O San Lázaro visitará Chantada nos cuartos de final da Copa

O futfem da provincia comezou en 2026 co partido entre a Comercial e o San Lázaro, correspondente a rolda previa da Copa Deputación. O club orixinario da Ponte non lle deu opcións a un rival que se presentou con dez futbolistas. O partido durou tan só unha parte. A competición retomarase o 15 de marzo.

Coa chegada da Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasaremos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos unha xogadora destacada de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, o Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

A previa do derbi era especial. Por unha parte, citábanse no Municipal Rodríguez Lago 2 a Comercial, exercendo de local, e o San Lázaro, actuando como visitante. Por outro lado, varias xogadoras do San Lázaro formaban parte o curso anterior da estrutura do CD Lugo, mentres que as locais manteñen esta campaña unha especie de convenio coa entidade albivermella.

Con todo, xa antes de comezar, a diferenza de nivel era latente. A Comercial vive unha tempada complicada, na que aínda non conseguiu gañar ningún partido na Terceira Galicia. Para máis inri presentáronse no terreo de xogo con só dez futbolistas.

O San Lázaro optou por xogar co mesmo número de xogadoras que o seu rival. Aínda así, amosou a súa clara superioridade nada máis comezar. Anita marcou o primeiro gol nos primeiros intres do encontro.

A partir de aí, chegou o festival goleador de Xiana. A ex xogadora da Comercial marcoulle catro goles os seu ex equipo. Ao descanso, a goleada completábase cos tantos de Kathy e Luanda.

Para o segundo tempo, a Comercial decidiu non saír coas xogadoras necesarias para seguir adiante co partido e este suspendeuse. Agás algunha que outra disputa, o ambiente do derbi foi cordial.

Agora as xogadoras preparadas por Vicky Burgo tratarán de mellorar as súas prestacións na liga. Pola súa parte, o San Lázaro leva a eliminatoria a terras de Chantada para xogar co club local, da Terceira Galicia, por un posto nas semifinais.

As eliminatorias con Milagrosa e San Lázaro non se xogarán o 15 de marzo

Os outros tres cruces dos cuartos xa quedaran feitos do día do sorteo. A Milagrosa, un dos clubs de moda da presente temapada, visitará o Carballedo. O vixente campión Antas xogará fóra da casa ante o Monteforte. A cuarta eliminatoria enfrontará a dous conxuntos da Terceira Galicia: San Roque e PM Friol B.

Os cuartos de final están fixados para a fin de semana do 15 de marzo. Ese día non hai xornada na Primeira nin na Terceira Galicia, pero si na Segunda. Deste xeito, as eliminatorias entre Carballedo – Milagrosa e SD Chantada – San Lázaro terán que xogarse outro día. Unha posible data podería ser o festivo 19 de marzo, no que se xogarán eliminatorias das copas masculinas.

Ola

Volve a liga, menos para a Comercial

Esta próxima fin de semana os equipos femininos lucenses retoman a competición da liga. Dous equipos da provincia teñen enfrontamento co Victoria da Coruña. Por unha parte, o PM Friol, único equipo non presente na competición de Copa, viaxa a Coruña para defender o 2º posto da Terceira RFEF. Por outro lado, o Antas ten un partidazo, ao recibir na casa a un rival directo como é o filial do club coruñés.

Na Segunda Galicia, o San Lázaro recibe nas Gándaras ao Orillamar. Mentres que a Milagrosa viaxa ao concello de Oleiros para xogar co Unión Campestre na localidade de Montrove.

Na Terceira Galicia, precisamente á Comercial tócalle descansar. O Carballedo e o PM Friol B protagonizarán o encontro lucense da xornada. O Monteforte recibe no Luis Bodegas ao Lalín e a SD Chantada visita A Gandareira para enfrontarse ao Bandeira.

O San Lázaro visitará Chantada nos cuartos de final da Copa

O Ás de Copas (Pref e 1ª)