Catro conxuntos da Primeira Futgal son os únicos supervivintes no torneo do KO, a Copa Diputación. Logo da eliminación do Lemos por parte do Monterroso, o campión desta competición sairá de entre Ribadeo, Monterroso, Guntín e Atlético Escairón, que completaron unha eliminatoria de cuartos de final moi seria para deixar fóra aos seus rivais e que demostraron que a Primeira Futgal ten un nivel moi alto.
O Ribadeo levou o derbi mariñán e o Escairón non deu opción ao Castro
É o caso do Ribadeo, que se puxo por diante moi cedo no derbi mariñán ante o Foz e minimizou os erros defensivos para chegar cunha renda de 1-0 ao tempo de lecer. Tras o paso por vestiarios, un novo gol moi tempraneiro duplicou a renda para un cadro celeste que mantivo as prestacións sen balón. O Foz procurou con insistencia o gol, pero finalmente os do Pepe Barrera sentenciaron a primeira das eliminatorias na xornada de Xoves Santo, 3-0.
O Escairón, pola súa banda, chegou a Castro deixando claro que a Copa é unha das súas competicións fetiche. Noureddine fixo dous goles antes do descanso e Rubén sentenciou co 0-3 á volta dos vestiarios. Os locais non lle perderon a cara ao partido, pero a sobriedade defensiva visitante e as baixas dos de Dumi permitiron que os do Saviñao fixeran o cuarto tanto da tarde, o terceiro de Noureddine noutro dous duelos que se disputou o Xoves, 0-4 no feudo chairego.
Unha das sorpresas da xornada tivo lugar en Cerdeiriños. Un Monterroso que está rendindo a gran nivel deixou fóra a unha das sensacións da Preferente Sur, o Lemos. Un erro en saída de balón traduciuse nun penalti que anotou Lorenzo pasada a media hora de xogo e, desde ese intre, os vermellos defenderon a súa renda ante un Lemos baixo de efectivos e que non xerou gran perigo sobre a porta local. Ao término dos 90′ regulamentarios, o 1-0 deu o pase ao Monterroso.

A eliminación do Lemos só deixa vivos a clubes da Primeira
Tamén o Guntín deu un gran golpe ao eliminar á SD Chantada. Aínda que Damián tivo a primeira do partido, os laranxas fixeron o 1-0 á saída dun córner e gañaron en intensidade aos chantadinos, que encaixaron o segundo tanto nun desaxuste defensivo que aproveitou Borja antes do descanso.
Os de Traste deron un paso adiante tras o paso por vestiarios e Tino recurtou diferenzas a pase de Kadete. Cando máis apretaban os visitantes, unha rápida transición deixou a Dani diante da portería para asinar unha espectacular vaselina e sentenciar o choque co definitivo 3-1 no Ladairo. As semifinais, previstas para o vindeiro 24 de maio, enfrentarán ao Monterroso co Guntín e ao Ribadeo co Escairón en Cerdeiriños e no Pepe Barrera, respectivamente.


