Repóker para o fútbol feminino lucense

Fin de semana de fútbol case perfecta para os equipos femininos da provincia que desputaron partidos, a excepción do San Roque que, no derbi provincial ante o Chantada, caeu derrotado.

O PM Friol afianza a segunda praza

O partido desta fin de semana era complexo. As friolesas desprazábanse ata terras coruñesas para enfrontarse ao Orzán que, de gañar, arrebataría a segunda praza na táboa ligueira ás amarelas.

Once inicial do PM Friol ante o Orzán. Foto cedida

Así, e como era de agardar, o partido comezou moi igualado. Na primeira metade do encontro as protagonistas foron as imprecisións. Yoleidis tivo nas súas botas as ocasións máis claras durante os primeiros 45 minutos, pero o PM Friol non conseguía finalizar ben as xogadas para poder adiantarse no marcador.

Pola súa parte, o Orzán no levantaba o pé do acelerador. As locais tiveron tres ocasións moi claras para anotar, pero unha grandísima Sara emerxeu baixo os paus da portería friolesa para facela infranqueable.

Tras o paso polos vestarios, o PM Friol saiu mellor ao segundo tempo. Yoleidis era unha auténtica dor de cabeza para o Orzán e ela mesma provoca un penalti favorable ás amarelas que transformaría Keisy no único tanto do partido: o da vitoria do cadro friolés para manterse na segunda praza e recurtar distancias a As Celtas B, que pinchou esta xornada.

O Antas dubida pero non falla

Non foi o mellor partido para as celestes pese a enfrontárense a un equipo, a priori, asequible: a Pastoriza.

As ulloás saíron dominando o encontro e así o fixeron visible tamén no marcador ben axiña. Jenny puxo o 1-0 no min. 8 e Yanire aumentou a vantaxe aos 2 goles no min. 11.

A presión alta do cadro dirixido por Óscar Méndez dera os seus froitos, o Antas era superior e xeraba ocasións. Porén, cos dous goles no luminoso no canto de sentenciar o partido continuando co dominio do encontro, as tornas mudaron.

Once inicial da SD Antas ante A Pastoriza. Foto cedida

O Antas perdeu as rendas do xogo e as dudas entraron no Castro Seoane. Así, A Pastoriza cada vez máis cómoda no partido; obtivo a súa recompensa en forma de gol olímpico de Sabela.

A partir de entón o partido fíxoselle longo ás de Óscar Méndez. Os trocos introducidos axudaron a paliar os problemas que presentaba o cadro local. Non sen dificultade pero tamén con mérito, o Antas aguantou o restante do encontro para sumar outros 3 puntos e continuar na metade alta da táboa (6º).

A Milagrosa volve con goleada á senda da vitoria

Unha grandísima primeira metade da Milagrosa, cos 5 goles do partido nos primeiros 31 minutos de xogo, sentenciaba o partido ante o Nicrariense pola vía rápida.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Nicrariense. Foto cedida

De novo, unha Irene excelsa, marcou o camiño da vitoria para as branquivermellas co seu particular hat-trick. Alexia e Martínez anotaron sendos goles para firmar o resultado redondo e final que quedara xa visto para sentencia na primeira parte: 5-0.

O San Lázaro consegue unha nova vitoria nun partido que se lle fixo longo

Os primeiros 70 minutos do encontro só tiveron unhas donas, as locais, as xogadoras do San Lázaro. Ben posicionadas, moi serias no xogo e moi correctas no dominio do balón pese á perigosidade especialmente no bloque alto do Eirís.

San Lázaro e Eirís saltan ao verde. Foto Róber Carreira

Así, Xiana puxo o 1-0 aproveitando un rexeitamento a un tiro de Anita. O 2-0 púxoo Dou nunha acción individual de gran calidade e coa que fixo dano ás rivais durante todo o encontro. O 3-0 chegou de penalti das botas de Anita.

Ao verse 3-0, os trocos introducidos polo San Lázaro semellaron saltar ao verde con demasiada relaxación, e así o pagaron. Sara recurtou distancias no 70′ (3-1) e Carolina fixo o propio no 88′.

Foto Róber Carreira

O San Lázaro rematou o partido sufrindo máis do que debera, pero ao fin e ao cabo, con outros 3 puntos xa no peto.

Un Chantada máis eficaz leva o igualado derbi ante o San Roque

Partido de ti para ti entre o San Roque (local) e o Chantada. Ambos conxuntos tiveron ocasións claras para poder anotar nunha primeira metade moi igualada.

Xogadoras e corpo técnico do San Roque antes do partido. Foto cedida

O Chantada xa avisara no primeiro tempo con chegadas de perigo de Isa man a man coa porteira verdibranca, Cristina; o tiro ao pau longo de Iria, un bo tiro de Saray ou unha clara ocasión para Noela na área pequena. E como quen avisa non é traidor, Iria conseguiu anotar o primeiro gol do partido xa no tramo final do encontro despois dun bo pase dende a dereita de Lucía.

Foto Róber Carreira

Pero o San Roque tamén tivera as súas para marcar, como nunha acción clarísima no 45′ que porén foi desbaratada grazas a unha excelsa actuación defensiva de Nati. Porén, tamén as verdibrancas obtiveron o premio do gol para empatar o partido no 78′ por medio de Eva cun tanto desde o medio campo.

Foto Róber Carreira

Xa nos últimos intres do partido, o Chantada botouse arriba con todo para tentar anotar o gol da vitoria. Lucía tivo unha primeira oportunidade de volver adiantar ao Chantada no marcador despois de que un disparo de Iria pegara no longueiro e o balón chegara ás súas botas, pero non foi quen de anotar. Pero non fallou de novo. Na seguinte xogada de perigo, Noela centrou un saque dende o curruncho que Lucía rematou sen dúbidas para mandar o esférico ata o fondo da portería.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *