#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Catro Roldas e Taboada B recuperan praza de ascenso directo

O Pichón, Muimenta

O Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia desta xornada de Terceira Futgal déixanos a vitoria do Catro Roldas no Pichón, nun choque entre rivais directos polo ascenso directo. Os de Román retornan á segunda posición e teñen un partido menos, o que teñen que xogar diante dun Mondoñedo que non afrouxa no liderado. Os da cidade episcopal venceron con claridade no campo do Rioaveso.

No grupo sur, o Taboada B volveu á senda da vitoria logo de dúas derrotas consecutivas e aproveitou o pinchazo do Rubián diante da Piringalla para volver á segunda posición da clasificación. O Incio sumou a terceira vitoria consecutiva e xa é terceiro.

GRUPO NORTE

O Mondoñedo segue invicto tras vencer con claridade en Paraños (1-4). Non puido o Rioaveso co líder. Os visitantes adaptáronse rápido ao estado do terreo de xogo e realizaron un bo primeiro tempo, aínda que os locais tiveron varias ocasións de gol. Jacobo fixo o primeiro e pouco despois un tanto espectacular de Javi fixo que os de Nico marcharan ao descanso cun marcador cómodo. Cunhas temperaturas moi baixas disputouse o segundo tempo e Javi enfriou máis o choque co tanto da sentencia. Chao deulle emoción pouco despois tras aproveitar un balón rexeitado, pero Polo fixo o cuarto a dez minutos do final.

O Catro Roldas vence no campo do Muimenta e volve á segunda praza (0-1). Encontro entre os dous máximos candidatos a acompañar ao Mondoñedo na Segunda Futgal o ano vindeiro. O partido resultou parello marcado por pequenos detalles. O Catro Roldas comezou con dominio do balón, pero o Muimenta asustou nun córner que Iago a piques estivo de marcar. Dopico e Yáñez xeraron moito perigo polas bandas para o cadro amarelo e nun saque desde o curruncho David Orosa tirándose en plancha marcou o que sería o único tanto do partido. Pouco despois, Seijas lanzou preto do longueiro un saque de falta. No segundo tempo, Nacho a piques estivo de acadar o empate nun remate de cabeza que salvou a zaga visitante sobre a liña. Os de Coto aproveitaron os espazos á contra e contaron con ocasións de facer o segundo, e mesmo tiveron un claro penalti que o colexiado non sinalou. O Muimenta buscou o empate con balóns longos que o Catro Roldas soubo defender.

O Abadín remonta no Municipal e vence ao Pol B (1-2). Nun céspede maltreito pola moita auga, os de Luis Romay comezaron mellor, xogando á contra, e xerando ocasións de gol. Así chegou o tanto do filial do Pol, cunha boa xogada de Balado que culminou Kevin. Co paso dos minutos, o Abadín mellorou e aproveitou os erros do conxunto local para darlle a volta ao marcador. Ferre igualou cun bo remate de cabeza tras servizo de Pedro e Vigo fixo o segundo logo de aproveitar un rexeite. No segundo tempo o Pol B comezou ben, pero con media hora por diante Antón viu o segundo cartón amarelo e o Abadín fíxose de novo co mando e contou con boas ocasións para sentenciar. Preto do final, o cadro local reclamou un penalti que o colexiado non sinalou e rematou coa expulsión de Lucas por protestar.

O Cazás vence en Trasvías nun encontro no que o Celeiro alza a voz contra a actuación arbitral (0-2). Nun terreo de xogo moi enlamado froito da constante choiva, ámbolos conxuntos disputaron un choque moi intenso. Comezou mellor o Celeiro, que contou con ocasións para adiantarse no marcador. Os mariñáns reclamaron cartón vermello aos cinco minutos para Iván Bellas aos cinco minutos de xogo que o colexiado interpretou como amarela. O Cazás respostou ben en defensa e comezou a xerar perigo a balón parado. No segundo tempo, o conxunto local buscou con criterio aos xogadores de ataque, expoleados polo seu público. Co paso dos minutos os chairegos melloraron e Vizo abriu o marcador. O gol non lle sentou ben ao Celeiro e Manuel sentenciou preto do final cun balón que superou por alto ao gardameta local.

