O Lourenzá e o Outeiro respiran, mentres que a SD impera no derbi

lO Lourenzá foi quen de gañar nunha xornada trepidante para os Máxicos, que rematou coas victorias de Resi, Castro e SD Chantada na zona nobre dunha táboa que patrocina Salvatierra Abogados.

A Resi saca tres puntos nun día gris (2-1). O Iberia foi mellor na Cheda e mereceu sacar algo positivo, pero a dinámica dos de Rafa Casanova valeulles aos locais para vencer. As ocasións máis claras no comezo foron para os de Moro, que se adiantaron e puideron ampliar a renda. Porén, Javi Calderón igualou antes do descanso e culminou a remontada na reanudación. O cadro de San Miguel mantivo o nivel competitivo, pero a sorte e a efectividade non estiveron do seu lado o pasado sábado.

O triunfo do Lourenzá apreta a táboa pola zona baixa

O Monterroso asalta o Pepe Barrera (1-2). A primeira do duelo foi para o Ribadeo, pero Melendo detivo o man a man e, desde ese momento, o Monterroso deu un paso adiante. David definiu ante Javi Pita logo dun erro defensivo local. Castrín fixo un golazo para igualar pouco despois, pero as lesións deste mesmo goleador e de Santi pasaron factura aos mariñáns. Xa na segunda metade, o Ribadeo non fixo sangue cando dispuxo de ocasións claras, e os vermellos aproveitaron a incertidume para facer o 1-2 nun barullo na área logo dun saque de esquina. Desde aí, o oficio visitante garantizou que os tres puntos viaxasen cara Cerdeiriños.

O Castro vence ao Escairón e mira cara arriba (2-1). Empezaron mellor os de Dumi, que anotaron o 1-0 e erraron dúas ocasións claras. Os visitantes empataron, porén, nun saque de banda, e puideron facer o segundo nunha pena máxima que erraron. Logo do erro desde os once metros, os chairegos subiron o ritmo e fixeron o 2-1. No segundo tempo, os vermellos xogaron cun home menos logo da polémica expulsión de Leas, pero mantiveron o resultado tirando de oficio e garra.

A SD Chantada imponse no derbi do Sangoñedo (3-1). O guión habitual nos partidos da SD: rival repregado, mentres que os de Traste propoñían con balón e xeraban perigo en centros laterais. O 1-0 chegou tras un roubo que castigou Adri, pero Ovenza aproveitou un desaxuste defensivo para poñer o 1-1. Desde o empate, o partido entrou nun momento de meseta ao que puxeron fin Pedro e Pablo no comezo do segundo tempo, co 2-1 e o 3-1. Ata a recta final, o Chantada Atlético estivo vivo, pero nos últimos intres a SD puido ampliar a renda con varios ataques rápidos, pero finalmente o marcador mantívose no 3-1.

Foz e Milagrosa igualan no Martínez Otero (1-1). O fútbol directo foi protagonista en Foz e, froito dun erro da defensa local chegou o 0-1 dos albivermellos. Os mariñáns, porén, apretaron os dentes e conseguiron empatar mediado o primeiro tempo cun remate de volea de Asier. No segundo tempo, os locais apretaron máis e tiveron tres ocasións claras de gol, mentres que a Milagrosa non se prodigou en ataque pero contivo as ofensivas dos de Pelayo para levar un bo punto cara Frigsa.

Xove e Guntín asinan táboas no Municipal (1-1). O Xove aproveitou os contragolpes ante un Guntín que procurou ofrecer un fútbol vistoso. Samu fixo o 0-1 cun remate de cabeza logo dun balón parado e os laranxas tiveron opcións para distanciarse. Porén, o resultado ao descanso era de 0-1, e o Xove serviuse dunha transición culminada por Ibra para empatar o duelo pouco despois da reanudación. Desde o 1-1, os visitantes buscaron o segundo tanto, pero foi sen éxito.

En Lourenzá respiran tras vencer ao Oural (1-0). Os sarriáns non se atoparon cómodos agás nos primeiros minutos, cando dispuxeron de dúas ocasións claras, pero sen efectividade. O «Atleti» agardaba agazapado para saír a contras que puxeron contra as cordas aos seus rivais e que tan só Adri puido conter. Ao final, o único gol do choque chegou no 75′, nun saque de esquina que o propio Oural anotou na súa propia meta, 1-0 na Santa Cruz a prol dun Lourenzá que necesitaba esta victoria.

O Outeiro supera a un tocado Santaballés (1-0). Foi un choque moi pechado no Municipal, pero o Outeiro mostrou un pouco máis de intensidade ante un cadro chairego que recibiu o 1-0 nunha acción a balón parado rematada por Navia rondando o 30′ de xogo. Na segunda metade, o Santaballés subiu o ritmo ofensivo e puido empatar o duelo en transicións e segundas accións, pero o Outeiro tivo a pizca de sorte que se precisa para sacar tres puntos moi importantes na loita pola permanencia.

O Taboada consigue o empate na casa ante o Racing Villalbés ‘B’ (2-2). Os chairegos tiveron o coiro no primeiro tempo, pero os locais foron máis efectivos. O 1-0 chegou cedo, nunha pena máxima na que aproveitaron o rexeite, e a boa defensa do Taboada e a falta de acerto visitante impediu sobresaltos ata o descanso. Porén, os visitantes melloraron na reanudación, tiveron máis pegada, e iso traduciuse no 1-1 primeiro e, 15′ despois, chegou o 1-2 por medio de Anxo. Os de Martín Murado non baixaron os brazos e Martuno empatou nun balón parado no tempo engadido.

O Brollón saca un punto da casa do terceiro clasificado (0-0). Os lucenses foron mellores no primeiro tempo, pero non estiveron atinados na definición das tres claras ocasións das que dispuxeron para adiantarse. No segundo tempo, porén, a situación clasificatoria fíxose notar e o Loñoá gozou das opcións máis destacadas. De feito, os ourensáns erraron unha pena máxima, que permitiu manter o «resultado-gafas» e levar un punto de moito mérito cara Os Medos.

lourenzá

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *