#Sin categoría

O Mondoñedo xa é de Segunda Futgal

O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia chega co primeiro ascenso da temporada no fútbol lucense. Un ascenso pola porta grande o acadado polo Mondoñedo, único equipo da nosa provincia que non coñece a derrota e que retorna á Segunda Futgal só un ano despois de perder a categoría. Nesta xornada venceu ao Celeiro pola mínima e aproveitou o pinchazo do Muimenta no campo do Abadín.

No grupo sur, o Corgo tamén está a piques de festexar o ascenso. Pode facelo esta vindeira xornada se é quen de gañar o seu compromiso no campo do Relámpago Taboada. Máis aberta está a segunda praza que ocupa o Taboada B, que conta cun punto de vantaxe sobre o Rubián.

GRUPO NORTE

O Mondoñedo vence ao Celeiro e acada o ascenso de categoría (1-0). Non foi o mellor partidos dos de Nico, pero serviulles para acadar o ascenso na súa primeira tentativa. Entrou mellor ao partido o Celeiro, que amosou unha boa imaxe no Viñas da Veiga, e gozou dalgunha oportunidade para adiantarse no marcador, a máis clara nas botas de Ángel. Co paso dos minutos os locais melloraron e foron quen de marcar por medio de Álex Gacio. No segundo tempo, o dominio foi do Mondoñedo que puido ampliar a diferencia no marcador, pero os visitantes souberon defenderse, malia que a falta de efectivos penalizounos os últimos intres de xogo.

O Catro Roldas golea á Comercial e pon un pé en Segunda Futgal (6-0). O partido estivo condicionado polo mal estado do terreo de xogo, feito que levou á Comercial a pedir a suspensión do partido, feito que non aconteceu. Os locais adaptáronse mellor á superficie de xogo e amosáronse superiores, malia que lles costou sobrepasar a unha defensa moi adiantada da Comercial. Dopico abriu o marcador e David Orosa fixo o segundo ao rematar un saque de córner. No segundo tempo os de Coto foron moi superiores e completaron a goleada con tantos de Santi, Alberto Rey, Pepe e Esteban. Un triunfo do Catro Roldas no derbi fronte ao Rioaveso, sempre que o Muimenta non gañe ao Cazás, servirialle aos de Román para lograr o ascenso.

O Abadín vence ao Muimenta grazas ao seu gran primeiro tempo (3-2). Saída fulgurante ao campo dun Abadín que chega en boa forma ao tramo final de temporada. Nun cuarto de hora, os locais xa tiñan tres goles de renda. Bufy abriu o marcador cun lanzamento de falta directa e Ferre, con dous tantos á contra, deixaban o marcador moi favorable para un Abadín que puido ampliar diferencias antes do intermedio. O segundo tempo foi diametralmente oposto. O Muimenta deu un paso adiante e levou o peso do partido, pero non puido reducir diferencias ata o tramo final cos goles de Richi e Seijas.

O triunfo do Cazás fronte ao Pol B outórgalle de xeito virtual unha praza no play off de ascenso (2-1). O mal estado do terreo de xogo condicionou o partido. O Cazás foi mellor no primeiro tempo diante dun Pol B ao que lle custou interpretar o partido e tivo que lamentar a lesión de Rubén. Mounir abriu o marcador ao rematar un saque de córner e pouco despois o propio atacante do Cazás marcou o segundo nunha gran xogada individual que finalizou cun tiro desde a frontal. No segundo tempo os de Luis Romay estiveron mellor e lograron recurtar diferencias por medio de Balado. O Cazás soubo defender os ataques do filial e sumou tres puntos moi valiosos para poder xogar o play off de ascenso por segundo ano consecutivo.

O Rioaveso gaña no campo dun combativo Roupar (0-1). A primeira metado tivo dominio visitante, aínda que ámbolos conxuntos chegaron con perigo á área rival, foron os de Asier Lozano os que o fixeron en maior número de ocasións e erraron varias opcións claras de gol. Os locais reclamaron penalti por unha caída na área que o colexiado non sinalou. Tras o paso por vestiarios o Roupar estivo máis asentado no terreo de xogo e o Riaveso optou por xogar máis en longo. Preto do final, Álex Chao fixo o único gol do partido ao aproveitar un mal rexeite da defensa. O Roupar pediu a expulsión previa ao gol deste xogador por un incidente cunha seareira local.

GRUPO SUR

O Corgo solventa o encontro diante da Piringalla e queda ás beiras do ascenso (3-1). Non foi o mellor partido dos de Abel Rochela, pero impuxéronse diante dunha Piringalla que realizou un bo encontro. Custoulle ao Corgo atopar o camiño do gol e o primeiro tanto do choque non chegou ata o desconto do primeiro tempo, obra de Lois. Tras o paso por vestiarios, a Piringalla logrou empatar, pero a reacción local foi inmediata e na seguinte xogada chegou o segundo tanto, obra de Rubi. No último tramo do encontro Kevin sentenciou para que o ascenso quede moi preto para o Corgo.

O Taboada B gaña no tramo final ao Carballedo e mantén a segunda praza (4-1). Encontro difícil para o Taboada B diante dun Carballedo que amosou máis méritos que os que reflicte a súa situación clasificatoria. No primeiro tempo os de David Guerra foron mellores, malia que os locais se adiantaron nada máis comezar cun gol de Xavi. Os visitantes lograron marcar antes do descanso e no segundo tempo a expulsión de Cristian resultou determinante. Os de Jacobo Vázquez colleron a batuta e embotellaron a un Carballedo que defendía o empate. O Taboada B estrelouse contra un Monchito que fixo as veces de gardameta con éxito e os visitantes protestaron moito a actuación arbitral ao recibir tres penaltis en contra, dos que dous foron goles.

O Rubián non afrouxa na pelexa polo ascenso directo tras vencer ao Relámpago Taboada (4-2). Gandoy fixo o primeiro para os locais nada máis comezar unha primeira parte que resultou de moitas ocasións para ámbolos conxuntos, aínda que sen acerto. No segundo tempo o Rubián saiu mal ao campo e Fran aproveitouno para igualar. Co paso dos minutos os de Senén López fixéronse de novo co dominio e Manu, en dúas ocasións, puxo o encontro en clara vantaxe para os locais, que sentenciaron cun gol de Brian. Raúl maquillou o resultado no tramo final.

O Quiroga recupera a cuarta posición tras vencer no campo do Incio (2-3). Novamente feitos extradeportivos fan que o resumo do encontro sexa o menos salientable que ocorreu no campo. No é a primeira vez nesta temporada que ocorre nesta categoría, pero si agardemos que sexa a última. Agresións, denuncias de insultos racistas, seareiros no campo, etc. Todo o que non queremos ver nun terreo de xogo de ningunha parte, e por suposto, tampouco na nosa provincia.

O Río Sil amosou que era o equipo con algo en xogo e venceu ao Bóveda (3-1). Os locais comezaron mellor, pero foi o Bóveda o que sea adiantou cun gol de Janoisi. Os de Cristian Penas fixéronse co dominio no primeiro tempo, malia que Kylian logrou o tanto do empate antes do descanso. No segundo tempo o Bóveda baixou as mans e o Río Sil impúxose sen demasiados problemas. Lucas e Diego marcaron os goles da vitoria para os soberinos, que ocupan praza de promoción de ascenso.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O Mondoñedo xa é de Segunda Futgal

Golpe sobre a mesa de Antas e

O Mondoñedo xa é de Segunda Futgal

O Mondoñedo xa é de Segunda Futgal