A 3ª xornada dos Máxicos Salvatierra Abogados sáldase con dúas victorias visitantes e con moitísimos goles e intensidade neste comezo de campaña.
O Racing Villalbés ‘B’ e o Castro igualan sen goles (0-0). O xogo directo, as disputas e os segundos balóns foron protagonistas nun duelo intenso, propio do Estadio Roca. Raúl na primeira metade e Tanketín no segundo tempo tiveron as máis claras para o cadro de Dumi. Os de Iván Lamas defenderon con moito oficio e gozaron dunha oportunidade de Borja no primeiro tempo. A medida que o partido se abriu, as transicións tiveron un maior protagonismo e, nunha delas, Anxo errou un man a man. Ao final, non houbo goles na Chaira.
O esforzo do Chantada Atlético dalle o derbi ante o Escairón (1-0). O bo facer dos xogadores chantadinos entre semana reflectiuse no campo: anularon o xogo ofensivo do Escairón e fixeron dano cando lograron combinar. Sampayo tivo o seu protagonismo nalgún centro lateral, mentres que o Escairón tampouco sufría en defensa. A medida que se achegaba o final do choque, o partido foise abrindo e, finalmente, unha boa xogada de César rematou cun pase a Miguel para deixalo só ante o porteiro. Non errou no man a man e os puntos quedaron no Sangoñedo, mentres que os visitantes marcharon sen puntos cara O Saviñao.
O Santaballés cae ante un Foz que asusta (0-4). Logo dunha primeira parte moi igualada e con apenas oportunidades para ningún cadro, o duelo abriuse co paso dos minutos. A máis clara foi para os locais, pero a boísima intervención de Hugo foi aproveitada polo Foz pouco despois: Jorge colleu o rexeite logo dun centro para poñer o 0-1 e, desde ese momento, a efectividade foi máxima. Alex rematou un saque de esquina e fixo o 0-2, Diego aproveitou a asistencia de Aarón —que voltou aos terreos de xogo logo de estar moito tempo lesionado— para o 0-3 e unha transición ao final supuxo o definitivo 0-4 para uns visitantes que levan 8 goles a favor nos últimos 2 partidos.



Foz e Residencia foron os únicos visitantes que gañaron o seu duelo
O Brollón cosecha a súa primeira derrota na visita ao Carballiño (1-0). Aínda que o cadro local dominou o coiro, os lucenses conseguiron defender ben e non sufrir grandes apuros no primeiro tempo. Na segunda metade, aínda que o Brollón deu un paso adiante, o Sporting Carballiño perforou a meta visitante cun testarazo á saída dun saque de esquina. Era o minuto 75 e, aínda que Nico puido empatar con dúas ocasións consecutivas pouco despois, errou na definición. Os puntos quedaron na localidade ourensá e os visitantes marcharon de baleiro cara A Pobra do Brollón.
O Oural remonta ante o Xove Lago (2-1). Logo dun primeiro tempo igualado, o Xove deu un paso adiante na reanudación. Así, un erro local en saída supuxo o 0-1, pero unha transición rápida dos sarriáns logo dunha perda de balón dos visitantes traduciuse no empate (1-1). Xa no tempo engadido e co Oural envorcado en campo rival, Cayuela colleu un balón fóra da área no e asinou un golazo para deixar tres puntos no fogar do que máis intensidade puxo.
A SD Chantada asalta a Santa Cruz na segunda parte (0-4). Os chantadinos xa foron dominadores no primeiro tempo, aínda que os locais foron quen de manter o resultado ao descanso. Os de Traste gañaron en efectividade á volta dos vestiarios e, logo de facer dous goles con tiros lonxanos de Damián e de Pablo, encarrilou o resultado e xogou un bo fútbol para sentenciar o duelo con dous goles máis: o terceiro nun rexeite aproveitado por Pulpix e o cuarto, nunha boa definición de Xende. Nada puido facer o cadro local ante o bo fútbol e o ritmo dos visitantes.
O Ribadeo con-vence ante o Outeiro (6-0). O Outeiro conseguiu neutralizar a un Ribadeo moi intenso na primeira media hora de xogo, pero o bo xogo mariñán traduciuse no gol de Castrín cando restaban 10 minutos do primeiro tempo. O propio Castrín dobrou a renda á volta dos vestiarios, o que supuxo un mazazo para os chairegos. Tres goles practicamente consecutivos (Kevin, Meitín e Sergio) e o esforzo físico dos visitantes deixaron o choque visto para sentenza, e Meitín aínda tería tempo para un gol máis.
A Milagrosa reafírmase en Frigsa ante o Taboada (2-0). Un duelo atractivo e intenso encheu o Gorgoso o pasado domingo: ambos conxuntos querían ser gañadores de disputas e de segundas accións, e a primeira parte saldouse con igualdade en todos os aspectos. Alberte desnivelou a balanza á volta dos vestiarios e, aínda que o Taboada procurou o empate ata os últimos intres, a sentenza de Rafa deixou os puntos no feudo dun dos equipos de moda desta Primeira Futgal.
O Guntín deixa os puntos no Ladairo fronte ao Iberia (2-0). Os locais querían ser protagonistas con balón, pero o Iberia fixo unha presión moi efectiva e roubou balóns con perigo. Porén, unha boa xogada local por banda dereita rematou cun centro de Lucas e disparo de Dani para poñer o 1-0. Na segunda metade, os visitantes deron un paso adiante e inquedaron a meta laranxa, pero a defensa ordeada dos de Germán Campos e un contragolpe na recta final definido por Luis (2-0) valeron para deixar os puntos na casa do Guntín.
A Residencia asalta un feudo moi complicado (1-3). O Monterroso mereceu un resultado máis igualado, pero pagou os erros individuais. Un rebumbio na área supuxo o 0-1, pero Lorenzo empatou cunha pena máxima antes do descanso. Na segunda metade, Chiqui rematou un saque de esquina para adiantar de novo á Residencia, mentres que os vermellos erraron as súas ocasións. O oficio dos visitantes valeu para sentenciar no engadido cun penalti e sacar tres puntos moi traballados dun campo moi difícil.
