá.

«Falárase de xogar ese encontro antes, pero ambos equipos quixemos pospoñelo. Creo que os dous éramos conscientes do gran estado de forma no que estabamos e se había algún tropezo antes, igual ese partido era máis un trámite. Non foi así e acabamos competindo. Gañamos 0-2 e colocámonos líderes con dous puntos de vantaxe. Hai que sinalar que nese momento tiñamos a fase de ascenso asegurada dende había unhas cantas xornadas», puntualiza.

Non obstante, o resultado final no Gandarón condicionou a tempada regular e o cadro de Monforte finalizou en 2ª posición, praza de promoción de ascenso. Por segundo ano seguido, esta fase enfronta a dez conxuntos da provincia da Coruña, onde hai cinco grupos de 2ª, contra dous de Lugo, onde hai dous grupos. O Lemos B pasa a ser o primeiro equipo da provincia que logra o ascenso por este método.

«Cústame entender que haxa que ir xogarse un ascenso á Coruña ou a Ferrol. Non lle dou encontrado o beneficio, pero está claro que o haberá porque a Federación teno estudado así. Tampouco non podemos dicir que nos perxudicou», explica Jesse con retranca.

Aínda así, as dúas eliminatorias de fase de ascenso non foron nada doadas e o Lemos B sempre tivo que remontar. Perdeu 2-1 en Reboredo co Pino, gañou 1-0 na Pinguela e accedeu a seguinte rolda grazas aos penaltis (4-3). A final xogouna co Xuventude de Dorneda, que viña de eliminar ao outro representante lucense nesta promoción: o Guitiriz.

O filial tamén perdeu no campo da Marola (2-1). Con todo, a volta volveulle saír de cara e, xogando a baza da Pinguela, remontaron o resultado: 2-0.

«A pesar de perder o ascenso, metímonos no play off con moita ilusión. O principal problema foi non dar cadrado os horarios para non coincidir co primeiro equipo. Non houbo maneira. A primeira volta xogámola ás 12 h e puiden ir a Negreira co primeiro equipo. A da final xa foi imposible, ao ter que retrasar o noso partido ata as 20:00 h por mor da calor», lamenta.

«Si é certo que a xente chegaba xusta e ademais moitos xogadores adestraban co A. Centrámonos en realizar adestramentos de recuperación e ás veces fixemos as xogadas a balón parado sen porteiro ou con futbolistas que non ían ser titulares ao día seguinte«.

«Con todo, os rapaces amosáronse animados. Forono crendo e na casa fixemos un fútbol moi bonito. O fútbol que practicamos este ano na casa non era de Segunda Futgal. Fóra si que nos custaba moito máis».

«No Pino sufrimos. Eles puideron sentenciar a eliminatoria. Cara o final do encontro xeramos algunha ocasión e marcamos un gol de penalti. Despois na volta si fomos superiores. Na casa fixemos unha tempada impresionante e a Pinguela beneficiounos. Logo, evintemente, tivemos sorte, porque houbo que remontar dúas eliminatorias».

«O Dorneda tiven a posibilidade de estudalo máis, pero aínda así encaixamos un 2-0 moi cedo. O equipo non se veu abaixo e metímonos na eliminatoria, á qiue lle demos a volta na casa».

«Logramos un ascenso que evidentemente queríamos, pero non era o obxectivo ao principio de curso. O reto primordial era formar xogadores para o primeiro equipo. Lográmolo cedo, porque había varios rapaces que entraron rapidamente en dinámica de adestramento cos compaeñeiros de Preferente. O maior exemplo foi Dani Blanco. Logo tivemos lesións, sancións, etc. Xogadores como Cereijo ou Roberto Estévez acabaron cargadísimos. Despois de xogar, botaban dous días que case non camiñaban».

O monfortino Dani Blanco intercalou minutos co filial e, segundo foi avanzando a tempada, co primeiro equipo. Agora acaba de fichar polo Barbadás, rival do Lemos no grupo 2 da Preferente.

Jesse estivo implicado este curso no filial, pero tamén no primeiro equipo como axudante, primeiro con Edu de adestrador e logo con Marquitos. Por iso, viviu intensamente ambas fases de ascenso: «Lémbrome do Lemos en Terceira con equipos moi bos, pero a unión que houbo desta vez non a recordo. O día do Negreira xuntámonos ao redor de 1.000 persoas e ante o Portonovo sobre 1.300″.

Todo isto, despois de que o preparador regresara o pasado verán ao club, tras ser cesado no curso 23/24 por problemas cun directivo anterior. «Só teño palabras de agradecemento. Óscar Moure (director deportivo) apostou por min cando eu tiven que marchar do filial. Tratoume de xeito espectacular e traballamos man a man. Aínda non comezou a tempada e eu xa o estou botando de menos«, remarca Jesse, xa que Óscar marchou novamente do Lemos e vivirá a súa segunda etapa como preparador do Atlético Escairón.

Doce xogadores continúan da anterior tempada

A Pinguela agarda poder compaxinar os encontros de Preferente e de Primeira Futgal. De ser así, o filial xogará alí os seus partidos como local. Sobre o seu céspede, correrán, comínimo, 12 dos 18 futbolistas que acabaron o curso anterior no Lemos B. «Estamos a espera da recuperación de Roberto Estévez que acabou con pubalxia. Imos ter que agardar, mínimo un mes e algo, pero agardamos contar con el», conta Jesse. O grupo completarase con futbolistas novos procedentes esencialmente do Calasancio e do Monforte.

O Lemos B debutará en Primeira no grupo ourensán

Diario dun mercado. Episodio 534

O Lemos B debutará en Primeira no grupo ourensán

O Lemos B debutará en Primeira no