Sorpresas na Cheda e no Saviñao nunha xornada vibrante

Deixou sorpresas a nova xornada da Primeira Futgal. A SD Chantada e o Ribadeo beneficiáronse dos pinchazos da Residencia, Escairón e Milagrosa. Todo, con Salvatierra Abogados.

O Outeiro remonta e saca tres puntos da Cheda (2-3). O primeiro gol local nun saque de esquina desencadenou unha mala versión da Residencia, que viu como o Outeiro maduraba o partido paseniño e empataba nunha gran xogada de Alejo. Co 1-1 chegaba o tempo de lecer. Na segunda metade, a Residencia fixo o 2-1 nun roubo de Renda en saída rival, pero os chairegos foron quen de asentarse e xeraron numerosas oportunidades —incluso unha pena máxima que erraron— para empatar e remontar o choque diante do segundo clasificado da categoría.

O Brollón suma de tres ante o Muíños (2-1). Os ourensáns puxéronse por diante, pero os dos Medos igualaron moi rápido por medio de Castañer. Tampouco tardou en chegar o segundo gol logo do paso por vestiarios: o extremo dos da Pobra está mostrando unha gran versión nos últimos choques e anotou o 2-1. Pouco despois chegaba a expulsión de Guiti, que deixou mermados a un cadro lucense que soubo sufrir e resistir as acometidas rivais para deixar tres puntos máis na casa.

sorpresas

A SD Chantada aproveita en Xove o pinchazo da Resi (0-3). O cadro de Traste está progresando moito este curso, especialmente no plano defensivo. Dúas boas presións dos chantadinos valéronlles para anotar dous goles e chegar con vantaxe ao tempo de lecer. Os mariñáns avanzaron as súas liñas no segundo tempo, pero unha boa acción colectiva dos visitantes rematou co 0-3 de Fornas.

O Castro abónase ao empate, neste caso ante o Taboada (2-2). Os de Martín Murado fixeron o 0-1 nun contragolpe e dominaron ao longo da primeira metade, pero erraron tres man a man co gardamallas local Josema. No segundo tempo, o partido foi para un Castro que mellorou cos cambios: remontaron rápido cun gran xogo por bandas e, aínda que encaixaron o 2-2 nunha nova transición ás costas, xeraron numerosas ocasións para gañar, pero o balón non quixo entrar.


O Escairón e o Lourenzá sobresalen no defensivo (0-0). Foi un choque pechado entre dous equipos que dominan á perfección a fase defensiva. A máis clara do Escairón foi ao comezo, cun remate desde a frontal da área pequena que se marchou fóra, mentres que os visitantes contaron cunha opción clara en cada parte: Parapar detivo un gran tiro de Julián na primeira e, no 95′, un contragolpe de Samir puido ser o 0-1, pero chegou moi canso e tirou ás mans de Parapar. Previamente, os do Saviñao viron como se lles anulaba un gol por fóra de xogo.

Outeiro e Lourenzá protagonizaron as sorpresas logo de puntuar ante equipos da zona alta como Resi e Escairón.


O Ribadeo colle aire logo de superar ao Foz no derbi (1-2). Adiantáronse os celestes nun choque vibrante ao comezo: un bo balón de Castrín ao segundo pau foi rematado por Santi para o 0-1. Bruno igualou nun rexeite en torno ao 15′ na que foi unha xogada convulsa: o asistente sinalou fóra de xogo, pero ante o aparente erro e logo da conversación co colexiado principal, o gol subiu ao marcador. Na segunda metade, aínda que os Máxicos de Pelayo tiveron bastante dominio do coiro, o balón parado foi diferencial. Anxo enviou ao fondo das mallas un saque de esquina para poñer o 1-2 que, á postre, sería definitivo.


O Iberia toma aire diante do Oural (2-1). Os sarriáns, cun excelso Cayuela, levaron a iniciativa na primeira metade e controlaron os ritmos de xogo. Yago fixo o 0-1 nun balón directo, pero os mariñáns colleron pouco a pouco o pulso do partido. A incomodidade visitante na recta final do primeiro tempo estendeuse despois da reanudación e os de Moro remontaron o choque en apenas 10′ con goles de Marcos e Del Viso. Desde o 2-1, o Iberia tirou de oficio e deixou os puntos nas Valgas ante un rival directo.


O Monterroso asoma no grupo de cabeza logo de gañar en Guntín (0-1). Foi un duelo moi atractivo e, aínda que marcado polo fútbol directo, con moitas ocasións. Os laranxas foron mellores e máis intensos no primeiro tempo, aínda que os vermellos erraron unha ocasión clarísima. Cos cambios introducidos por Fernandito no descanso, o Monterroso tomou a iniciativa. As ocasións sucedíanse, pero os goles non chegaban, ata que David perforou a meta de Ilian cando xa se cumpría o tempo regulamentario para mandar tres puntos de ouro cara Cerdeiriños.


O Chantada Atlético cae con estrépito ante o Racing Villalbés ‘B’ (0-4). Ata o minuto 37′, o Chantada Atlético amosou a súa mellor versión da temporada, con moita seriedade e sobriedade no plano defensivo. Porén, dúas accións rápidas dos chairegos logo de dúas desconexións dos chantadinos traducíronse no 0-2 antes do descanso: o 0-1 nun rexeite e o 0-2 nunha xogada con idénticos protagonistas: pase de Migui e remate final de Gabi. Na segunda metade e aínda que os locais non lle perderon a cara ao partido, o gol de Migui e o de penalti de Irimia sentenciaron o duelo no Sangoñedo.


A Milagrosa e o Santaballés asinan táboas nun domingo con poucas alternativas (0-0). A expulsión —moi protestada— do visitante Rubén no 30′ de xogo marcou un duelo no que a Milagrosa foi dominadora, pero amosou pouca profundidade no Gorgoso. O Santaballés xuntou as súas liñas e renunciou á fase ofensiva, mentres que os de Madriles puideron anotar en balóns parados e centros á área nos que o gardamallas chairego deixou mostras da súa seguridade. Non houbo goles en Frigsa e ambos conxuntos voltan coller sensacións.