O fútbol lucense pecha un 2025 máxico para o Trío de Ases O Cantón con grandes resultados que permiten a moitos dos seus equipos ascender na táboa. O Lemos e o Racing Villalbés suben ata a segunda posición antes do Nadal, mentres que as vitorias do Pol e do Lugo B permitenlles seguir avanzando nos seus obxectivos. O Burela acadou un gran punto na casa mentres que Viveiro e Sarriana levaron carbón esta fin de semana.
O Lemos, o que mellor se portou no fútbol lucense esta semana
O Lemos non só foi o que acadou a maior vitoria dos equipos do fútbol lucense, se non que xa só está a tres puntos do liderado. Todo tras vencer por 3-0 na Pinguela ao Tyde que lle fai colocarse na segunda posición despois de que os seus grandes rivais pinchasen esta semana. O dominio do encontro foi total e, pese a que no minuto 15 Fito fallou un penalti, xa conseguiron liderar grazas a un gol de David Guitián tras un erro na saída de balón.
Se o encontro xa estaba encarrilado, en cuestión de cinco minutos o conxunto monfortino sentenciouno por completo. O dianteiro arxentino voltou a sumar un novo tanto nunha conta que xa está nos 16 goles tras rematar unha boa xogada individual no minuto 48. No 52, Brais Pardo e Guitián conectaron para que o primeiro puxese o terceiro no marcador. Os de Edu Rodríguez tiveron máis oportunidades, pero non lograron aumentar a súa conta.
O Pol fixo a carta rapidamente
O Pol pecha o ano cunha boa dinámica de resultados que lle perrmite escapar lixeiramente do descenso. A vitoria ante o Miño por 0-1 fraguouse nunha das primeira xogadas do encontro, xa que Diego Rey aproveitou un man a man para poder firmar o primeiro tanto. A partir de aí, o encontro baixou de revolucións nunha fase na que ningún dos dous equipos logrou ter grandes oportunidades para modificar o resultado.

A segunda parte foi dun maior dominio para o cadro local, mais os de Ramón Labrada mantiveron unha boa solidez defensiva que lles permitiu manter a Javi Liz sen problemas durante o encontro. De feito, Buján estivo moi preto de poder sentenciar o encontro en dúas oportunidades á contra. Na primeira, foi o porteiro quen se interpuxo no seu camiño e na segunda, o seu disparo marchou lambendo o pau.
O camiño da Segunda RFEF está marcado pola estrela
O Racing Villalbés manten a súa gran xeira e dá un golpe na mesa ao vencer por 0-2 ao Silva e poñerse segundo na táboa da Terceira RFEF. Os de Juan Rodríguez tiveron boas opcións na primeira parte, pero non lograron poder marcar para abrir o marcador. En cambio foi nos últimos vinte minutos onde transformaron. Un centro de Herrero rematou nun gol en propia porta no minuto 74. Tres minutos despois, Anthony aproveita un rexeite para facer o segundo tanto da vitoria.
Pola súa parte, o Lugo B conseguiu facerse cun encontro moi valioso ante o Alondras que o pon na beira dos postos de promoción. O 2-1 quedouse corto para os lucenses, xa que tiveron o maior número de oportunidades e Brais Pereiro foi salvador para os do Morrazo. Fran Blas e Aday cun dos goles da tempada foron os únicos que lograron superalo nun partido no que, a pesar de que Luismi marcou no treito final, o filial albivermello non tivo ningunha dificultades.

Un empate que vale máis que o Gordo
O Burela, pola súa parte, foi quen de lograr un empate moi meritorio ante un dos grandes favoritos da Preferente Norte coma é o Órdenes. Pese a ter grandes oportunidades, foi Dopico quen abriu o marcador para os visitantes cun remate mordido á saída dun córner. Os de Oke tiveron oportunidades de todas as cores, pero non foi ata que David puxo a testa que conseguiron poñer as táboas no electrónico da Marosa.
O roscón non vai saber tan doce
A Sarriana pechou o mellor ano da súa historia con mal sabor de boca, xa que caeron na súa visita ao Couto por 1-0 nun encontro no que non se sentiron cómodos en ningún momento no céspede en mal estado do Couto. Só Parga tivo unha gran oportunidade cun cabezazo que marchou fóra na primeira metade. A UD Ourense dominou o encontro e, nun saque de curruncho, Labrada aproveitou unha peinada de Rufo para batir a Fernando.
O Viveiro, pola súa parte, non conseguiu facerse forte na casa ante o Estradense, que venceu por 0-3. Na primeira parte, o Viveiro tivo unha gran ocasión de Trasi que marchou alta. Pero no minuto 22, o fútbol directo dos de Manuti acabou nun penalti sobre Padín que transformou Pedrosa. Os de Alberto López tiveron opcións para empatar pero Gerard e Brais Vidal castigaron a falta de contundencia nas áreas dos mariñáns.
Foto do Instagram do Pol.


