O Trío de Ases do Cantón trae días históricos en Sarriana e Burela, xa que ambos acadaron a primeira vitoria da tempada nun curso con aventuras inéditas na Ribela e que xa hai moitos anos que non se recordan na Marosa. Ademais, o Lugo B mantén a boa senda e o Viveiro estrea as súas vitorias na Terceira RFEF. Na parte menos positiva están os empates de Racing Villalbés e Lemos e dura derrota do Pol na casa ante o Val.
Unha xornada para o recordo
A Sarriana acadou a súa primeira vitoria na Segunda RFEF ao vencer ao Lealtad por 2-0 na casa nun encontro onde os de Iván Carril mostraron a súa versión máis dominadora. O centro do campo de Maycon e Ju estivo a pleno rendemento para manter o equilibrio e abastecer de balóns no último terzo. Ademais, o traballo defensivo foi vital para que a Sarriana aguantase o poderío físico do rival. Faltaba por mencionar a maxia e diso fíxose cargo Hugo Villaverde, que inventou unha xogada individual para poñer o primeiro xusto antes do descanso.
Na segunda parte, os sarriáns sabían que tocaría sufrir nos balóns largos e na pelota parada, o gran peligro do seu rival. Aínda así, foron quen de tranquilizar o partido cando o necesitaba. A falta dun cuarto de hora para rematar o encontro, Arona marchaba só en busca da portería, pero Menéndez derribouno e costoulle a expulsión. A falta derivaría nun gol anulado a Vilán polo posicionamento dun compañeiro na barreira. Na última xogada, Arona sentenciaría o encontro poñendo o segundo tanto.
O Burela tamén abre o libro de historia
Outro equipo que marchou á casa co sorriso de culminar unha xesta foi o Burela, xa que na súa volta á Preferente despois de moitos anos lograron sumar a súa primeira vitoria ante o Dubra por 1-2. O plan de partido de Oke saíu á perfección, cunha presión asfixiante e controlando co balón. Pese ao dominio, só tiveron unha ocasión. Na segunda xogada despois dun centro lateral, Diego puxo o primeiro tanto dos mariñáns a un minuto para o descanso.



Ese gol deulle ánimos aos da Marosa, que conseguiron a través dunha transición xerada por Jairo Campo que rematou David para poñer dous goles de distancia no marcador. A partir de aí, o Dubra deu un paso máis para intentar recortar distancias, algo que acadaron no minuto 82 nun rexeite dunha falta lateral que aproveitou Santi Carneiro. Os locais intentaron ir a polo empate, pero o Burela mantívose sólido e, sen moito sufrimento, lograron os tres puntos
Vitorias de moita entidade
A matinal deixou na Cheda a primeira vitoria do curso dos de Dani Galán no curso. Na primeira parte, o Lugo B dominou completamente atopando superioridades, pero non atopaban o último pase que lle permitise ir a polo primeiro tanto. No minuto 30, Samu e Arao estiveron a piques de inaugurar o marcador nunha dobre oportunide. Oito minutos despois foi o momento de que Aday voltase marcar cunha gran chegada ao segundo pau.
Na segunda parte, o Atlético Artieixo estirouse moito máis para ir a polo empate, o que lles permitiu ter ocasións moi importantes onde Candal tivo dificultades. O Lugo B intentou pechar o encontro a partir de contras nas que a inexperiencia xogou en contra dos lucenses. Agulló case empata nun córner nos últimos intres de encontro, pero o seu remate marchou fóra, o que lle permite aos albivermellos sumar catro puntos dos seis primeiros disponibles.
O Viveiro tamén conseguiu gañar pola mínima fronte ao Barco en Calabagueiros nun choque onde o Viveiro conseguiu controlar a primeira metade a través da súa solidez defensiva. Xusto antes do descanso, algo que foi unha tónica dos equipos lucenses na segunda xornada de competición, Peli filtrou un pase a Lansade, que cun tiro cruzado abriu o marcador.
O Barco intentou arriscar moito máis para tratar de igualar o encontro, pero o Viveiro estivo moi ben plantado para neutralizar cada unha das internadas dos seus rivais. Ayoub non tivo que actuar e a mellor oportunidade do encontro foi para Rolle, que rematou fóra un gran contraataque lanzado por Jacobo a través da banda dereita.
Dous empates e unha derrota completan a xornada
Non todo foron vitorias, xa que houbo dous empates e unha derrota. O Racing Villalbés empatou a ceros ante o Barbadás nun encontro no que na primeira parte Pablo Trigo case pon o primeiro tanto cun disparo cruzado. Os cheiregos mantiveron o dominio con sendas ocasións para Trigo, Anthony e Javi Rey que non puideron rematar na portería, pero as sensacións fixeron que quedara unha sensación de que os de Juan Rodríguez mereceron a vitoria.
O outro empate chegou en Monforte. O Lemos non completou un gran encontro, pero lograron sumar un punto ante o Porriño. Na primeira parte, Pablo Losada é capaz de deter un penalti para manter a igualdade no marcador no descanso. O Porriño Industrial abriu o marcador cun gol de Izan que tivo rápida resposta por parte de Fito. Pero ao final do encontro outra pena máxima en contra do Lemos poñía todo de cara para os visitantes. Con Losada expulsado, foi Abraham quen salvou aos monfortinos.
O resultado máis negativo da xornada foi para o Pol, que caeu por 2-4 na casa ante o Val nun encontro de moito frenetismo. Os visitantes abriron cun gol de Manu Pol, pero Dani foi quen de igualar o encontro rápidamente. Os de Labrada perdonaron e Vilela puxo o segundo dos visitantes antes do descanso. No minuto 55, Julio Camba conseguiu empatar, pero un saque de curruncho e unha transición definiron o encontro e fixeron que os tres puntos marchasen do Municipal.
Foto principal de Mariluz Fagín.
