#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Guitiriz recibe ao Riotorto co liderado en xogo

Chega o gran partido da xornada, coa primeira praza da clasificación do grupo norte da Segunda Futgal en xogo. O Guitiriz recibe ao Riotorto no Suso Cruz o domingo ás 16:15 horas, coa arbitraxe de Óscar Lobato. Un triunfo do cadro local daríalle o liderado, mentres que unha vitoria visitante faría que a vantaxe para acadar o ascenso directo fora xa salientable.

O Guitiriz chega a este encontro nunha situación inmellorable. Segundo clasificado con trinta e nove puntos, tres menos que o Riotorto e superando nun punto ao Folgueiro, terceiro, e en cinco ao Cabreiros, cuarto. Os pupilos de Jose Lorenzo sumaron vinteoito dos últimos trinta puntos en xogo, nove vitorias consecutivas e un empate na última xornada co Alfoz que situou aos chairegos coas máximas opcións de pelexar polo ascenso. Un triunfo nesta xornada remataría co Guitiriz no liderado da categoría.

O Riotorto afronta este importante encontro desde a primeira praza da clasificación. Os de Isaac Rouco, malia a derrota na última xornada no campo do Xermade, están a realizar unha temporada excepcional, sumando a case totalidade dos seus puntos como local e sendo o equipo máis goleador da categoría. Unha vitoria do cadro vermello no Suso Cruz, aínda con moita competición por diante, sería un golpe enriba da mesa no seu propósito de manter o liderado e acadar o ascenso directo.

O último enfrontamento entre Guitiriz e Riotorto no Suso Cruz tivo lugar o 16 de marzo de 2025 e rematou con triunfo visitante por un gol a dous. Antón anotou para o Guitiriz e os xemelgos Iván e Óscar fixeron os goles do Riotorto.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Roi (Guitiriz)

Once partidos sen perder. «Creo que a clave é a gran relación que temos no grupo. Existe no vestiario unha mistura entre xogadores veteráns e outros máis novos que chegamos desde xuvenís que é moi importante. Estamos moi unidos e todos nos axudamos. Para min é un dos factores máis importantes dos bos resultados».

O Riotorto. «Aínda que non xoguei o partido de ida si que os puiden ver nalgunha ocasión e parécenme un equipazo feito para estar arriba. De todas formas, nós estamos nun gran momento e xogando na casa debemos sacar adiante o encontro. Será un partido durísimo, agardo que moi físico, pero no que a última palabra a terán os futbolistas máis técnicos. Nas súas botas estarán os tres puntos«.

A pelexa polo ascenso. «Eu creo que se vai manter a igualdade ata o final. Hai moi bos equipos pelexando polos postos de ascenso e promoción e penso que se van deixar moi poucos puntos. Nós estamos nunha situación inmellorable en todos os aspectos e agardo que nos manteñamos na pelexa ata o final. Os vindeiros partidos con moitos enfrontamentos directos van ser claves«.

Oscar (Riotorto)

O encontro no Suso Cruz. «Vai ser un partido moi complexo para os dous equipos. Xogamos no seu campo, onde son un conxunto moi forte e están demostrándoo cada partido. A clave para sumar os tres puntos vai estar nas áreas. Se somos capaces de defender ben e manter a portería a cero, arriba teremos un bo número de ocasións para facer gol«.

A boa campaña do equipo. «Está sendo espectacular. O obxectivo do club non era o ascenso e a día de hoxe estamos pelexando por él contra equipos moi fortes como Guitiriz, Folgueiro, Goiriz ou Alfoz, que creo que estarán na pelexa ata o final. Estou convencido que se seguimos nesta liña acabaremos acadando o ascenso. Temos agora dous partidos difíciles, pero estou seguro que sacaremos a nosa mellor versión para sacalos adiante«.

Bo nivel goleador. «Atópome moi ben no club e a nivel persoal non podo estar máis contento co equipo está no máis alto da clasificación. Isaac deume moita confianza desde que chegou ao club e os compañeiros axúdanme moito para poder seguir facendo goles«.

A AXENDA

Terceira Galega Feminina

PM Friol B – Monteforte (Domingo ás 16:15 horas na Reigosa): o filial quere achegarse ás líderes. Enfronte un cadro monfortino que tamén aspira a un posto de privilexio.

Terceira RFEF

Racing Vilalbés – Arteixo (Domingo ás 12 horas na Madalena): os chairegos buscarán un triunfo que os manteña comodamente na zona de play off. Reciben ao Arteixo, que mantén nove puntos sobre o descenso.

CD Lugo B – Somozas (Domingo ás 15:45 horas na Cheda): o filial albivermello, que está a dous puntos da promoción de ascenso, buscará unha vitoria fronte a un rival complexo como o Somozas, cuarto clasificado.

Preferente Futgal

Iberia – Foz (Domingo ás 16:30 horas nas Valgas): duelo mariñán no que os locais teñen urxencia de acadar un triunfo logo dunha xeira de cinco derrotas consecutivas que colocaron aos de Moro en postos de descenso. Os focenses contan con seis puntos máis que os de San Miguel logo de vencer ao Guntín a pasada xornada.

Segunda Futgal

Folgueiro – Alfoz (Domingo ás 16:15 horas en Boa Vista): os locais buscarán un triunfo e estarán expectantes do choque entre os dous primeiros clasificados. Os de Javi Chinchón buscarán asaltar un dos campos máis complicados da categoría para achegarse á cabeza.

Antas – San Roque (Sábado ás 16 horas no Castro Seoane): ámbolos conxuntos chegan logo de cinco encontros sen coñecer a derrota. O que gañe seguirá con opcións de achegarse á zona de play off.

Terceira Futgal

Mondoñedo – Celeiro (Sábado ás 16 horas no Viñas da Veiga): os de Nico poden rematar a xornada celebrando o ascenso a Segunda Futgal. Para que iso ocorra ten que vencer o seu choque fronte ao Celeiro e que o Muimenta non gañe no seu enfrontamento co Abadín.

Incio – Quiroga (Sábado ás 16:15 horas no Carboeiro): logo de tres vitorias consecutivas, o Incio quere consolidar a súa praza no play off diante dun Quiroga que recuperou as boas sensacións na Copa Deputación.

O Guitiriz recibe ao Riotorto co liderado en xogo

Goleada do Antas para colocarse 2º

O Guitiriz recibe ao Riotorto co liderado en xogo

O Guitiriz recibe ao Riotorto co liderado