A Sarriana foi o equipo protagonista da semana en toda Galicia, pero non pola súa vitoria ante o Real Ávila por 0-2. O conxunto sarriano viviu uns días intensos debido ao anuncio da destitución de Iván Carril como adestrador do equipo cando o equipo marchaba noveno na clasificación da Segunda RFEF con catro puntos de marxe co descenso. O club vivirá unha nova era na que o seu director de orquestra será o exporteiro do Deportivo, Betis ou Rayo Vallecano Dani Giménez.
Unha decisión que moita xente non entendeu polos resultados, pero que o presidente da Sarriana, Manuel Sangil, quixo explicar. O mandatario pasouse polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Juan Carlos Rodríguez, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron dos motivos, a situación do equipo e a mensaxe para os afeccionados.
Entrevista ao presidente da Sarriana
A decisión: «A destitución non vén polos resultados, xa que se nos din que estaríamos así a inicio de tempada firmaríamos. Hai outros motivos que nos levaron a este decisión. Polo ben do club, penso que é a mellor decisión e creo que vai ser acertada».
Situación do club: «As últimas horas foron complicadas. As destitucións sempre o son, pero máis neste caso. O que pasa no club entendémolo os que estamos no día a día. Para min, hai unha xestión de grupo que non é a correcta, aínda que penso que a culpa témola todos e non só o adestrador porque non estivemos o cohesionados que deberíamos».

Mensaxe para a afección: «Os afeccionados deben confiar en nós. Teñen que ver a traxectoria da Sarriana desde que estaba na Primeira Futgal. Imos dalo todo para salvar a categoría e se eu tomo unha decisión nunca será nin por capricho nin contradictoria cos intereses do club. Pódome equivocar, pero imos sacar este barco cara adiante».

