O Viveiro conseguiu na fin de semana pasada unha vitoria moi importante para encarrilar a permanencia na Terceira RFEF. A súa vitoria por 1-0 en Cantarrana ante o Boiro permítelle ter sete puntos de vantaxe co descenso, o que a estas alturas de tempada é un colchón moi importante. Os de Alberto López teñen claro que a receta para que poidan conseguir está na súa intensidade, rigor e talento ofensivo, algo no que Julio Lansade ten moito que dicir.
O atacante foi quen de marcar o gol decisivo para que o Viveiro conseguise a vitoria, algo que tamén acredita o seu gran rendemento no que vai de campaña. Lansade pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Juan Carlos Rodríguez, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do anterior encontro, a loita pola permanencia, Alberto López e o grupo de xogadores do Viveiro.
Entrevista a Julio Lansade do Viveiro
Anterior encontro: «Sabe moito mellor cando marcas nos minutos finais. Foi un encontro de moita guerra, como todos en Cantarrana. As gañas de levar a vitoria son decisivas».
Camiño á permanencia do Viveiro: «En cada partido cambia o escenario porque hai moitas combinacións de resultados diferentes. Nunhas veste salvado e noutras, en perigo. Temos que sacar os máximos puntos posibles para acadar a permanencia. Esta semana temos ante o Noia un partido deses de seis puntos».

Influencia de Alberto López: «Deume moita confianza desde o primeiro día. Ten un estilo moi variado e analiza moi ben aos rivais. É un grandísimo adestrador».
Vestiario do Viveiro: «Foi moi diferente ao que tiña no Lugo B, porque non somos todos novos. A xente de Viveiro son moi boa xente que fan que te acoples ao grupo con moita facilidade. As fichaxes aportaron moito e temos moi bon ambiente».
Foto sacada de La Preferente.

