Iberia, Xove Lago e Castro non puideron evitar o descenso de categoría, mentres que Oural, Outeiro, Lourenzá, Taboada e Brollón tiveron un desenlace feliz na derradeira xornada da Primeira Futgal. O Ribadeo superou á Residencia e xogará a promoción de ascenso á Preferente.
O Racing Villlabés golea a un Iberia que xa pensa no vindeiro curso (5-1). O cadro chairego saiu moito mellor ao verde da Fonte e fixo tres goles en media hora para encarrilar o choque. Os de San Miguel melloraron co paso dos minutos e recurtaron diferenzas antes do descanso. Porén, na seguna metade, de novo o filial racinguista apretou e pechou o resultado con dous goles máis, 5-1 en Cospeito para pechar a temporada.
O Chantada Atlético saca tres puntos de Frigsa para pechar o ano (0-2). Tras unha primeira parte igualada e propia dun partido sen nada en xogo, a Milagrosa saiu mellor tras a reanudación, pero errou unha pena máxima. Foi entón cando o «Atlético» introduxo cambios para renovar ao seu cadro e se fixo co control do xogo: fixeron dous bos goles e puido chegar o terceiro, pero a Milagrosa competiu ben ata o asubío final e o electrónico mantívose no 0-2.
A loita polo descenso mantívose viva ata o derradeiro segundo da temporada
O Guntín gaña na última xornada da «Liga» (2-4). Non había moito en xogo en Santaballa, pero o Guntín amosou todo o seu potencial ofensivo. O Santaballés respondeu ao gol inicial (Dávila) dos visitantes, e co 1-1 chegou o descanso. Na segunda metade, os erros defensivos dos chairegos permitiron aos laranxas coller unha renda de tres goles, ata o 1-4 (Samu, Fran Pastor e Pablo). Finalmente, os locais maquillaron o resultado co 2-4 para pechar un ano positivo para ambos conxuntos.

O Ribadeo convence no Pepe Barrera e xogará a promoción de ascenso (4-1). A intensidade foi protagonista no feudo mariñán e a proposta de Moirón tivo éxito. Castrín fixo un golazo nunha acción individual desde banda dereita para poñer o 1-0 no comezo e o tanto supuxo un mazazo para a Residencia. Sergio aproveitou un balón solto na área para poñer o 2-0 e, xa no segundo tempo e cos branquiazuis máis estirados, Santi culminou unha contra (3-0). A Resi non se rendiu e recurtou diferenzas nunha falta, pero os celestes tiraron de oficio e mataron o choque por medio de Meitín nunha nova transición.
O Oural gaña ao Foz e elude o descenso (2-0). Aínda que os mariñáns empezaron mellor e estrelaron un balón na trave no comezo, o Oural aproveitou un saque de banda para facer o 1-0. Con ese resultado chegou o tempo de lecer e, xa na segunda metade, o Foz envorcouse na procura do empate. Nese contexto, Cayuela aproveitou unha transición para sentenciar o choque e garantir a permanencia dos sarriáns na Primeira un ano máis, 2-0.
O Brollón tardou, pero fixo os deberes (1-2). Os lucenses chegaron ao feudo de La Purísima sabendo o que había en xogo para ambos, pero foron máis intensos desde o comezo e Isma fixo xustiza co 0-1. Ao longo do primeiro tempo, os de Chura non permitiron que os ourensáns xerasen oportunidades de perigo. Co paso dos minutos os da Pobra acusaron o esforzo, pero Isma erixiuse como o heroe ao anotar un 0-2 que daba tranquilidade. Xa preto do final, La Purísima puxo o 1-2 cun golazo, pero o Brollón xestionou a vantaxe para permanecer na Primeira.
O Lourenzá gaña, salva a categoría e descende ao Castro (3-2). Aínda que os chairegos dominaron nos primeiros 5′, o Lourenzá reaccionou rápido e Paulo transformou un penalti para poñer o 1-0. O gol foi un mazazo para o Castro, que non se repuxo e encaixou dous tantos máis antes do 30′ (Yago e Paulo). Tras o descanso, os vermellos deron un paso adiante para evitar o descenso: recurtaron diferenzas nun saque de esquina (3-1, Muíña), afundiron ao Lourenzá e fixeron o 3-2 cun rexeite aproveitado por Montes. Porén, o «Atleti» resisitiu os ataques dos visitantes nos últimos dez para manter a categoría e o Castro non acadou un empate que o salvaría do descenso á Segunda.
O Taboada gaña a final pola permanencia diante do Xove (2-1). As imprecisións de ambos conxuntos foron protagonistas na primeira metade, froito dos nervios pola magnitude do partido. O Taboada, porén, aproveitou un penalti provocado por Mosky para poñer o 1-0 na reanudación. O Xove non se veu abaixo e —tamén nunha pena máxima— igualou o electrónico. O Taboada aproveitou o factor campo e, logo dunha gran acción por banda de Elías, Mosky rematou o centro deste para anotar o 2-1 e desatar a tolemia nunha Medela que vivirá fútbol de Primeira un ano máis. Pola contra, o descenso do Xove consumouse e os verdes procurarán voltar a categoría pola vía rápida o vindeiro curso.
O Monterroso perde co Escairón, pero pensa na promoción (0-1). O fútbol simultáneo en Cerdeiriños (coincidiron os partidos de filial e primeiro equipo na instalación) non deixou indiferente a ninguén, pero o cadro de Fernandito non estivo tan concentrado como adoita. O Escairón, co seu característico fútbol pragmático, non fixo concesións defensivas e aproveitou unha acción de Abraham na recta final para sacar os tres puntos na casa dun segundo clasificado no que participaron dous cadetes e tres xuvenís.
Outeiro e SD Chantada igualan e cumpren obxectivos (1-1). Os chairegos fuxiron da pantasma do descenso xa no primeiro tempo, cun ritmo de xogo alto que lles permitiu adiantarse por medio de Debasa, 1-0. Na reanudación, o campión da categoría demostrou a súa capacidade futbolística, pero o exercicio de resistencia local fíxose notar ata o 85′. A ‘SD’ empatou, pero o Outeiro tirou de oficio e conservou un punto que lles aseguraba a permanencia na Primeira Futgal.


