A xornada deu para sí no Trío de Ases O Cantón e sellou a permanencia do Viveiro na Terceira RFEF despois de gañar ao Alondras. A outra cara da moeda chegou en Sarria, onde a Sarriana firmou o seu descenso matemático. No limbo está o Burela, que volve a achegarse á salvación tras gañar na Marosa. No canto dos playoffs, o Lemos acaríñaos, mentres que Lugo B e Racing Villalbés xogaranse as súas opcións nun derbi final. O Pol, cos deberes xa feitos, perdeu ante o San Tirso.
O Viveiro seguirá na Terceira RFEF
Chegou a tan ansiada permanencia matemática do Viveiro despois de conseguir unha gran vitoria ante o Alondras por 1-2 nun encontro onde os de Alberto López souberon sufrir e remontar para conseguir levarse os tres puntos que máis calma dan do ano. O primeiro golpe, en cambio, foi dos locais na súa única chegada no primeiro tempo. Martín Rafael e Aitor Aspas conectaron para que Adri Cruz firmase un golazo que poñería aos do Morrazo por diante
A reacción do Viveiro xa chegou cun cambio de sistema do Viveiro, que comezou a asentarse en campo contrario. En cambio, a igualada tardou en chegar ata o minuto 76 de encontro, onde o colexiado sinalaría un penalti por man que transformou Arturo. Os mariñáns volcáronse e tiveron grandes oportunidades ata o minuto 87. Unha falta lateral depararía nun remate de Colucci que pararía Pedro, pero o rexeite quedoulle a Manu Martín para desatar ao Viveiro.
O Lemos está a só un paso da promoción
O Lemos ponse a só un paso de alcanzar a promoción de ascenso despois de vencer e convencer á Pinguela por 5-1 ante o Cented Academy. Os de Markitos non puideron arrancar o encontro mellor, xa que no minuto 4, Aissa abriría o marcador. Os ourensáns deron un paso cara adiante para ir a polo empate, algo que conseguirían no minuto 22 despois dunha xogada de estratexia que remataría David Vieira.

Despois do descanso, chegaría a voráxine monfortina. Fito conseguiu o 2-1 moi pronto e Adri Díaz seguiuno para comezar a encarrilar a vitoria. Rogerio e outra vez Fito, que continúa liderando a carreira por ser o máximo goleador do grupo, sentenciaron o encontro. O Lemos xa terá unha opción de poder entrar matemáticamente no playoff na seguinte xornada. Se empata ou perde o Antela ou o Atlético Arnoia, xa estará dentro.
O Burela quere maximizar as súas opcións
O Burela conseguiu unha vitoria moi importante ante o Sofán por 2-1 na Marosa que fai que a permanencia xa estea a só dous puntos. Os de Julio Castro entraron moi ben ao encontro ante un dos equipos con máis ritmo da categoría. Os mariñáns aproveitaron os espazos para poder facer moito dano e, cun cabezazo de Jairo Campo á media hora de encontro, abriron o marcador. Catro minutos despois, un saque de Kiko converteuse no tanto de Junior.
Diego Chao estivo a piques de sentenciar o encontro nunha ocasión clarisima ao comezar o segundo tempo. O Sofán reaccionou, pero Kiko saiu ao rescate cunha dobre parada de cine e outra intervención espectacular para manter no mando ao Burela. Os visitantes anotaron por medio de Dani Becerra no minuto 88 e fixeron sufrir a un equipo mariñán que tivo que rematar o partido cun home menos pola expulsión a Yago.
Todo se decidirá nun derbi
O Lugo B aínda ten unha última palabra na loita pola promoción despois de gañar por 5-1 ao Barbadás no Anxo Carro. Os lucenses firmaron un partido moi completo desde o inicio e, antes de abrir o marcador, xa tiveron un gran número de oportunidades. Pascu abriu a lata á media hora e Ibe fixo un doblete para conseguir que os de Dani Galán aproveitasen o escenario para poder ter o encontro encarrilado.
Na segunda metade, os goles continuaron. Dacal e Fran Blas redondearon a conta do Lugo B e Manu Cougil fixo o tanto da honra dun Barbadás que xa está descendido. Dani Galán aproveitou para darlle entrada a rapaces do xuvenil e o encontro rematou co filial albivermello tendo opcións na última xornada para meterse entre os cinco primeiros.
Pero, ademais de non depender de si mesmo, mediranse na última xornada ante o Racing Villalbés. Os chairegos perderon a súa posición dentro da promoción despois de caer ante o Gran Peña por un contundente 4-1. Pese a unha boa saída ao campo, dous golpes de Cellerino e Coira foron mazazos que Fran López se encargou de rematar. O gol de Borja Míguez non puido ser máis que o tanto de honor, o que fai que a semana que vén, A Magdalena teña xornada de derbis e transistores.
A Sarriana descende
A realidade tomou o ton máis cruento para a Sarriana nas derradeiras xornadas da tempada e tivo a súa conclusión cunha derrota por 3-4 ante o Rayo Cantabria que certifica o descenso á Terceira RFEF aos da Ribela. Os de Dani Giménez fixeron un gran encontro onde o dominio e as ocasións foron na gran maioría do encontro para eles, pero o filial do Racing de Santander conseguiu facer moito dano nas transicións para levarse os tres puntos.
Derrota, pero salvación matemática
O Pol, xa con todos os deberes feitos despois de como se deron o resto de resultados da xornada, caeu ante o San Tirso por 1-2 nun novo encontro onde as baixas xogaron un factor fundamental. Con só dez homes do primeiro equipo, lograron competir ante un dos cocos da liga. Gamallo adiantaría aos do Monte, pero Samu Quintela empataría á saída dun saque de curruncho. Christian Rey daría a vitoria aos seus noutra xogada de estratexia.


