O Sangoñedo pode volver ver á SD Chantada en Preferente

A SD Chantada está a piques de regresar á Preferente oito tempadas despois da súa última estadía. O plato parece servido, xa que con gañar no Sangoñedo ante o Castro este domingo ás 17:00 horas chegaríalles, pero os chairegos chegan co coitelo entre os dentes, xa que aínda non teñen os deberes feitos para permanecer un ano máis na Primeira Futgal.

As contas á SD Chantada sáenlle só con gañar o encontro, pero se a Residencia pinchase no Municipal de Xove tamén poderían festexar o título coa súa afección. Iso si, veñen de dúas semanas nas que non tiveron acerto. Primeiro, quedaron fóra ante o Guntín na Copa e, despois de que o conxunto lucense lles deixase a porta aberta ao ascenso, desperdiciaron a súa primeira bóla de partido en Foz.

O Castro chega en plena recuperación de efectivos e coa urxencia de ter que certificar a permanencia. A falta de cinco encontros para que remate o curso, só teñen seis puntos de diferenza co descenso, algo que non asegura nada sabendo a gran igualdade que hai en todo o grupo. As lesións veñen de lastrar moito a tempada dos de Dumi, que só puideron completar a convocatoria en dúas das 29 xornadas desputadas.

O encontro da primeira volta (2-3), desputado o 30 de novembro, deixou un dos grandes partidos da competición. Pese a que o Chantada foi quen de poñerse 0-3 no primeiro tempo, un dobrete de Dani Díaz deixou dez minutos de tensión nos que o Castro non puido igualar o encontro.

Falamos con ‘Kadete’ do Chantada, capitán do equipo e un dos poucos que quedan do equipo que xogou na Preferente, e con Dumi, adestrador do Castro e tamén parte do equipo que estivo co Castro na Terceira.

OS PROTAGONISTAS

David Diéguez ‘Kadete’ (SD Chantada)

Sentimentos antes do partido: «É unha semana que se nota moi diferente, pero é fermosa. Temos incluso algo de nervios, pese a que chegamos nunha situación moi boa. Se algo sabemos é que no mundo do fútbol é moi difícil poñer a guinda a un bo ano, por iso queremos intentar facelo canto antes».

Afección: «Hai oito tempadas que non estamos na Preferente. Co cambio de proxecto, desde hai catro anos, estase xerando un ambiente moi especial e a ilusión é moi grande. De feito, este ano está sendo incrible. Levamos un autobús a Foz, polo que só podemos dar as grazas a todos os que nos apoian enchendo O Sangoñedo».

O Encontro: «Para poder gañar, necesitamos recuperar o noso mellor nivel. O Castro está nunha situación que non esperabamos na tempada porque coñecémolos e sabemos que teñen moito ritmo e verticalidade. Veñen de gañar á Residencia hai dúas xornadas e aínda se xogan cousas importantes».

Diego Pardeiro ‘Dumi’ (Castro)

O partido: «Sabemos que para eles é moi importante porque teñen a festa case montada, pero queremos demostrar que nós non imos coma invitados. Queremos loitar para lograr os puntos. Insistin esta semana no vestiario na importancia de estar tranquilos e traballar para poder sumar e consolidar a permanencia».

Cousas que facer para gañar:«Temos que xogar con calma e desfrutar dun ambiente precioso que se vai xerar en Chantada. Para sumar, está claro que temos que estar serios atrás sen cometer ningún erro. O ano pasado chegamos a Burela nunha situación semellante e só un gol no minuto 95 nos privou de sumar un punto máis».

A tempada: «Esta claro que nos gustaría ter feito os deberes moito antes, pero foi unha tempada complicada polas baixas. En só dúas xornadas puidemos completar a convocatoria, pero esperamos que nestas cinco xornadas poidamos recuperar a xogadores mancados que son moi importantes para nós».