A Comercial recurta un punto coa zona de play off malia igualar sen goles co Roupar (0-0). Primeiro tempo cheo de ocasións, a maior parte delas dun conxunto local que non tivo afinada a puntería. No segundo tempo, o Roupar comezou mellor e gozou dalgunha ocasión para adiantarse no marcador. Milagrosamente o marcador non se moveu, malia o incesante goteo de opcións claras de gol.

GRUPO SUR

O Corgo vence cun festín de goles no campo do Quiroga (3-5). O líder non da tregua e sobrepúxose a un maltreito céspede para superar ao cadro local. Rubio abriu o marcador tras rematar no segundo pao un servizo de Xoia. Co marcador a favor, os de Abel Rochela deron un paso atrás, feito que aproveitou o Quiroga para igualar por medio de Cebolas. O Corgo estrelou un balón no longueiro e acto seguido os locais danlle a volta ao marcador cun gol de Chechu. No segundo tempo Lois iguala o marcador cun tanto de chilena e o Corgo fíxose desde ese momento co dominio do xogo. Rubio adiantou aos visitantes e Brais fixo o cuarto. O Quiroga meteuse no partido co terceiro gol, un chut desde longa distancia de Cañero, pero o hat-trick de Rubio sentenciou para o Corgo.

O Taboada B volve á senda da vitoria fronte ao Bóveda (0-1). Encontro con moi pouco fútbol no que ámbolos conxuntos optaron por balóns longos para intentar gañar as segundas xogadas. O Taboada B contou con boas opcións no primeiro tempo nas botas de Sergio, Pita ou Xavi. No segundo tempo Pita fixo o único tanto do encontro nunha acción protestada polos locais ao entender que existiu falta ao porteiro. O Bóveda buscou o empate diante da férrea defensa do Taboada B. Os de Cristian Penas contaron con boas ocasións para poder puntuar, entre elas un balón ao longueiro e unha boa parada de Ledo que evitou o tanto.

A Piringalla vence a un Rubián que cede a segunda praza (5-3). Festín de goles do que saiu vitorioso o conxunto local, que se aferra ao play off. Os de Jony Lombardía foron mellores no primeiro tempo e fixéronse co dominio logo dun comezo parello. Mario e Samu en dúas ocasións e Cristóbal marcaron para os locais, que tiveron que defenderse das ofensivas dun Rubián que buscou o empate con empeño no periodo final.

O Incio logra a terceira vitoria consecutiva no feudo do Carballedo e xa é cuarto (1-3). Non é o ano dun Carballedo que saiu mellor ao campo, xerando ocasións e dominando o balón. Pero un erro na saída de balón propiciou o primeiro gol dos visitantes. O tanto deixou tocado ao conxunto adestrado por David Guerra que viu como o Incio o superou en moitas fases do partido. No segundo tempo, noutro erro local chegou o segundo tanto, obra de Vila, que tamén anotou a sentencia xa co tempo cumprido. Antes, o Carballedo apretara o marcador cun gol de Diego que lle deu azos aos seus, pero non foi suficiente para poder puntuar.

O Río Sil golea ao Relámpago Taboada nun tramo final fulgurante (2-5). Parecía incrible que a primeira metade rematara sen goles logo dunha chea de ocasións para ámbolos dous conxuntos. Tras o descanso abriuse a veda e o Relámpago adiantouse cun gol de Edu. O tanto de Adrián meteu de cheo no encontro ao Río Sil, que novamente tivo en Kylian ao seu referente ofensivo. O atacante, que viña de marcar catro dianas a pasada xornada, completou outra actuación brilante que rematou cun hat-trick.

Catro Roldas e Taboada B recuperan praza de ascenso directo

O PM Friol cede ante un rival

Catro Roldas e Taboada B recuperan praza de ascenso directo

Catro Roldas e Taboada B recuperan praza