18 de maio de 2008. A SD Burela xogaba na Marosa un intrascendente encontro diante do Boiro que remataba con empate a tres goles. Mitos do fútbol mariñán como Criss ou Diego Hermida comezaban o que sería unha longa carreira futbolística ao tempo que o conxunto burelao deixaba unha categoría á que tardaría en voltar case que dezaoito anos. Atrás quedaban os tempos gloriosos na Terceira nos que un ascenso a Segunda B non parecía para nada utópico.
Os tempos mudaron na Mariña e tamén no Burela e para voltar á desexada Preferente o club artellou múltiples proxectos, pero o que resultou levounos polo camiño da paciencia. A SD recuperou as categorías inferiores e armou unha base moi forte que hoxe nutre ao primeiro equipo con xogadores de nivel e arraigados a un conxunto que nas dúas últimas temporadas amosou un gran nivel na Primeira Futgal. Na 2023/2024 o premio quedou ás portas, pero ao ano seguinte o conxunto presidido por Jairo Campo e adestrado por José Manuel Arca ‘Oke‘ consumou o seu retorno á ansiada categoría.
O debut será diante do Sigüeiro o domingo día 7 de setembro ás 18 horas na Marosa coa arbitraxe do ferrolán Juan José Silven Montes. Aos de Oke deparoulles o calendario un comezo de liga esixente, coa visita dun dos conxuntos chamados a estar na zona alta da clasificación. O Sigüeiro, equipo filial da SD Compostela, estrea proxecto comandado por Diego García, ex adestrador do Paiosaco nas últimas campañas. Ademáis dos veteráns Borja Sainz e Jorge Parcero, contan con xogadores xoves de gran nivel como Goris ou Remuiñán, que ben seguro esixirán aos burelaos.
Oke terá á súa disposición a totalidade do seu cadro de xogadores para a disputa desta primeira xornada.



A OPINIÓN DE . . . JAIRO CAMPO

O equipo ante a volta á Preferente. «Chegamos moi ben polo simple feito da enorme ilusión que nos supón volver á Preferente despois de tantos anos. Somos un equipo cheo de rapaces da casa e iso nótase. Ademáis o grupo é moi comprometido e adestrouse e moi ben na pretemporada. As sensacións son moi boas, agora debemos probarnos en competición, xa que moitos xogadores farán o seu debut na categoría«.
Xogar na Preferente co equipo do pobo. «Creo que se a algo podía aspirar como xogador era a isto, xogar na Preferente co Burela. No meu caso é aínda máis emotivo porque o fago tamén como presidente. Para min é super especial poder facelo rodeado de tantos amigos sobre o céspede despois de tantos anos«.
O obxectivo. «É moi claro. Manter a categoría e seguir demostrando como grupo que existe outra forma de facer as cousas no fútbol e creo que este grupo de rapaces o está a demostrar no campo«.
A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE. . .
NA TERCEIRA RFEF
Racing Vilalbés – Alondras (Domingo ás 12 horas na Madalena): estrea do novo proxecto racinguista liderado por Juan Rodríguez diante dun rival chamado tamén a pelexar por entrar no play off.
Viveiro – Barbadás (Domingo ás 12 horas no Kiko Rey de Cantarrana): os de Alberto López, áinda en construcción, reciben a un rival directo na pelexa por manter a categoría.
NA PREFERENTE FUTGAL
Lemos – Choco (Domingo ás 19 horas na Pinguela): o conxunto monfortino, que xogará no grupo sur, recibe ao cadro redondelán no comezo dunha ambiciosa temporada.
NA PRIMEIRA FUTGAL
Taboada – Chantada (Domingo ás 18 horas na Medela): encontro de proximidade para comezar a temporada no que os locais quererán comezar sumando diante dun dos candidatos ao ascenso.
Ribadeo – Xove Lago (Domingo ás 19 horas no Pepe Barrera): en plenas festas ribadenses, os locais retorna á categoría moitos anos despois e fano nun atractivo derbi fronte ao Xove Lago.
Foto de portada: Facebook SD Burela.