#Fútbol afeccionado

Un derbi para trocar a mala xeira

Falar de urxencias con dez partidos por diante parece desproporcionado, pero hai situacións negativas que curan cun triunfo. É o caso da Sarriana que vén de caer nos últimos catro partidos dun xeito cruel e que ve no derbi diante da UD Ourense unha oportunidade para revertir a mala xeira e de paso escapar dos postos de descenso. O balón porase a rodar na Ribela o domingo ás 17 horas, coa arbitraxe do galego Alexandre López.

A Sarriana é decimocuarta na táboa clasificatoria con vintecinco puntos e ocupa praza de descenso. Os sarriaos contan cun punto menos que o Rayo Cantabria, conxunto que está en posto de play out, e tres menos que o Real Valladolid Promesas. A situación do conxunto adestrado por Dani Giménez, que cumprirá dous partidos de sanción logo das súas declaracións en contra do estamento arbitral, empeorou de xeito considerable no último mes de competición logo de caer derrotada nos últimos catro partidos disputados.

Ademáis, a forma de perder resultou o máis cruel posible. Fronte ao Real Valladolid Promesas, os sarriaos foron quen de igualar un 0-2 en contra, pero no minuto 90 chegou o tanto do triunfo pucelano. No derbi fronte ao Fabril, o extremo Fabi anotou o gol da vitoria deportivista no tempo de desconto, mentres que fronte á Ximnástica Segoviana a remontada visitante chegou no último cuarto de hora, resultado o gol decisivo tamén co tempo cumprido. No último partido, fronte ao Coruxo no Vao, o tanto dos vigueses chegou no minuto 96. Deste xeito, os tres puntos antóllanse vitais, tanto deportiva como moralmente para os de Dani Giménez.

Pola contra, a situación da UD Ourense é moito máis desafogada, tanto que ocupa a sexta praza a só dous puntos dos postos de promoción de ascenso. Malia todo, no mes de febreiro tampouco coñeceron a vitoria os ourensáns, acadando tres empates e unha derrota. Aínda así, os de Borja Fernández están a realizar unha gran temporada no ano do seu debut na Segunda RFEF.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos na Ribela tivo lugar o pasado 4 de maio de 2025, cando Sarriana e UD Ourense militaban na Terceira RFEF. Daquela o triunfo quedou na casa cun solitario tanto de Diego Rey, hoxe nas filas da SD Pol.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Iago Parga (SD Sarriana)

Foto: Alba Arias

Mala xeira do equipo. «Desde dentro estamos tranquilos, pero non deixamos de ser conscientes de que o domingo temos unha gran oportunidade para poder revertir esta situación na que estamos e poder brindarlle unha vitoria á nosa afección«.

O encontro. «Agardo un partido moi disputado e competido, como o son todos na Segunda RFEF, entre dous equipos que queremos ser protagonistas a través do balón e do bo xogo. Se queremos sumar os tres puntos debemos ser protagonistas a nivel ofensivo, sendo fieis ao noso estilo. Na faceta defensiva temos que ser intensos e incómodos e tentar volver a manter a portería a cero, feito que nos deu moitos puntos esta temporada. Ademáis, agardo que haxa un gran ambiente nas gradas da Ribela«.

Moitos implicados na permanencia. «A Segunda RFEF é unha liga moi complexa, xa que, case un tercio dos equipos descenden de categoría, e como todos os anos, está moi igualada. Cada punto de aquí ao final de temporada vai ter unha importancia vital, polo que debemos buscar sumar en todos e cada un dos encontros que restan ata que remate a liga«.

A AXENDA

Primeira Galega Feminina

Antas – Orzán B (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): seis triunfos consecutivos con vintesete goles a favor e sen encaixar nos tres últimos encontros. Datos que convidan ao optimismo para as da Ulloa, que confían en sumar tres novos puntos e achegarse ao liderado.

Segunda Galega Feminina

Milagrosa – Tordoia (Domingo ás 18 horas no Luis Gorgoso): auténtico partidazno na Frigsa. As locais queren consolidar o seu bo momento e tamén a súa praza no play off de ascenso diante do líder da categoría e que ata o de agora se amosa intratable.

San Lázaro – Nicrariense (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): as lucenses, que só sumaron un punto nos últimos cinco encontros, queren reencontrarse co triunfo. Reciben a un equipo instalado na zona baixa da clasificación.

Preferente Futgal

Pol – Betanzos (Domingo ás 12 horas no Municipal): no mellor momento da temporada, os de Labrada queren seguir escapando do perigo e escalando postos na clasificación. Reciben a un dos candidatos ao ascenso, un Betanzos que ocupa praza de play off.

Lemos – Moaña (Domingo ás 16:30 horas na Pinguela): logo de tres empates consecutivos, sen marcar nen recibir goles, os de Edu Rodríguez precisan dunha vitoria para retornar á promoción de ascenso. Enfronte estará o Moaña, conxunto que está situado en descenso e que perdeu os últimos tres encontros.

Primeira Futgal

Taboada – Monterroso (Domingo ás 16:30 horas na Medela): derbi entre dous conxuntos con distintas aspiracións. Os locais contan cos mesmos puntos que os equipos que están en descenso, mentres que os monterrosinos contan só teñen un punto menos que o terceiro clasificado. Tres puntos importantes para ver máis preto a meta.

Segunda Futgal

Riotorto – Folgueiro (Sábado ás 16 horas na Veiga): logo da derrota no campo do Gutiriz, o Riotorto precisa tres puntos para volver a aspirar ao liderado e alonxar na clasificación a un Folgueiro, que no caso de gañar superaría aos de Isaac Rouco.

Santa Comba – Antas (Sábado ás 17 horas en Tras do Novo): os locais, segundos na clasificación, queren sumar tres puntos para recurtar diferencias co Becerreá. Os visitantes, no caso de gañar, volverían crer posible acadar a promoción.

Foto de portada: Alba Arias

Un derbi para trocar a mala xeira

O Mondoñedo xa é de Segunda Futgal

Un derbi para trocar a mala xeira

Un derbi para trocar a mala xeira