O Becerreá mantense na cabeza da Segunda Futgal sur. Esta semana non comparte liderado, xa que ten dous puntos máis que o San Roque. O Becerreá é o equipo que máis puntúa da Segunda lucense, 19 puntos en 8 xornadas. Os goles de Kevin e Higinio facilitáronlle o triunfo ante un bo Páramo no Municipal.
Xusto estamos nese momento no que se sobrepasou a metade da primeira volta, é dicir xa se xogou máis de 1/4 de liga. Desta vez dun xeito breve, deixámosvos #ONoso11AChaira cos destacados da 8ª xornada.
O Folgueiro e o Cabreiros son os mellores no norte con 18 puntos. O Cabreiros alcanza en puntuación ao equipo vicedense tras sumar un importante triunfo pola mínima ante o Alfoz. O Goiriz, que volveu sumar de 3, e tamén o Riotorto están preto con 17 puntos.
Na quinta posición preséntase un Meira con catro vitorias consecutivas (14 puntos), logo de derrotar ao Pastoricense no auténtico derbi do Miño.

Xermade, Alfoz e Candelaria acumulan 13. O cadro da Rúa gañoulle ao Castroverde, pero perde a Rambo para o que queda de temporada tras unha grave lesión. Dende aquí mandámoslle moitísimo ánimo e que todo sexa para ben.
Na zona media, triunfo importante do Guitiriz ante o Sporting Pontenova, coa estrea dun novo xogador da canteira, Rubén Pérez.
Na zona baixa, o Casás logrou o primeiro triunfo do curso no duelo directo co Matela. O cadro capitalino queda con dous puntos máis que o seu rival. Ambos fóra dun descenso directo que ocupan o Castroverde e o Sanci.
No grupo sur, o liderado do Becerreá, tras gañarlle ao Páramo (19), é seguido polo San Roque (17, que empatou co Lemos B) e o Santa Comba (16, que igualou co Ferreira).
Con 14 puntos na 4ª praza sitúase o Antas, que venceu ao Chantada B nun novo dobrete de Portu e a seguridade que amosa Lucas baixo paus.
Houbo moitos empates na xornada, entre eles, o derbi da Ulloa entre o Monterroso B e o Palas. O filial monterrosino queda na zona media con dous puntos máis que o seu rival. E aínda ten pendente un partido.
Tamén igualaron noutro derbi o Paradela e o Portomarín. A seguridade defensiva local fronte a xogadores de talento como Moaad quedou equilibrada.
Na zona baixa, salientou o segundo triunfo do San Lázaro ante unha Sarriana B coa que empatan a sete puntos. Na zona de descenso directo gañoulle o Sober ao equipo co que comparte situación, o Friol. Ambos quedan con cinco puntos. Primeira vitoria do cadro soberino no seu regreso á Segunda.



