Comeza a Segunda Futgal con derbi e fichaxes

A Segunda Futgal lucense bota andar esta fin de semana, coincidindo no tempo coa publicación da VII Guía ‘Fútbol en Lugo’. Por segunda temporada seguida, a provincia só ten aseguradas dúas prazas de ascenso. 

A temporada 25/26 volve arrincar para os 32 equipos da categoría sabendo que o salto á Primeira será complicado. Só sobe de xeito directo o líder de cadanseu grupo. Os segundos clasificados xogarán unha promoción de ascenso de dúas eliminatorias ante rivais da provincia da Coruña. 

Na zona baixa, haberá dous descensos seguros en cadanseu grupo. A maiores, seguen existindo os arrastres nesta división. Un descenso dun equipo lucense de Primeira, provoca que caia un conxunto nun dos grupos de Segunda. Como lles pasou a tempada pasada ao Mondoñedo, á Piringalla e ó Inicio

Todo isto, se non se leva a cabo a proposta de unificar a Segunda e a Terceira Futgal lucense. Do tema falouse na última reunión da Futgal en Lugo no mes de xullo. Non obstante, semella haber diferenzas de parecer entre os distintos actores futbolísiticos. 

En canto a equipos, as novidades son nove. Goiriz, Castroverde e Matela (ascenso); Pastoricense e Meira (descenso), no norte; Monterroso B, Sober e Sarriana B (ascenso); San Lázaro (descenso), no sur. Pola contra, non estarán o Iberia e o Brollón (ascenso á Primeira), a Piringalla, o Mondoñedo, o Muimenta, O Inicio, o Rubián e o Quiroga (descenso) nin o Cospeito (descenso e desaparición). 

Un gran derbi para comezar a Segunda

A primeira xornada de liga trae un duelo sobresaínte na zona sur. O Palas e o Antas desputarán o primeiro derbi da tempada na Ulloa (Dom. ás 18:30h nos Chacotes). Ambos equipos cambiaron de adestrador dende que precisamente se enfrentaran en maio na última xornada de liga. 

Carlos García colleu a dirección do Palas, despois de tres anos como técnico axudante de Brais Vázquez. O bloque do equipo mantense, capitaneados por Julián e coa chegada da fornada do 2006 procedentes do xuvenil. Manu, Joselu e Javi xa son oficialmente xogadores do primeiro equipo. 

Pola xente da base tamén aposta o Antas, que estrea preparador con Brais Rozados aos mandos, logo da non continuidade de Hugo Vázquez. O grupo cambia bastante coas fichaxes de xente nova e a entrada de ata catro xuvenís. Portu, que xa tivo un papel destacado no conxunto o pasado curso, lidera a xeración do 2006 na que tamén están Andrés López, Hugo Rodríguez e Jorge Veiga

Outros dos partidos que, de entrada, chama a atención é o Becerreá – Ferreira. Dous equipos que nas últimas tempadas estiveron na parte alta da clasificación. Na zona norte, os encontros entre o Pastoricense e o Celta Barreiros, xunto co San Ciprián – Pontenova, poden ser algunhas das citas máis interesantes para comezar. 

Agus e Maza, dúas das fichaxes máis destacadas na Segunda

Na medida do posible, os equipos trataron de reforzarse este verán. Os que puideron fixérono con xogadores que militaban en superior categoría. Un exemplo é o Casás, que vén de ser un dos conxuntos revelación da pasada tempada. Para a causa incorporan a Agustín Pereira ‘Agus’, que procede do Ribadeo e pasou por equipos como o Viveiro, a Sarriana e o Pol.  

Agus: «Escoitei que había que ascender seguro, pero non vai ser un paseo»

“O principal motivo de vir é por ter máis tempo persoal. A Terceira e a Preferente quitábanme moito. Ademais, tiña unha serie de amigos que xa me levaban tempo insistindo en ir con eles e cadrou que no Casás ademais coñezo a varios compañeiros”, salienta Agus. 

O futbolista nado en Uruguai volverá cambiar de rol no campo este ano. “No fútbol base eu sempre fun dianteiro ou extremo. Cando fun para o Viveiro necesitaban lateral, reconvertinme e levo unhas cantas temporadas nesa posición. Agora volverei a onde empecei. Principalmente no posto de extremo, aínda que tamén poido xogar no medio do campo ou de dianteiro”.

O xogador de 27 anos confía no bo facer do equipo porque “os meus compañeiros levan tempo xogando xuntos, practican un bo fútbol, intentando propoñer coa posesión. Isto benefícianos aos que chegamos. Dixéronme que lles costaba máis fóra da casa, pero eu véxonos ben. Estamos preparados para adaptarnos a calquera tipo de xogo”. 

Semella que o entorno do equipo ten pensamentos moi positivos. “Escoitei por aí que había que ascender seguro”, destaca Agus, que ten os pés no chan xa que afirma que “para nada vai ser un paseo”. 

Tras competir varios anos en categorías máis elevadas, Agus si cre que “hai moita diferenza”, pero non tanto en canto a “capacidade dos xogadores. En Segunda hai compañeiros que cunha pequena axuda e outros directrices poderían saltar perfectamente de categoría. Só que no fútbol non só é calidade, importa o compromiso e entender o deporte”.

Maza: «Podemos aspirar a estar entre os seis primeiros»

Na zona sur, O Sober asume o papel de recén ascendido, pero cun proxecto intentesante que pode dar que falar segundo vaian avanzando as xornadas. Dous xogadores sobresaen nas chegadas, o porteiro Marcos Macía e José Miguel Alonso ‘Maza’

O atacante procede do Brollón, tras coquetear asentarse co Lemos hai unhas tempadas. Aos seus 23 anos di que finalizará pronto a súa carreira como xogador para centrarse na de árbitro. “Este ano podía compaxinar, aínda que xa vou comezar a arbitrar en rexional e non podía permitirme viaxar co Brollón. Xa lle dixen a Lagoa (o adestrador) que o ano que vén si que xa non xogaba”

Mentres tanto, este curso comprometeuse co Sober. “Falei cun compañeiro que estivo aquí o ano pasado e díxome que o ambiente era moi bo. Priorizaba pasalo ben e non desprazarme moito”

A Segunda volve a Centeás dende a campaña 16/17 e Maza é consciente do nivel. “Ía con boas expectativas, pero aínda así o equipo sorprendeume. Hai xente que di que somos carne de Terceira, por iso de acabar de ascender, pero eu creo que podemos estar entre os seis primeiros. Coñezo a categoría, a tempada pasada o Santa Comba era un recén ascendido e máis quedou arriba. A posición que máis frouxa tiñamos era a portería coa lesión de Manuel, pero agora fichamos a Macía que é un porteirazo”. 

A chegada do futbolista nado en Barcelona aportaralla máis calidade ao ataque do Sober. “Poido xogar nas catro posicións de arriba, preferiblemente de extremo esquerdo, na mediapunta e na dianteira. O míster pediume que axudará no que puidera e que marcara goles. Deume moita confianza para fichar aquí”, destaca. 

A bo seguro que Maza tamén lles dá bos consellos aos seus compañeiros a cerca das regras do xogo. Agardamos unha temporada o máis limpa posible e sen lesións de importancia. Todas as semanas iremos analizando o que dá de si a categoría en ‘O Noso 11 a Chaira’

Primeira xornada na Segunda

Zona norte

Zona sur

Comeza a Segunda Futgal con derbi e fichaxes

Este venres sae á rúa a VII

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *