Xa coa 14ª xornada en marcha, traemos os xogadores máis destacados da 13ª. Foi unha fin de semana con varias sorpresas e coa continuidade de varias xeiras, como a do Guitiriz. Acumulan catro vitorias seguidas e non paran de medrar na clasificación. Mauro (na imaxe de portada) foi un dos futbolistas destacados ao marcar os dous goles do equipo, o da vitoria nos últimos intres do partido.
O Riotorto logrou a décima vitoria da tempada
O club riotortense alcanza os 32 puntos (de 39 posibles) na clasificación ao gañar ao Sanci (6-3). É o sétimo triunfo consecutivo e o décimo no que vai de liga. Queda con cinco puntos de marxe sobre o Goiriz (2º), que será o seu próximo rival, e sete con respecto ao Folgueiro.
A melloría do Sanci aínda non lle permite saír dos postos baixos da táboa. Mantense na penúltima posición con sete puntos, a un do Castroverde que igualou a pasada fin de semana.

A remontada de 3 minutos do Goiriz no Municipal
O Goiriz volveu dar outro golpe en riba da mesa ao impoñerse ao Alfoz (1-3). O conxunto vilalbés sitúase no posto de promoción, a cinco puntos do líder, que será o seu último rival de 2025. Conta con dous de marxe sobre o Folgueiro e tres sobre o Cabreiros. A diferenza co seu rival da pasada finde é de 5 puntos, xa que o Alfoz queda 6º.
O Cabreiros conseguiu os 3 puntos no Cascabeiro
O club da parroquia xermadesa do mesmo nome mantense na parte alta ao sumar de tres ante o Celta Barreiros (0-2). O oitavo triunfo do curso colócao na cuarta posición, a tres da promoción de ascenso.
Pola súa parte, o Celta Barreiros perdeu unha boa oportunidade de quedar máis preto dos postos cabeceiros. Tras catro xornadas sen gañar, é 10º con 16 puntos, a 8 do seu rival da pasada finde.

Cuarta vitoria seguida do Guitiriz
O cadro guitiricense está rematando o ano do mellor xeito posible. Despois do líder Riotorto, é o equipo coa mellor xeira do grupo. Gañou por cuarto partido consecutivo, desta volta ao Pastoricense. O Guitiriz acumula 23 puntos, é 5º e queda a catro da promoción de ascenso.
En cambio, o Pastoricense pasa por un mal momento de resultados con tres encontros seguidos con derrota. Os pupilos preparados por Juanma ocupan a 9ª praza con 17 puntos, a seis do Guitiriz.
O Meira volveu gañar nun encontro de 8 goles
O cadro meirego superou ao Casás (3-5) e sobrepasa a barreira dos 20 puntos. É 7º con 22, a cinco do Goiriz e mantense nesa zona moi igualada da clasificación.
Mentres tanto, o Casás é 13º con 11 puntos e continúa na zona baixa da táboa.
O Xermade é o que máis empata e o que menos goles encaixa
O club xermadés é o equipo que máis empata do grupo, leva seis igualadas no que vai de liga. A última foi ante o Castroverde no Municipal (1-1). Con este resultado ten na hucha 21 puntos, a seis da promoción. Mantén a regularidade nos números con só dúas derrotas e 17 goles encaixados, o que menos recibe do grupo.
A Candelaria volveu deixar ‘ko’ ao Folgueiro
Segunda derrota seguida do Folgueiro, tras caer (3-4) coa Candelaria. O club da Rúa é o primeiro en gañar en Boavista na liga nesta temporada. O Folgueiro baixa á 3ª praza e queda a dous puntos do posto que dá acceso a fase de ascenso. Mentres tanto, a Candelaria afasta medos logo de catro derrotas seguidas. Ocupa o 11º posto, con 16 puntos e iguala co Celta Barreiros.
O Sporting Pontenova vence nun encontro directo
O conxunto pontenovés superou ao Matela (6-2) e tamén alonxa pantasmas a estas alturas de temporada. O equipo preparado por Lucas Cabana acumulaba sete encontros sen gañar. Unha derrota co matela deixaríaos a un punto do descenso directo, pero apareceu a efectividade goleadora cando máis o necesitaban.
O Sporting é 12º con 13 puntos, cunha diferenza de sete con respecto ao seu rival Matela, que continúa na última posición con 6.

O Becerreá agárrase ao liderado
Os xogadores adestrados por Javi Gómez venceron ao Friol na Reigosa (3-4) e mantéñense no primeiro posto. Suman xa 10 vitorias e alcanzan os 31 puntos na táboa. Contan con tres de diferenza con respecto ao Santa Comba (2º) e sete co Lemos B (4º) e o San Roque (5º).
Pola súa parte, a melloría do Friol non se volveu en transformar en puntos nesta xornada. Segue na penúltima posición con 8 puntos e coas vitorias esta xornada de rivais directos como O Páramo e o Sober.
O Santa Comba comerá o turrón en postos de promoción
Noveno triunfo do curso para o Santa Comba, que se recuperou da derrota co Becerreá e continúa acumulando puntos. Derrotou ao filial do Monterroso (4-0). Ocupa o posto de promoción de ascenso, con catro puntos de marxe co Lemos B e o San Roque.
Pola súa parte, o Monterroso B leva tres xornadas sen gañar e queda na 8ª posición con 19 puntos. Con todo, o 27 de decembro recupera un partido aprazado co Ferreira no que será un encontro directo por finalizar o ano nos postos altos da táboa.
O Lemos B é o equipo do momento
O filial do Lemos suma catro vitorias consecutivas e sitúase na 3ª posición con 24 puntos, a catro de distancia do Santa Comba. Superou ao Ferreira (3-4) nun econtro que case poderiamos considerar un derbi. Ademais, co aliciente de que os dous equipos chegaban igualados na clasificación. Agora con tres puntos menos, o Ferreira é 5º, con 21, a espera tamén de recuperar o partido co Monterroso B o 27 de decembro.
O Palas goleou ao San Roque
O club palense tivo unha gran tarde de goles en Montirón (0-4). O quinto triunfo da tempada permítelle ser sexto con vinte puntos, a oito do posto de promoción e a catro do seu rival.
O Antas venceu ao San Lázaro
Cos mesmos puntos que os seus veciños de Palas sitúase o Antas. O cadro da Ulloa volveu ao camiño da vitoria ante o San Lázaro (3-1), despois de tres derrotas consecutivas. O San Lázaro é último clasificado, empatado co Friol e a catro do Páramo, do Sober e do Chantada B.
A Sarriana B vai cara arriba coa terceira seguida
Os pupilos de Raúl F. Leizán saíron vitoriosos do encontro de filiais en Chantada. Os de Sarria venceron pola mínima (0-1) e acumulan 16 puntos, catro máis que o seu rival da pasada fin de semana.
O Sober superou ao Paradela
O Sober tamén comeza a escalar algún punto na clasificación tras sumar un novo triunfo ante o Paradela (3-1), que se une á vitoria do encontro aprazado co Palas (1-0). Suma 12 puntos e queda a tres do seu rival, nesa zona media baixa da táboa.
O Páramo gañou no derbi co Portomarín
Tras nove encontros sen lograr sumar de tres, O Páramo levou unha das vitorias que máis saben, a do encontro de proximidade co Portomarín (1-2). Con todo, os do Chao da Poza quedan con cinco puntos máis na clasificación.


