Moitas victorias visitantes e dous partidazos tolos

Ata 4 victorias dos conxuntos visitantes nunha nova xornada da Primeira Futgal. Salvatierra Abogados cóntanos todo o que sucedeu.


A Residencia supera ao Castro no Arturo Pereiro (3-4). Foi un partido tolo no que os locais golpearon primeiro, cun gol de córner e varias ocasións pouco despois. Porén, os branquiazuis colleron o pulso do partido paseniño e deron a volta ao choque en 5′ antes do descanso en dúas accións a balón parado. Á volta dos vestiarios, os visitantes ampliaron a renda nun contragolpe, pero o Castro aterrizou de novo no choque, recurtou diferenzas (2-3), enviou dous balóns ao pau e protestou un penalti.

A isto respondeu a Resi con outro gol máis ao contragolpe, pero o Castro fixo o 3-4 e estivo a piques de empatar logo de dous disparos que, de novo, petaron nos paus. Finalmente, o oficio dos de Rafa Casanova levou os puntos cara A Cheda.

O Foz lévase o derbi ante o Xove Lago (2-0). Os locais tiveron o control do choque desde o comezo. Logo dunha gran intervención de Álvaro, Raúl fixo unha gran xogada que finalizou cun golazo para adiantar ao Foz mediado ao primeiro tempo. Na segunda metade, a sobriedade defensiva dos focenses impúxose a un Xove que non inquedou a meta do Martínez Otero ata a recta final. Con anterioridad, Asier duplicara a diferenza no electrónico cun remate no segundo pau logo dun saque de esquina.

A SD Chantada asalta O Saviñao (1-2). Os visitantes non estiveron precisos nos primeiros minutos ante a férrea defensa local, pero o paso dos minutos deixou as primeiras ocasións para o cadro de Traste, que erraron Lucas e Pablo. Non foi ata o segundo tempo que Manu perforou a meta de Parapar cun disparo de falta directa e, logo de evitar o Escairón o segundo da SD, Kevin aproveitou un centro lateral para igualar o resultado, 1-1. Cando semellaba que o partido remataría con ese marcador, Xende asistiu a Joserra na última acción do partido para poñer o 1-2 definitivo e desatar a tolemia entre a bancada chantadina.

O goleador anotou na súa primeira visita ao Saviñao logo da grave lesión que sufriu hai ano e medio nese mesmo escenario, cando disputaba a fase de ascenso á Preferente.

O Iberia e o Outeiro empatan para seguir progresando (1-1). Foi un partido moi vistoso nas Valgas: o equipo local propuxo máis no primeiro tempo, e xa na primeira acción do choque enviou un balón ao longueiro. O Outeiro mellorou a versión defensiva, pero os ataques verticais beneficiaron aos mariñáns. O Iberia anotou o 1-0 cun balón profundo por banda dereita e tivo opcións para ampliar a renda.

Na segunda metade, porén, os visitantes deron un paso adiante e trataron de controlar o ritmo ofensivo do choque. Saliulles ben e empataron tras 5′ de xogo. Desde ese momento, as ocasións sucedéronse para ambos conxuntos e, aínda que foi o Outeiro o que máis preto estivo da victoria, a boa actuación de Iker e a falta de acerto dos chairegos deixou o reparto de puntos imperando no electrónico ata o asubío final.

O Brollón non da opción ao Allariz (5-1). O gol inicial dos lucenses deulle tranquilidade a un Brollón que soubo xogar coa ansiedade ourensá. Os de Chura anotaron o 2-0 e, aínda que recibiron o gol visitante pouco despois, o 3-1 antes do descanso foi un golpe sobre a mesa para levar os tres puntos. Na segunda metade, o control por parte do Brollón foi total e dous goles máis pecharon a contenda nos Medos, 5-1.

O Guntín vence a un Taboada moi molesto cos colexiados (3-2). Golpeou primeiro o Taboada no Ladairo, cunha pena máxima que transformou Guerreiro. O Guntín non se viu abaixo e igualou xusto antes do descanso, cando Pablo González empurrou ao fondo da rede un balón botado desde a esquina. Xa na segunda metade, unha boa xogada por banda esquerda dos visitantes traduciuse no 1-2. De novo os laranxas, por debaixo no marcador, subiron as súas liñas e empataron cun centro de Mateo rematado por Dávila.

Cando xa se achegaba o asubío final, o árbitro do encontro sinalou penalti a prol do Guntín logo dunha acción sobre Jose e cuxa resolución foi o definitivo 3-2 que deixou os puntos no Municipal. O Taboada, amolado pola decisión e pola polémica expulsión de Quintás, protestou airadamente pero viu como se lle escapaban os puntos no engadido.

O Ribadeo supera ao Chantada Atlético no Sangoñedo (0-2). Os mariñáns mostraron a súa versión máis solvente: o gol inicial de Anxo aportou a dose de calma necesaria ante un Chantada Atlético que se viu moi condicionado polo resultado desde moi cedo, pero que asinou un bo partido. O oficio dos visitantes ao longo de todo o choque e a falta de claridade con balón dos locais permitiu que o Ribadeo mantivese a súa meta a cero goles, ata que Anxo asinou o segundo na súa conta particular para sentenciar un duelo moi pragmático dos celestes.

visitantes
Manu adiantou á SD Chantada cunha falta directa.

O Santaballés e o Lourenzá asinan unhas táboas grises (1-1). Os locais foron mellores no comezo, xeraron ocasións de perigo e fixeron o 1-0 no 7′. Desde ese momento, o Lourenzá mellorou e neutralizou aos chairegos ata o empate (1-1) cun remate de testa, aínda antes do descanso. Xa na segunda metade, o Santaballés foi o protagonista co balón e tivo opcións claras para anotar: especialmente, un pau na recta final e unha pena máxima moi protestada que non asubiou o colexiado. O Lourenzá mostrouse sobrio sen a posesión do coiro e, finalmente, o 1-1 mantívose ata o final.

Os visitantes amosaron un gran nivel nesta xornada

O Racing Villalbés ‘B’ saca os puntos na casa a costa do Oural (3-1). Os chairegos tiveron o dominio do coiro ao longo da primeira metade, mentres que a proposta defensiva dos sarriáns non puido impedir os goles locais: o primeiro chegou nun saque de esquina e o segundo nun ataque moi vertical do Racing. Na segunda metade, o Oural envorcouse ao ataque e procurou o gol. Neste momento chegou o 2-1. O partido abriuse moito e ambos equipos gozaron de opcións ata o 88′, cando os vilalbeses sentenciaron o duelo cun lanzamento de falta directa.

O Monterroso remata co fortín do Gorgoso (0-1). Foi un partido moi serio por parte de ambos equipos. O Monterroso entendeu mellor o fútbol directo e estivo máis intenso nas segundas xogadas nas que se basearon os dous conxuntos e, logo dunha primeira metade moi igualada, quedou todo por resolver para o segundo tempo. Os de Madriles deron un paso adiante, pero os de Fernandito puxeron as ocasións. O propio xogador-adestrador errou unha acción a porta baleira antes de que Guaje anotase o único gol do choque á saída dun córner. A Milagrosa procurou o empate na recta final, pero os vermellos tiraron de oficio para manter a renda.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *