Encontro de altura na Pinguela. O Lemos recibe ao Atios, líder da categoría o sábado ás 17:30 horas, nun enfrontamento no que os de Edu Rodríguez queren manter a imbatibilidade no seu feudo. Arbitrará o colexiado coruñés Alejandro García.
O Lemos é quinto na clasificación con trinta e cinco euros e ocupa a última das prazas de play off, cos mesmos puntos que o Cultural Areas e o Antela, sexto e sétimo na táboa. Os monfortinos non viven o seu mellor momento acadando a vitoria nun só dos últimos cinco encontros. Malia todo, manteñan a súa imbatibilidade na Pinguela, onde ninguén foi quen de gañar, e e aí onde os de Edu Rodríguez basan a súa fortaleza. E tamén no olfato goleador, de sobra coñecido, de Fito Periale, autor de dezasete goles no que vai de temporada e pichichi da Preferente Sur.
Enfronte estará o líder. O Atios suma doce puntos máis que os monfortinos e mantén nove puntos de marxe sobre o segundo clasificado, o Pontevedra B. Os do Porriño só perderon dous partidos no que vai de liga, un lonxe do seu campo e son o conxunto menos goleado do campionato, iso si, con só dous goles menos encaixados que o Lemos.
Falamos cun dos veteráns do conxunto monfortino, Borja Castro, un lateral curtido en mil batallas.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Borja Castro (Lemos)

Tranquilidade. «Creo que nesta mala xeira estivemos bastante condicionados polas numerosas lesións, que fixeron que nos costase máis sacar os partidos adiante. No último partido fronte ao Arnoia xa recuperamos futbolistas importantes e competimos mellor. Creo que merecemos gañar froito das ocasións que xeramos. Vexo ao equipo ben e con gañas de sumar os tres puntos na Pinguela. Foi a conclusión que saquei nos adestramentos da semana«.
O Atios. «Para vencer fronte ao líder debemos seguir sendo fiables como o vimos sendo, sobre todo na casa, onde concedemos moi pouco. En ataque temos que levar a cabo o que nos pide o míster. Se o logramos creo que contaremos con moitas opcións de sumar os tres puntos«.
Presión. «Evidentemente algo de presión sempre existe. A afección lemista é esixente, pero creo que tanto os xogadores como o corpo técnico debemos tomarnos isto como un reto e ter ilusión por acadar o obxectivo, que é cando menos xogar o play off. Eu estou convencido de que chegará«.
A AXENDA
Primeira Galega Feminina
Antas – Carral (Domingo ás 18:30 horas no Castro Seoane): as locais buscarán o seu quinto triunfo consecutivo que as achegue aínda máis ao liderado diante dun rival situado na zona media da clasificación.
Segunda Galega Feminina
Milagrosa – Muxía (Domingo ás 16 horas no Luis Gorgoso): partidazo na zon alta da clasificación. As lucenses, cuartas, suman dez xornadas sen perder, e reciben a un Muxía que é colider e que venceu nos nove últimos encontros, oito deles por dous ou máis goles.
Terceira RFEF
Viveiro – Boiro (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): logo do valioso punto colleitado na Madalena, os de Alberto López buscarán un triunfo diante do Boiro, equipo que ocupa praza de play off de ascenso.
Preferente Futgal
Pol – Puebla (Domingo ás 12 horas no Municipal): logo do importante triunfo no derbi da Marosa, o Pol quere seguir sumando de tres e igualar a puntos co seu rival deste domingo.
Primeira Futgal
Taboada – Lourenzá (Domingo ás 19 horas no Anexo á Medela): encontro importante na zona baixa da categoría. Os locais, en praza de descenso, veñen de sumar un importante punto no Pepe Barrera, e reciben ao Lourenzá, que conta con tres puntos máis na clasificación, pero só logrou vencer un dos últimos sete partidos disputados.
Terceira Futgal
Catro Roldas – Mondoñedo (Domingo ás 16:15 horas na Fonte): malia non haber xornada de Terceira, dispútase este auténtico partidazo, adiado na novena xornada. Un triunfo local deixaría aos de Coto con catro puntos de marxe sobre o terceiro, mentres que un triunfo do ata agora invicto Mondoñedo deixaríao moi preto de saborear o ascenso.
Copa Deputación – Segunda e Terceira Futgal
Becerreá – Santa Comba (Sábado ás 17 horas no Municipal): dous dos candidatos ao ascenso no grupo sur da Segunda Futgal fronte a fronte.
Casás – Castroverde (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 2): outros dous equipos coas mesmas aspiracións ligueiras, neste caso na pelexa por evitar o descenso.
Foto de portada: Mariluz Fagín.

