A Milagrosa segue imparable cunha Irene en estado de gracia

O PM Friol non puido co Victoria FC e desaproveita o pinchazo de As Celtas

As friolesas puideron facerse co liderato esta xornada, na que partían a 2 puntos do líder, As Celtas; que perdeu no seu partido ante o Lóstrego. Mais de nada lles serviu ás amarelas que, un día antes (o sábado) caeran na casa ante o Victoria FC.

O resultado, 1-4, é sen dúbida máis abultado do que presentou a realidade dun encontro no que, aínda que o PM Friol fixo o seu mellor partido, disputouno de ti a ti – aínda que con máis erros do que é habitual entre as xogadoras amarelas – ante o Victoria FC que, grazas a una enorme efectividade de cara ao gol, gañou o partido.

Once inicia do PM Friol ante o Victoria FC. Foto cedida

Nova xornada e nova vitoria do Antas no Castro Seoane

Se ata o de agora o Antas presentaba dificultades para rematar «tranquilas» os partidos que dominaban claramente ao comezo; nesta xornada pasou xusto o contrario. As de ÓScar Méndez entraron moi mal ao partido. O Villalonga dominou os primeiros lances do encontro e, así mesmo, adiantáronse no marcador grazas a un gol de Mirian.

As celestes pola súa parte, seguían tentando atopar o seu xogo e tratando de non sufrir máis do que xa facían. Así, as ulloás tentaban amosar perigo con transicións rápidas.

Co paso dos minutos, o Antas volveu atoparse consigo mesmo. O seu xogo foi mellorando e obtivo recompensa antes do descanso, co gol de Nuria no m. 43 que poñía as táboas antes de rematar o primeiro tempo.

Na segunda parte, Óscar Méndez mudou o esquema e o equipo celeste deu un paso adiante. Aínda que o Antas non seguía a estar totalmente cómodo no partido malia xogar no seu campo, o xogo mellorou e Dana puido anotar o 2-1 no m. 60.

Só dous minutos despois, Jenny ditou a sentenza do partido co 3-1, resultado que, esta vez si, o Antas xestionou con tranquilidade para sumar unha nova vitoria.

Xogadoras da SD Antas. Foto cedida

A Milagrosa segue sumando ao ritmo dos goles de Irene

Nova vitoria para unha Milagrosa que, co paso das xornadas, mira cada vez máis alto na táboa clasificatoria da Segunda Futgal, división á que ascenderon este mesmo ano.

As de Héctor Expósito amosaron de novo, esta vez ante o Cee, o seu estado de gracia cun partido que, aínda que igualado, foi de dominio milagrosista.

Outro hat-trick de Irene, xunto ao tanto de Gabri, deron de novo a vitoria ás lucenses (4-2), que se sitúan xa en postos de play-off.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Cee. Foto cedida

Dura derrota para un San Lázaro que mereceu moito máis

O estado de gracia total da Unión Campestre sentenciou a un San Lázaro que non mereceu a derrota a 4-1 final.

As de Rubén Candal entraron moi ben ao partido, coa Unión Campestre tentando xogar ás costas das lucenses. Así, adiantáronse as locais grazas a un gran gol de Ingrid no que nada puido facer Iria.

O San Lázaro seguiu apretando e xerando perigo, pero de novo a sorte púxose do lado das locais para que Ainhoa puxera o 2-0 con outro auténtico golazo.

As lucenses, que vían que malia estar xogando ben estaban pagando cara a efectividade da Unión Campestre, acusou o nerviosismo e enfado nos últimos minutos da primeira parte. As luguesas saíronse do partido, chegaron os nervios e con eles tamén as tarxetas.

Á volta dos vestiarios, o San Lázaro recompúxose e volveu a loitar cun bo xogo polo partido. Xiana recurtou distancias no 49 (2-1), pero un erro na saída do balón volveu a castigar ás lucenses, que encaixaron o 3-1.

O San Lázaro non baixou os brazos pero o fútbol seguía na súa contra. No minuto 65, Carmen anotou outro gran gol para que a Unión Campestre ditara sentencia definitiva ao seu favor.

O Carballedo impúxose pola mínima na súa visita á Comercial

Duelo entre equipos lucenses na 3ª Futgal, co Comercial – Carballedo, partido entre dous equipos con moita necesidade de gañar nunha tempada que non comezara demasiado ben para ningún dos dous conxuntos.

Xogadoras da Comercial antes de comezar o partido ante o Carballedo. Foto cedida

A Comercial de Vicky con necesidade de mellorar o seu xogo e gañar confianza e o Carballedo de ‘Sementa’, tentando resistir malia a acudir a este encontro sen apenas xogadoras.

Aínda que as luguesas amosaron unha mellor cara que noutras xornadas, non puideron estrenar o casilleiro dos puntos xa que o Carballedo rematou por impoñerse e sumar os tres puntos grazas a un gol que tardou en chegar, o de Jesi, no m. 84, para darlle a vitoria ás rosas.

As xogadoras e corpo técnico do Carballedo celebran os tres puntos ante a Comercial. Foto cedida

Táboas entre o PM Friol B e a SD Chantada con dous goles nados na capital do Asma

Bo partido o vivido este domingo na Reigosa. A SD Chantada, líder, visitaba a un PM Friol B que tamén está a firmar unha boa tempada.

Once inicial do PM Friol B ante a SD Chantada. Foto cedida

Ambos conxuntos amosaron unha gran versión, coas chantadesas sacando a relucir o seu bo xogo combinativo, táctico e tamén físico. Porén, o PM Friol B non se achicou e mirou de ti a ti ás líderes.

Once inicial da SD Chantada na Reigosa. Foto cedida

Aos poucos minutos de comezar o partido, fora unha das grandes xogadoras da provincia, a chantadesa Iria Pérez; a que abrira o marcador para as visitantes (Chantada). Porén, neste encontro bastante igualado, foi outra chantadesa – mais militante no equipo friolés que combina a súa participación no filial con ser tamén unha das pezas fundamentais do primeiro equipo en Terceira RFEF -, Nerea Rodríguez, a que anotou para devolver as táboas no luminoso (1-1, m. 61).

O marcador xa non se movería, pero a Reigosa desfrutou dun partido de nivel para a Terceira Futgal.