#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Lucky (Villalonga): «Volvín sentir o disfrute polo fútbol»

Lucky, do Villalonga

Ás veces, os xogadores lucenses máis destacados poden ser os verdugos dos equipos da provincia. Esta xornada foi un deses raros casos nos que acontece. Na Preferente Sur, o Lemos caeu ante o Villalonga por 3-1 nun encontro que cambiou a partir do minuto 75. A entrada do dianteiro de Friol Diego Fraga, máis coñecido como Lucky, foi o detonante para que os locais puidesen facerse cos tres puntos, xa que foi quen de firmar un gran doblete.

Para máis historia, este era o primeiro encontro na temporada para Lucky tras superar unha importante lesión, polo que estes dous goles significan moito máis que tres puntos. O dianteiro do Villalonga pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Sara Meijide, presentadora do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do anterior encontro, a súa volta aos campos e por que está alonxado do fútbol lucense.

Entrevista a Lucky do Villalonga

Último encontro: «Para min era moi importante porque tiña moitas ganas de volver despois da miña primeira gran lesión. Tiña moitas ganas e, por sorte, non se puido dar mellor».

Volta aos terreos de xogo: «Nin nos mellores soños o imaxinas. A intención era entrar pouco a pouco, comezar a coller ritmo e empezar a sentirse de novo futbolista. Foron 16 minutos, pero pasaron tantas cousas que o importante é que serviron para axudar a que o Villalonga poida recuperar sensacións e confiar en nós».

Motivo de non estar na provincia: «Foi por temas laborais. Dou clases de educación física en Meaño. Ao principio xogaba en Friol, pero eran demasiados viaxes e buscaba ter certa tranquilidade. Sempre hai o pensamento de volver a Lugo, pero agora teño un grupo que é o mellor que me puido pasar no mundo fútbol. Volvín sentir o disfrute que dá este deporte».