Dous partidos tiveron que ser suspendidos no grupo norte por mor da intensa neve que caeu o pasado domingo na Terra Cha. En Román non puido disputarse un Catro Roldas – Mondoñedo no que se enfrontaban os dous primeiros clasificados. En Abadín o cadro local recibía ao Roupar e o encontro suspendeuse aos dez minutos de xogo. Preto de seguir o mesmo camiño estivo o Cazás – Rioaveso, onde o estado do terreo de xogo non era o adecuado, pero o encontro disputouse na súa totalidade con triunfo local.
No sur, o Taboada B prolonga a súa espectacular xeira e suma a sétima vitoria consecutiva no derbi fronte ao Relámpago Taboada. O Corgo mantén o liderado logo de vencer na casa ao Río Sil. O Rubián curtou a remontada do Incio logo de vencer no Carboeiro.
Chega o Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.
GRUPO NORTE
O Muimenta vence a domicilio ao Pol B e suma oito xornadas sen perder (1-3). Encontro con dous tempo moi diferenciados. No primeiro o Pol B foi superior e o Muimenta non se axustou ao plan de partido establecido. Balado adiantou aos de Luis Romay, que gozaron de máis ocasións para poñer terra de por medio no marcador. Os visitantes levaron o peso do partido a través da posesión, pero na segunda metade o Muimenta castigou os erros do filial con dous goles nos primeiros intres do periodo final, ambos obra de Jairo. Nacho sentenciou a falta dun cuarto de hora para o final.

A Comercial remonta en Trasvías e consolida a súa praza no play off (1-2). Primeiro tempo de claro dominio local. O Celeiro amosouse superior ao seu rival desde o comezo e lograron adiantarse por medio de Miguel Ángel. Os visitantes non foron quen de collerlle o pulso ao partido ata os segundos corenta e cinco minutos. Dous erros defensivos dos viveirenses propiciaron os goles dunha Comercial que se aferra á quinta posición. Chema e Nico foron os autores dos goles.
O Cazás vence ao Rioaveso nun enlamado Catro Ventos (2-0). Partido que estivo preto da súa suspensión debido ao mal estado do terreo de xogo. A continuidade do encontro contrariou aos visitantes ao considerar que non se cumprían os requisitos mínimos para que o encontro se poidera disputar. Ámbolos dous conxuntos optaron por un fútbol moi directo e con continuos balóns divididos. O Cazás adaptouse mellor ao contexto do encontro e foi mellor nas dúas áreas. Xusto antes do intermedio, Bruno cun bo testarazo adiantou aos locais. No segundo tempo, as chegadas do Rioaveso desbaratounas o gardameta Fernando. Mounir fixo o segundo tras un rexeite do gardameta visitante e o Cazás defendeu ben a vantaxe malia a expulsión, por dobre cartón amarelo, de Efrén a falta dun cuarto de hora para o final.

GRUPO SUR
O Corgo supera no segundo tempo a un bo Río Sil (4-1). Os visitantes puxeron en serios apretos ao líder no primeiro tempo. O Río Sil apenas inquedou ao porteiro local, pero dificultou o xogo dos de Abel Rochela que tiveron que agardar ao segundo tempo para abrir o marcador. O técnico do Corgo revolucionou o choque con cinco trocos ao dez minutos do comezo do periodo final, que non tardaron en dar os seus froitos. O Corgo foi moito máis vertical e chegou á área rival con moita máis facilidade. Rubianes e Stalin en dúas ocasións deixaron o encontro visto para sentencia en menos de dez minutos.
A sétima vitoria consecutiva do Taboada B chegou no derbi fronte ao Relámpago (3-1). Encontro de baixa intensidade no que os visitantes optaron por xogar nun bloque baixo na procura dalgunha contra. O Taboada B tivo o balón e contou con algunha ocasión de gol, pero non foi ata sobrepasado o ecuador do primeiro tempo cando Adán abriu a lata. No segundo tempo o encontro seguiu unha liña semellante, aínda que o Relámpago deu un paso adiante na procura do empate. Este chegou nun córner que rematou Edu ao fondo da portería. Durou pouco o empate. Brian desnivelou o choque cun bo gol e Pita sentenciou preto do final.

O Rubián vence no Carboeiro grazas ao seu acerto (1-3). Os de Senén López curtaron a xeira ascedente dun Incio que amosou unha boa imaxe diante da súa afección. Os locais impuxeron o seu xogo, pero non foron quen de concretar as súas ocasións. De todos os xeitos, un tanto en propia porta dos visitantes puxeron aos de Felipe Varela en vantaxe no marcador. Noguer e Javi concretaron as dúas principais chegadas do Rubián á portería rival e marcharon aos vestiarios por diante. No segundo tempo o partido seguiu os mesmos derroteiros e un gol en propia porta dun defensor local encarrilou o choque para o Rubián.
Os erros do Carballedo aproveitaos o Quiroga para enlazar o segundo triunfo consecutivo (1-3). No primeiro minuto os visitantes puxéronse por diante cun gol de Cañero tras un regalo local. Co paso dos minutos os locais repuxéronse do mazazo inicial e contaron con boas ocasións de gol. Raúl empatou nunha xogada de estratexia. No segundo tempo, o Carballedo apretou na procura da remontada e contou con claras opcións de gol. Sen embargo foi o Quiroga o que levou o gato á auga. Cañero acadou un doblete nunha acción protestada polo locais ao considerar que existía fóra de xogo. Os de David Guerra xogaron con máis corazón que cabeza o último tramo de encontro. Xoel sentenciou nos últimos intres para o Quiroga.
A efectividade da Piringalla condea ao Bóveda (1-5). O marcador non reflicte o visto sobre o terreo de xogo, onde existiu moita igualdade. De todos os xeitos, os visitantes foron quen de aproveitar as súas ocasións. Corredoira e Raúl encarrilaron o encontro para os lucenses no primeiro tempo. O Bóveda era capaz de chegar á área rival con certo perigo, aínda que non era quen de culminar as súas accións de ataque. Corredoira marcou o terceiro antes de que Janoisi recurtara distancias. Raúl e Cristian completaron a goleada dos de Jony Lombardía.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

