#Fútbol afeccionado #Feminino #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Contracrónica VI All Star Futbolinlugo Pastoriza 2026

Xa de adulto aprendín o verdadeiro valor do tempo. Se pasa rápido, vale a pena. Se non avanza, algo falla. E o VI All Star Futbolinlugo, así como o seu arduo proceso de produción, foi un ‘visto e non visto’.

Desfrutamos como ananos. Evidenciamos un xuño máis o crecemento e gran saúde do noso fútbol feminino. Dá gusto ollar cara unha bancada ateigada con representación de todos os clubs da provincia. E, no verde, por fin tivemos o duelo máis igualado da historia entre Gadis Lugo Norte e Caixa Rural Lugo Sur. De feito, chegou a tan ansiada vitoria do Norte (3-2). As de Pili Neira e Héctor Expósito aproveitaron o mellor combinado dos que recordamos para remontar e finiquitar a hexemonía das sureñas.

O euipo Sur comezou marcando e é de xustiza devolverlle a honra a Marián do Monteforte, a quen, pola confusión do directo, non lle concedemos a autoría dese primeiro gol. Nuria Louzao anotou o segundo, pero o Norte non se rendiu. Xiana marcou o primeiro e, logo, Irene Sante asinou un dobrete. Iso si, non repetiu MVP. Houbo dúbidas entre a bigoleadora, a eterna Nuria Louzao, a chantadesa Iria, ou a súa homónima do elenco norteño. E os nosos expertos decidiron premiar o talento da Iria do San Lázaro.

Sorpresa colexial

Brenda Lence recibiu esta sorpresa por parte das súas compañeiras. RÓBER CARREIRA

Antes deste partidazo, xa tiveramos tempo de gozar da primeira das homenaxes da tarde. A dun Dani Roca que deixará de perforar as porterías do noso territorio. Porén xa está no agarimoso recordo de todo o fútbol lucense. O segundo dos recoñecementos resultou un tanto sorpresa. Non tanto para nós, que estabamos compinchados con parte do trío arbitral. As compañeiras da colexiada principal Brenda Lence quixeron ter un bonito detalle coa moza árbitra, que colgou o chifre no Acebreiro. A emoción subía de nivel na Pastoriza! Máis aínda coa despedida ao capitán do Abadín Regueira, ante a chea bancada do Acebreiro.

Tocaba dar paso aos concursos Vicepresidencia Primeira Deputación de Lugo, con máis participación e nivel que en calquera das edicións anteriores. Moitos dos participantes luciron camisolas ‘vintage’ dalgún dos seus equipos. Pasarela Cibeles das de verdade! Tamén evidenciaron certos problemas impropios da súa calidade. Vimos como Make e o velocímetro non se levaban ben… Non foi o único, todo hai que dicilo! Logo, a Martín de Paradela fallar a portería baleira en contadas ocasións… Ou á próxima fichaxe do Racing Villalbés, Brais Prieto, impor a súa potencia entre tanta adversidade.

Polémica vintage

O picoteo patrocinado por Torre de Núñez. FIL

Así gañou o de Frexulfe a súa paleta e o trofeo facilitado por un gran aliado como foi o Concello da Pastoriza. Mesmos premios que conseguiu Dani Pedrosa no xogo dos rebotes intelixentes. Vaia agudeza visual mostrou o ribadense para seguir o baile de luces! E para rematar, que sería dunha tarde de fútbol sen polémica… Javi Pita levouse o ‘Crossbar Challenge’, o tamén chamado ‘Tiro ao longueiro’ , cun discutible lanzamento ao que o noso Santi Real deu validez. A falta de VAR, todo se solucionou despois no BAR (perfectamente xestionado polos amigos da UD Pastoricense), coa última das degustacións de xamón e chourizos que nos brindou Torre de Núñez.

Unha vez repartidos os produtos cárnicos, vivimos unha sesión dobre de homenaxes. O gardamallas focego Hugo Xoyma e o local Raúl recibiron o seu máis que merecido recoñecemento. E aínda deu tempo a un ‘bonus track’ (epílogo en galego). No pasamans do partido masculino, puidemos comprobar que o ‘Gato do Vicedo’ vestía unha indumentaria distinta ao resto. Faltaba a súa camisola e brazal All Star, converténdose así no derradeiro homenaxeado da tarde. Dous pequenos detalles que recibiu de mans do seu excompañeiro Make, unha das implementacións desta edición do All Star.

penaltis

A gran novidade desta edición

Regueira, capitán do Abadín, no inicio da súa homenaxe. RÓBER CARREIRA

A presenza de xogadores de Terceira RFEF (Make ou Dani Pedrosa) xunto coa de lucenses ‘exiliados’ na Preferente (Lourido, Brais Prieto ou Martín) déronlle un pulo a un combinado Hermo Tibor, no que os futbolistas de Terceira Futgal raiaron a gran nivel. O combativo BIG MAT Huertas de Primeira e Segunda Futgal, liderado polo MVP Cayuela, plantou cara durante todo o encontro. Iso si, un gol en cada parte de Pedrosa e Ferreiro, situou o 2-0 final para o Hermo Tibor no marcador.

A noite caía na Pastoriza. E con ela os últimos agasallos das xa tradicionais rifas. A camiseta do Sevilla asinada polo sempre querido Andrés Castrín pechaba unha xornada para o recordo amenizada coa banda sonora do noso mestre de cerimonias. O gran Iván Calaza lanzou un alegato de supervivencia do danado ecosistema do balompé lucense. Da importancia do rural e o fútbol das parroquias. En definitiva, de poñer en valor este gran soño que hai máis de dez anos iniciamos catro tolos. E no que, día a día, sumamos novos devotos.

Contracrónica VI All Star Futbolinlugo Pastoriza 2026

Diario dun Mercado. Episodio 513