O San Lázaro e o Chantada B protagonizaron dúas das vitorias máis imprevistas da 19ª xornada da Segunda Futgal. Foron capaces de superar os dous primeiros clasificados.
O San Lázaro venceu no campo do líder Becerreá cun bo papel de futbolistas como Dawit (foto de portada). A pesar de continuar na última posición da zona sur, mantense vivo na loita pola permanencia. Agora mesmo estaría a seis puntos da salvación absoluta.
O Chantada B saíu da zona de descenso directo ao superar ao Santa Comba. Agora é antepenúltimo, posto que sería de arrastre nestes momentos, a non ser que o equipo que xogue a fase ascenda á Primeira.
Na zona norte tampouco gañou ningún dos dous primeiros clasificados. O Riotorto perdeu en Xermade e o Guitiriz igualou en Alfoz.

Ningunha das dúas primeiras posicións varía en ningún grupo. Con todo, os grandes beneficiados son o Folgueiro e o Lemos B. O cadro do Vicedo, cun partido menos, queda no norte a un punto do Guitiriz. No sur, o Lemos B sitúase a tres puntos do Santa Comba e a seis do Becerreá, co que ten un partido aprazado.
Tamén sumaron puntos moi importantes algúns dos equipos da zona baixa do norte. O Sanci volveu sumar de tres ao vencer ao Matela, ambos en descenso directo.
Mentres tanto, o Castroverde gañoulle ao Sporting Pontenova, que agora marca a zona de salvación sen arrastres. O cadro verde e branco queda a oito puntos do seu rival. Non obstante, o escenario dos arrastres cambia xornada a xornada, en función dos equipos que ocupen os postos de descenso en Primeira. Esta información que contamos é seguindo a situación coa clasificación.
A maioría dos encontros da xornada estiveron condicionados polo estado dos terreos de xogo. Nin os campos de herba artificial se libraron dos efectos das numerosas chuvias.
A competición sufre un parón nesta finde do Entroido. Xogaranse os dezaseisavos de final da Copa. O Martes de Entroido recuperarase o encontro entre o Castroverde e o Casás, duelo clave na loita pola salvación no norte. Precisamente ambos conxuntos enfrontaranse tamén na Copa. Contámolo en #ONoso11AChaira.
De acabar agora a liga:
Ascenso directo: Riotorto e Becerreá
Promoción de ascenso: Guitiriz e Santa Comba
Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de dous): Casás, Castroverde e Chantada B
Descenso directo: San Ciprián, Matela, Sober e San Lázaro
Xermade 2-1 Riotorto
Borja Silvosa, ex xogador do Riotorto, adiantou ao Xermade nunha primeira metade na que gozou de boas oportunidades.
No segundo tempo, a superficie do Municipal empeorou en condicións. A pesar de non poder practicarse un fútbol vistoso, o Riotorto tratou de igualar.
Con todo, á contra, o Xermade marcou o segundo por medio de Hossu. Non obstante, o partido non acabou aí. Osky marcou para recurtar. Nos últimos intres, tamén houbo un tanto anulado a Echavarri.
Alfoz 1-1 Guitiriz
Partido moi igualado e marcado polo mal estado do terreo de xogo, moi blando despois de tanta chuvia. O Guitiriz marchou gañando 0-1 ao descanso grazas ao gol de Juan tras unha boa xogada colectiva.
No segundo tempo, os locais foron a polo empate e conseguírono rápido. Un lanzamento de Adán dende fóra da área serviu para igualar.
Puido volver porse por diante o cadro guitiricense por medio de Juan, pero logo os locais tamén chegaron á área rival. O Alfoz quedou con 10, pero non se veu abaixo e foi dominador da recta final.
Casás 0-3 Folgueiro
Dominou o Folgueiro ante un Casás máis mermado pola expulsión de Maira no primeiro tempo. Os visitantes estiveron cómodos e acabaron marcando tres goles.
Goiriz 1-1 Cabreiros
Máis condicionado este encontro pola tromba de auga que caeu. Na primeira metade o Goiriz lidiou mellor coa lama e dominou. Xoel adiantou os locais.
No segundo tempo, os cambios fixeron mellor o Cabreiros, que empatou por medio do balón parado. Puido incluso levarse a vitoria, pero finalmente non se moveu o marcador.
Pastoricense 0-1 Candelaria
Primeira parte moi competida na que non houbo goles. O Pastoricense xogou a maioría do tempo en campo contrario e tivo oportunidades pero non deron co gol.
No segundo tempo, a Candelaria logrou poñerse por diante cun novo tanto de Manu Martínez. Quedaron cun futbolista menos os visitantes e, aínda así, aguantaron os ataques dos locais.O Pastoricense reclamou un penalti sobre Manupa, que saíu mancado desa xogada, incluso tivo que ir ao hospital.
Meira 4-6 Celta Barreiros
Comezou marcando o Celta Barreiros. Remontou o Meira antes do descanso cun dobrete de Brais.
A segunda metade foi de tolemia absoluta con sete goles. Co 4-4 no marcador, os visitantes anotaron o quinto de penalti. Os locais volcáronse ao ataque e o Celta Barreiros anotou o sexto.
Castroverde 4-1 Sp. Pontenova
Mal partido do Sporting Pontenova, que comezou encaixando nada máis empezar no balón parado cun gol de Xabi. Pablito puido ampliar a vantaxe, pero tamén Iago salvou as seus baixo paus.
Nun córner si chegou o segundo para os locais en propia porta. Con todo, antes de pasar polos vestiarios quedaron cun menos pola expulsión de Noel. A saída do segundo tempo, Rubén fixo un gran gol para o cadro pontenovés.
Cando parecía que podía chegar o empate, o Castroverde termou en defensa e valeuse do contragolpe para sentenciar. Un dobrete de Pablito afianzaron tres puntos clave.
Sanci 3-2 Matela
O partido estrela da zona baixa. Os locais lograron remontar o tanto inicial do Matela. Sobresaíu Edgar, o futbolista en idade xuvenil que anotou un dobrete impoñendo a súa velocidade ao longo do partido.

Becerreá 1-2 San Lázaro
O líder púxose cedo por diante, pero non logrou sacar aos visitantes do partido. Nunha xogada combinativa Darío empatou.
Saíu ben o San Lázaro no segundo tempo. Nunha falta lateral pateada por Borja, Dawit rematou de cabeza a gol. O Becerreá buscou o tanto con ansia, pero o conxunto preparado por Manel defendeu para levar os tres puntos.
Chantada B 3-0 Santa Comba
Encontro moi desputado no que ambos equipos gozaron de oportunidades para adiantarse. Na primeira parte marcou o filial cun gol do xuvenil Mateo, que se estreaba co conxunto chantadés, ao igual que Hugo Díaz. Ambos foron dous dos protagonistas do encontro.
No segundo tempo, os visitantes buscaron o empate, pero ao contragolpe o Chantada B sentenciou o partido. Primeiro cun tanto de Hugo e logo outro de Mateo.
Palas 0-4 Lemos B
Custoulle ao Lemos B xerar ocasións no primeiro tempo, a pesar de ter o dominio do balón. Sen goles ao tempo de lecer, o primeiro gol do cadro visitante na segunda parte cambiou o encontro.
O Palas estirouse e tratou de ir ao ataque. O filial aproveitou os ocos que foron deixando libres o rival e acabaron goleando. Pallín asinou un dobrete.
San Roque 1-1 Friol
As mellores ocasións ao comezo foron para o Friol. Con todo, a reacción local foi contundente. O San Roque empatou e fíxose dono do partido.
No segundo tempo, de novo o Friol empezou xerando ocasións, sobre todo a balón parado. Co control da posesión non foi capaz o San Roque de levar tanto perigo.
Portomarín 0-0 Antas
Encontro pouco vistoso na primeira media hora. Fútbol directo do rival que xerou opcións a balón parado.
Mellorou o Antas intentando xogar con balón pero pecou na falta de claridade no último pase. Nun contragolpe a mellor ocasión foi para o Antas cun man a man de Portu ante o gardamallas rival que parou.
Sarriana B 5-1 Sober
Unha vez que o filial se puxo por diante, fíxose co control do partido. Xeraron ocasións e acabaron marcando cinco goles. Xa co encontro resolto, o Sober marcou o gol da honra.
Monterroso B 2-0 Paradela
O filial foi superior ante un Paradela que se presentou con dez futbolistas no Anexo de Cerdeiriños. As sancións e as lesións condicionan o cadro de xogadores preparado por Santi López. Os locais xeraron moitas ocasións no primeiro tempo pero entre Eros e a falta de fortuna non chegou o gol.
Despois de repetir dinámica no segundo tempo, chegou o tanto de penalti por medio de Iván. O xuvenil Efrén marcou o segundo cunha boa vaselina.
O Páramo 1-0 Ferreira
O Páramo dominou no primeiro tempo. Máis posesión de balón e máis ocasións de gol. Ademais, o traballo defensivo viuse reflectido cando tivo que intervir o gardamallas Alexander.
No segundo acto, os locais lograron o único tanto do encontro nun disparo de Juan dende uns trinta metros de distancia. Logo o Ferreira foi mellor e buscou o empate. A boa actuación de Alexander e o infortunio impediuno.


