#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

O Castro ameaza a imbatibilidade da Residencia

A undécima xornada na Primeira Futgal achéganos un dos auténticos partidos da xornada entre dous conxuntos cunha historia recente moi parella. Castro e Residencia mediranse no Arturo Pereiro o domingo ás 16:30 horas coa arbitraxe do colexiado focense Ángel Ron.

Chairegos e lucenses descenderon xuntos desde a Preferente na temporada 2023/2024, ámbolos dous por mor dos temidos arrastres e na última campaña foron os equipos lucenses que disputaron a promoción de ascenso. A Residencia caeu nas semifinais por penaltis fronte ao Celanova, mentres que o Castro chegou á final e quedou eliminado diante do Alertanavia, que remontou logo de que os chairegos acadaran unha mínima vantaxe no Arturo Pereiro.

Nesta temporada, Castro e Residencia están chamados a pelexar novamente por un ascenso que se prevé máis caro ca nunca. Os comezos de ámbolos conxuntos foron diverxentes. Por unha banda, o Castro é sexto clasificado, con dezaseis puntos, logo de dez xornadas disputadas. Os de Dumi acumularon cinco xornadas sen gañar, aínda que só cunha derrota, que os afastou dos postos de cabeza. Tres vitorias consecutivas diante de Iberia, Escairón e Foz situaron novamente aos chairegos preto do play off, situación que se viu freada coa derrota na última xornada fronte á Milagrosa.

A Residencia é o único equipo invicto do grupo lucense de Primeira Futgal. Os de Rafa Casanova firmaron un comezo de liga brilante con seis triunfos consecutivos nas seis primeiras xornadas. Malia todo, os lucenses non son líderes, posto que ocupa un Chantada que os supera nun punto. Todo apunta a que a batalla polo ascenso directo será encarnizada entre estes dous conxuntos, sen descartar a presencia de ningún conxunto.

Falamos con dous clásicos do fútbol lucense, que coincidiron no vestiario do Ribadeo, onde alcanzaron un histórico ascenso a Terceira División no ano 2014. Diego Pardeiro ‘Dumi‘ actual adestrador do Castro e Rafa Casanova, adestrador da Residencia.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Dumi (CD Castro)

O comezo ligueiro. «Está sendo complexo. Ao rematar máis tarde a pasada temporada por mor de chegar á final do play off, decidimos dar algo máis de descanso aos xogadores. Ademáis, o equipo renovouse coa saída de xogadores importantes e, a maiores, estamos moi lastrados polas lesións na zona de ataque. Tivemos varios partidos que merecemos máis ao comezo de liga, pero agora si que estamos en proceso de clara melloría e agardamos que nos respeten as lesións para seguir progresando«.

A Residencia. «Vai ser un partido moi duro e competido. É un rival co que sempre estamos pelexando por obxectivos moi semellantes. Coñecémonos moi ben, sobre todo a Rafa co que xoguei e ao que considero un amigo. Son un equipo moi sólido que defende moi ben. É un grupo moi traballado que ten moi claro ao que xoga. Debemos sacarlle rentabilidad a este partido e acadar os tres puntos para non desengancharnos«.

As opcións do Castro. «O ascenso nesta categoría é moi difícil. Ser primeiro é complexo, este ano o Chantada está moi forte e leva anos traballando moi ben. Compiten moi ben e cun gran adestrador. Ademáis está a Resi, a Milagrosa . . . Nós debemos ir partido a partido, é a filosofía que lle intento transmitir aos xogadores. Estar entre os tres primeiros é o noso obxectivo, pero sen que esto se convirta nunha obsesión. O ano pasado estivemos a nada de acadar o ascenso e este ano estamos adestrando moi ben e se as lesións nos respetan creo que estaremos arriba«.

Rafa Casanova (SD Residencia)

Impecables no arranque. «Van dez partidos, oito ganados e dous empatados. Con eses números case das por suposto que eres líder, e o noso notable ou sobresaínte vese aínda superado pola matrícula de honra do Chantada. Non queda outra que seguir traballando e loitando para coller a este equipo que o está facendo tan ben. É das Primeiras Futgal máis potentes, e boa mostra é que miras para atrás e os perseguidores están preto. Nos seguiremos ao noso, tentaremos gañar en Castro e esquecernos dos demáis conxuntos. A valoración destes dez partidos é moi positiva tanto na competición como nos adestramentos«.

O partido no Arturo Pereiro. «Enfrontámonos a un rival que ten que comezar a sumar. Tivo unha boa racha malia perder diante da Milagrosa, nun partido que mereceu máis. Para sacar o máximo en Castro debemos ser nós mesmos, saír a polo partido, competir sendo conscientes da dificultade, pero debemos amosar personalide e se saímos fortes e igualamos a intensidade do Castro a vitoria estará máis próxima«.

Diante dun ex equipo. «Estou contento de voltar a un sitio onde me trataron moi ben e onde estiven moi agusto. Son un conxunto que o penalizaron moito as baixas, sobre todo en ataque, e iso nótano ata en Primeira División, así que imaxínate na nosa categoría. Son un equipo que estará ata o último partido pelexando por estar entre os tres primeiros, deso estou seguro coñecendo a Dumi e a moitos dos xogadores«.

A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE

Terceira Federación Feminina

PM Friol – Sárdoma (Sábado ás 17:30 horas na Reigosa): encontro propicio para sumar os tres puntos. As locais son segundas e reciben ao pechacancelas, con tan só un punto no seu casilleiro.

Terceira Galega Feminina

SD Chantada – Carballedo (Sábado ás 18:30 no Sangoñedo): as locais queren achegarse ao liderado nun derbi no que o Carballedo terá que decir.

Comercial – San Roque (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 2): as de Vicky Burgo buscarán estrear o casilleiro de puntos nun encontro ao que o San Roque chega tras perder os dous últimos partidos.

Terceira RFEF

Viveiro – Montañeros (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): logo do último triunfo, o Viveiro buscará escapar dos postos de perigo diante dun Montañero liderado polo All Star Unai Peón e que só gañou un dos últimos oito partidos.

Primeira Futgal

Escairón – SD Chantada (Domingo ás 16:30 no Municipal): outros dosfavoritos ao ascenso. Os locais tentarán seguir coa súa escalada nun derbi no que reciben ao ata de agora intratable Chantada, líder da categoría.

Segunda Futgal

Goiriz – Meira (sábado ás 11 no Ventiño): o conxunto vilalbés é a sorpresa agradable da categoría. No ano do seu retorno, os de Manu Veiga son segundos e promedian catro goles a favor por partido. Un fútbol de ataque que se medirá a un Meira que venceu os seus últimos cinco partidos e que suman tres puntos menos que os locais.

San Lázaro – San Roque (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): o conxunto local suma tres encontros sen perder e xa lle colleu o pulso á temporada. Enfronte un San Roque que buscará recuperar o liderado no derbi.

Terceira Futgal

Muimenta – Abadín (Domingo ás 16:15 horas no Pichón): dous dos equipos máis en forma da Terceira Futgal fronte a fronte. Ámbolos dous buscarán tres puntos que os acheguen aos postos de ascenso directo.

Piringalla – Corgo (Sábado ás 20 horas no Rodríguez Lago 1): os locais buscarán unha vitoria que os consolide na zona alta. Enfronte un líder intratable ata o de agora con pleno de puntos e só un gol encaixado.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O Castro ameaza a imbatibilidade da Residencia

O Relámpago Taboada volver gañar en liga

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *