Un líder que cada vez o é máis e moitos nervios na zona baixa

A Primeira Futgal segue coa SD Chantada como líder indiscutible da categoría, mentres que a loita polos postos de promoción está máis picante que nunca. Na zona baixa, todos queren sumar puntos para eludir o descenso.


O Santaballés asalta A Cheda (1-2). A Residencia acusou as numerosas baixas na xornada de sábado e, aínda que Romy adiantou aos locais cun bo remate logo dun centro lateral xusto antes do descanso, os chairegos adiantaron as súas liñas no segundo tempo. Un saque de esquina no 75′ e un centro rematado por Losada no 76′ traducíronse en dous goles para dar a volta ao electrónico, 1-2. Nos últimos intres, a «Resi» dispuxo dunha falta frontal para igualar, pero a zaga do Santaballés evitou o tanto e os puntos marcharon cara A Liga e a Residencia afástase do líder da competición.


Outeiro e Oural igualan e ninguén queda contento (1-1). Comezaron mellor os sarriáns, que —logo duns minutos de dúbidas— fixeron o 0-1 cun roubo tras pase horizontal que catigou Yago. O gol, lonxe de derrumbalo, aupou a un cadro local que opositou con forza para o empate. Porén, non foi ata o segundo tempo cando os locais igualaron. Ademais, os Máxicos do Outeiro tiveron dúas claras nas que non estiveron atinados, ademais dun tanto anulado a Veiga. Desde o 1-1, o Oural resistiu as embestidas chairegas, especialmente no último cuarto de hora, cando xogaron cun home menos.


O Castro supera con autoridade ao Chantada Atlético (6-1). Dous erros visitantes supuxeron dous goles locais na primeira metade. Desde aí, os locais xogaron coa vantaxe e, especialmente desde a reanudación, puxeron máis intensidade nun choque que se foi ata o 6-0. O Chantada Atlético, que sufriu unha dura derrota nun choque ao que chegou con moitas baixas, fixo o gol da honra cando xa estaba todo decidido no Arturo Pereiro, 6-1.


O líder é líder por algo (4-0). A SD Chantada dominou a posesión desde o comezo e o remate de Pablo a centro de Damián puxo o 1-0, que deu tranquilidade aos locais. O Monterroso, porén, foi medrando co paso dos minutos e gañou presenza en campo rival. Os chantadinos adaptáronse tamén a ese contexto de partido e fixeron dano con transicións e ataques verticais: unha acción de Tino por banda foi culminada por Joserra; Pedro e Pablo anotaron o terceiro e o cuarto no Sangoñedo. Os de Cerdeiriños deron a cara, pero os de Traste demostraron unha semana máis estar a nivel doutra categoría.


O Escairón gaña en efectividade diante do Iberia (4-1). Medíronse dous cadros moi intensos no Saviñao e, aínda que o gol inicial dos locais tivo resposta case inmediata por parte do mariñán Iván (1-1), Noureddine fixo o segundo na súa conta pasada a media hora de xogo. Na segunda metade, os locais tiraron de oficio ante un conxunto visitante que está inmerso nunha mala dinámica e anotaron dous goles máis para vencer por 4-1.

O alcance do líder semella imposible, pero os postos de promoción están moi codiciados

O Entroido senta ben en Foz (2-0). Os mariñáns foron máis intensos que o Guntín no Martínez Otero e o seu alto ritmo deixouse notar no resultado. Asier empurrou un saque de esquina botado no primeiro tempo e, na segunda metade, outro córner supuxo o 2-0, neste caso obra de Aitor. Antes do 1-0, o gardamallas local Aarón detivera un man a man que puido ser decisivo. Co marcador ao seu favor, o Foz gozou de numerosas oportunidades, pero non foi quen de anotar máis goles.


O Ribadeo faise forte na casa diante da Milagrosa (1-0). O xogo directo foi protagonista nun Pepe Barrera en mal estado, e a Milagrosa tivo a primeira á saída dun córner, pero a zaga local despexou baixo paus. Pasada a media hora de xogo, Nico fixo o 1-0 nunha acción na que a Milagrosa pediu falta previa. Na segunda metade, os mariñáns defenderon a renda e os capitalinos buscaron a igualada, pero a máis clara tivo lugar nunha transición local na que Fabián estivo moi áxil para evitar o tanto. Ao final, os puntos quedaron na casa diante dunha Milagrosa que rematou cun home menos pola expulsión de Joel.


O Xove gaña ao Racing ‘B’ e soña con salvarse (1-0). A primeira victoria de Piru á fronte dos mariñáns dá esperanza a un Municipal que quere manter a categoría. A intensidade defensiva e a solidez amosada polos verdes foi chave diante dun Racing ‘B’ que errou no último pase e na definición. O Xove soubo agardar a súa oportunidade e, logo dunha xogada de estratexia, Javi Barja puxo o 1-0 que se tornou definitivo e deixou tres puntos importantísimos no feudo mariñán.


O Taboada supera a un Lourenzá en risco (2-0). A intensidade local foi manifesta na primeira metade, na que tiveron numerosas ocasións, pero non atinaron na definición das súas opcións. No segundo tempo, aínda que o Lourenzá subiu o ritmo, un golazo de Julio inclinou o choque a prol dos locais. Os mariñáns melloraron coa entrada dos xuvenís ao céspede, pero o Taboada tirou de oficio e, xa no tempo engadido, Seso sentenciou o partido desde os once metros.


O Brollón xoga con lume tras caer en Monterrey (2-0). Foi máis intenso un cadro ourensán que non quixo dar opcións aos lucenses. Aínda así, non chegou o gol local ata a media hora de xogo e, pese a que o Brollón mellorou co paso dos minutos, o segundo gol locatario quince minutos despois da reanudación fixo moito dano e mermou moito aos de Chura. Ao final, o electrónico mantívose no 2-0 e os puntos quedaron lonxe da provincia.

líder

Un líder que cada vez o é máis e moitos nervios na zona baixa

Un líder que cada vez o é