A AXENDA

  • O Viveiro está a piques de selar a súa sexta permanencia seguida na Terceira Galega. Esta fin de semana podería conseguir a salvación matemática con respecto ao descenso directo. Con todo, deberá seguir pendente dos arrastres da Segunda RFEF.
  • Aínda que xoga fóra da casa, o PM Friol, que milita na cuarta categoría do fútbol feminino español, ten un partido clave ante o Victoria de Santiago (domingo ás 12:00 horas). De gañar en Santa Isabel, chegaría a última xornada con opcións de xogar a promoción de ascenso á Segunda RFEF. Iso si, todo depende de que As Celtas B non poida xogar esa fase que logrou deportivamente, polo non ascenso de As Celtas á Primeira RFEF.
Once do Viveiro na 23ª xornada ante o Cambados. Foto: Viveiro CF

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Eirís (Domingo ás 12:30 horas no Luis Gorgoso): Quedan sete xornadas no grupo 1 da Segunda Galega. A Milagrosa mantense na zona de promoción de ascenso con 50 puntos, pero precisa seguir puntuando para non perder a 4ª posición. O equipo do barrio do mesmo nome da cidade da Coruña ocupa un posto nunha tranquila zona media da táboa.

Primeira Galega Feminina

Carballedo – Comercial (Domingo ás 11:30 horas no Catro Ventos): A competición volve ter outra fin de semana de descanso, pero o Carballedo e a Comercial xogan o seu encontro aprazado da 15ª xornada. A Comercial volverá intentar sumar os primeiros puntos da temporada ante un Carballedo que vén de gañar ao Monteforte e quere ocupar o 5º posto.

Segunda RFEF

SD Sarriana – Marino de Luanco (Domingo ás 16:00 horas na Ribela): Encontro directo pola permanencia na cuarta categoría do fútbol español. A Sarriana chega fóra do descenso cun punto máis que o seu rival, que está nesa zona de perigo. En Miramar, na primeira volta, empataran a un gol. Quedan tres xornadas. Os tres partidos da Sarriana serán ante conxuntos directos.

Un hipotético descenso da Sarriana provocaría o arrastre do 15º clasificado na Terceira RFEF, que a súa vez provocaría o descenso en cascada do peor 14ª dos dous grupos da Preferente e do peor 15º dos seis grupos da Primeira Futgal.

Terceira RFEF

Viveiro – CD Lugo B (Domingo ás 12:00 horas en Cantarrana): Derbi lucense co Viveiro moi preto de lograr a salvación. Conta con oito puntos (nove en xogo) de marxe con respecto a primeira posición de posible arrastre e tamén cun dos postos de descenso directo. Con todo, tería que agardar a que se confirme que non baixa máis dun equipo na Segunda RFEF para celebrar a permanencia definitiva. Pola súa parte, o filial albivermello necesita gañar para manter as súas opcións de xogar a promoción de ascenso. Está a cinco puntos do Racing Villalbés.

Preferente

Burela – Negreira (Domingo ás 17:00 horas na Marosa): O Burela precisa os puntos para seguir na pelexa pola salvación. Chega a esta xornada a dous da permanencia cando faltan cinco partidos por xogar, tres deles na casa. O rival quere manter a segunda praza para contar co factor campo en toda a fase de ascenso.

Lemos – Beluso (Domingo ás 17:30 horas na Pinguela): O Lemos pelexará por xogar a promoción de ascenso ata o final. Boa parte das opcións pasarán por gañar os tres encontros da Pinguela. Agora mesmo é 6º empatado a puntos co 5º (O Porriño Industrial) e co 7º (Atlético Arnoia). O Beluso chega con sete puntos menos, polo que as súas aspiracións de xogar ata o final pola promoción pasan por gañar en Monforte.

