#Fútbol afeccionado #Feminino

Un San Lázaro en alza pon a proba a boa xeira da Milagrosa

Fin de semana de derbi no fútbol feminino da capital lucense. San Lázaro e Milagrosa veranse as caras o domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1, coa arbitraxe de Manuel Rodrigo Arguello. Un encontro con sabor a play off.

O San Lázaro é oitavo na clasificación con dezaoito puntos, a catro dos postos de promoción de ascenso, situación que amosa o bo facer do equipo no seu primeiro ano na categoría. As rapazas adestradas por Rubén Candal chegan ao derbi nun bo momento malia a derrota no último encontro fronte ao Unión Campestre. Logo dun comezo con máis dúbidas, sobre todo en canto a resultados, as lucenses foron quen de enlazar catro vitorias consecutivas e facerse fortes na casa, sendo quen de vencer nos tres últimos encontros como locais.

Pola súa banda, a Milagrosa ocupa a cuarta praza na táboa clasificatoria con vintedous puntos, marcando precisamente o posto de promoción de ascenso. Ao igual que o San Lázaro, a ‘Mila‘ colleitou peores resultados no tramo inicial de competición, no que se mediu aos equipos cabeceiros, colleitando derrotas frente a Tordoia ou Muxía. Pero o último mes e medio de competición foi case que impecable a nivel de resultados. As de Héctor Expósito gañaron en catro dos seus últimos cinco encontros, axudados en boa medida pola impresionante xeira goleadora da barreirense Irene, autora de once goles neste último mes de competición, sendo a pichichi do grupo con dezaseis dianas.

Falamos con Ana María Carballo ‘Anita‘, unha das xogadoras referencias do San Lázaro e con Irene, a referente ofensiva da Milagrosa. Ámbalas dúas protagonistas tamén no úlitmo All Star Futbolinlugo disputado na Cheda.

QUE OPINAN AS PROTAGONISTAS?

Anita (San Lázaro)

O derbi. «Chegamos a este partido con moitas ganas. Queremos disfrutar do encontro, vivilo ao máximo e imos a por todas«.

A Milagrosa. «Agardamos un rival forte e un partido moi difícil. Como sempre, os derbis son encontros tensos e dignos de ver. Temos que competir ata o final e dar todo o que temos cada unha. Ao final estes partidos sempre se resolven en pequenos detalles, polo que intentaremos dar o mellor de nós«.

Obxectivos. «Non temos unha meta marcada, pero queremos quedar o máis arriba posible e sobre todo disfrutar do fútbol feminino e desta nova competición na que estamos. Ogallá sigamos así e sexamos quen de gañar cada fin de semana«.

Irene (Milagrosa)

Boa xeira. «O equipo atópase ben a pesar de contar con moitas baixas. Tivemos a sorte de contar con xogadoras da canteira en idade cadete que están a moi bo nivel e dan a talla para competir nesta liga. Aínda que o obxectivo inicial do club era a permanencia, agora que nos vemos en postos de play off gústanos ser ambiciosas e por que non loitar polo ascenso. Se seguimos nesta liña creo que podemos pelexar por estar na parte alta da táboa«.

O San Lázaro. «Creo que será un partido igualado. Somos dous equipos que estamos preto na clasificación e que vimos competindo ben. O que sexa máis contundente nas áreas terá moitas opcións de levar os tres puntos. Nun derbi as emocións pesan, pero se facemos o noso fútbol as posibilidades de gañar serán máis altas«.

Pichichi. «Agora mesmo penso que estou nun bo momento deportivo polos goles, pero aínda me queda moito que mellorar en todos os niveis. Os goles ao final son unha boa motivación para continuar, pero o importante é sumar puntose poder aportar ao equipo. Mais que polos números en si, sinto que mellorei na regularidade e na toma de decisións, aínda que a sorte tamén pode que esté xogando un bo papel».

A AXENDA DESTE FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE . . .

Terceira Galega Feminina

Comercial – Friol B (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 2): as locais queren estrear o seu casilleiro de puntos diante dun filial que se atopa na zona alta da clasificación.

Terceira RFEF

CD Lugo B – Viveiro (Sábado ás 18 horas na Cheda): derbi entre dous conxuntos en boa dinámica. O filial albivermello atópase a dous puntos do play off, mentres que os mariñáns veñen de catro partidos sen coñecer a derrota.

Racing Vilalbés – Céltiga (Domingo ás 12 horas na Madalena): os chairegos reciben ao conxunto revelación. Os da Illa contan cun punto máis que os de Juan Rodríguez e ámbolos dous buscarán tres puntos que os asenten en zona play off.

Primeira Futgal

Foz – Ribadeo (Domingo ás 12 horas no Martínez Otero): un clásico do noso fútbol. Os locais veñen de sumar dous triunfos consecutivos mentres que o Ribadeo encadea dúas derrotas. Dani Moirón ‘estréase’ no banquiño dos visitantes.

Segunda Futgal

Alfoz – Goiriz (Sábado ás 17 horas no Municipal de Alfoz): os de Javi Chinchón non coñecen a derrota como locais. Reciben a un Goiriz que suma dous puntos máis e que conta cuns rexistros goleadores espectaculares.

Friol – Becerreá (Sábado ás 16 horas na Reigosa): os locais, penúltimos, veñen de gañar na última xornada e queren seguir sumando para saír da zona baixa. Enfronte un líder que busca manter esa condición.

Terceira Futgal

Rioaveso – Abadín (Sábado ás 16:30 horas en Paraños): os de Asier Lozano queren engancharse ao tren de cabeza, onde o Abadín se instalou grazas á súa boa xeira.

Rubián – Corgo (Domingo ás 16 horas no Poste): logo de perder a súa condición de invicto, o conxunto local quererá voltar a sumar diante dun líder ata o de agora intratable. Os de Abel Rochela suman pleno de puntos e só encaixaron un gol.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

Un San Lázaro en alza pon a proba a boa xeira da Milagrosa

Seis clubs ingresarán máis de 5.000 euros