Primeira Futgal

Oural – Chantada Atlético (Domingo ás 16:00 horas no Luis Pallín): Encontro entre dous equipos que pelexan pola salvación. Afrontan as cinco xornadas que quedan fóra do descenso directo. O Oural é 13º con 31 puntos, mentres que o Chantada Atlético ocupa a 15ª posición con 30 unidades. Na primeira volta o Oural venceu no Sangoñedo (0-2). 

Ribadeo – Iberia (Domingo ás 18:00 horas no Pepe Barrera): Derbi con moito en xogo para ambos os conxuntos. Os locais queren seguir tendo opcións de xogar a fase de ascenso, están a cinco do Monterroso. Xogarán xa sabendo o resultado do Monterroso – Santaballés. Pola outra parte, o Iberia quedou a seis puntos da permanencia ao perder no partido da pasada xornada co Taboada. Necesita a vitoria para seguir con posibilidades. 

Segunda Futgal

Folgueiro – Matela (Sábado ás 17:00 horas en Boavista): Moito en xogo para os dous. Logo de perder co Cabreiros, o Folgueiro quere volver gañar e agardar un novo fallo do Guitiriz para colocarse líder. Recibe a un Matela que quere agarrarse as súas mínimas opcións de permanencia. Os locais xogan avisados, xa que na primeira volta perderan en San Lourenzo de Aguiar. 

Sober – Lemos B (Sábado ás 18:30 horas en Centeás): Duelo de proximidade cun Sober moi necesitado de gañar. Está a cinco puntos de saír dos postos de descenso directo, pero ese primeiro ou segundo poderían ser tamén de arrastre. En fronte estará o equipo coa mellor xeira do grupo. O Lemos B gaña todo na segunda volta e presentarase en Centeás con dez triunfos seguidos. Está a un punto do líder Becerreá e quere seguir, como mínimo, a súa estela. O 1 de maio duelo directo entre ambos. 

A Piringalla e o Taboada B igualaron 2-2 na ida. Foto: Róber Carreira

Terceira Futgal

Xóganse os partidos de volta das catro semifinais polo ascenso á Segunda Futgal. No caso de que a eliminatoria quede igualada ao final dos 90 minutos, haberá prórroga. Se persiste o empate, o pase decidirase nos penaltis.

Muimenta – Rioaveso Machinango (domingo ás 16:00 horas no Pichón) (1-0): O Muimenta agarda que o factor Pichón culmine a vantaxe que trae de Paraños. O cadro celeste busca volver á Segunda un ano despois, logo de non poder seguirlle o ritmo na liga ao Catro Roldas e ao Mondoñedo. O Rioaveso ten que apelar a épica para seguir no camiño de lograr o seu primeiro ascenso tras volver a competición en 2015. 

Abadín – Cazás (domingo ás 17:00 horas no Municipal) (3-2): O Abadín xoga coa vantaxe no marcador e tentará facer valer o factor campo. A pasada tempada os dous protagonizaron tamén a primeira eliminatoria do play off. Daquela coa ida en Abadín (2-1) e a volta en Cazás (1-1). O Abadín quere volver a Segunda dous anos despois. O Cazás persegue o soño de lograr o primeiro ascenso da súa historia. 

Quiroga – O Incio (domingo ás 17:00 horas no San Martiño) (1-1): Hai un ano descenderon xuntos e agora só un deles proseguirá o seu camiño cara a búsqueda do ascenso. Está todo por decidir no San Martiño. No caso de empate ao final dos 90 minutos, haberá prórroga. 

Taboada B – Piringalla (domingo ás 18:00 horas no Anexo da Medela) (2-2): Igualdade tamén para o encontro de volta. A Piringalla quere intentar o seu segundo ascenso nestes anos 20 logo do seu descenso o curso anterior. Mentres tanto, o Taboada B quere celebrar a súa primeira subida. Na sombra, a situación do primeiro equipo na Primeira Futgal, que podería condicionar o ascenso do B. 

Foto de portada: Róber Carreira – Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial

O Sangoñedo pode volver ver á SD Chantada en Preferente

O Sangoñedo pode volver ver á SD