Lucía Pardo e Diego Villares son nas últimas tempadas os máximos expoñentes do fútbol profesional de xogadores nados e formados na provincia. Nas últimas semanas uniuselles Andrés Castrín, que debutou en Primeira División co Sevilla.
Outros nomes como os de Nere Lombardero, Víctor Eimil, Iago López Carracedo, Pablo Cacharrón, David Rosón e Jorge González xogarán na 25/26 un chanzo por baixo dese «status», pero na práctica tamén son profesionais do balompé.
En Futbolinlugo falamos habitualmente das categorías sénior máis baixas do noso fútbol. Non obstante, de cando en vez, gústanos destacar a aqueles xogadores que, saíndo da nosa provincia, chegaron ao desexo co que soña todo neno ou nena apaixoada do balompé: ao fútbol profesional.
Na práctica, en España hai tres categorías que teñen esa denominación: a 1ª e a 2ª masculina e a 1ª feminina. Na Liga F destaca dende hai tres anos Lucía Pardo. A futbolista da xeración do 2000 e nada en Outeiro de Rei vai comezar esta próxima fin de semana a súa segunda temporada na Real Sociedad.



A atacante, autora de seis goles no curso anterior, asume novos galóns no equipo txuri-urdin e levará o número 7 na camisola. Precisamente comezará esta nova campaña enfrontándose ao equipo co que debutou en 1ª , o Madrid CFF.
A xogadora con pasado no Azkar Lugo, Milagrosa e PM Friol é a auténtica estandarte do fútbol feminino lucense e un espello onde mirar para as novas xogadoras que veñen por detrás.
No seu momento, o oco que deixou L.Pardo no PM Friol foi ocupado, entre outras, por Nere Lombardero. A futbolista da Pontenova vai chegar esta tempada á Primeira RFEF (a segunda división do futfem). Fichou polo Real Oviedo, tras dúas boas temporadas a nivel individual no Viajes Interrías (na 2ª Federación – a terceira categoría).
Tamén forma parte dunha estrutura profesional Carmen Carballada. A futbolista de Monforte, que acaba de facer 20 anos, foi chamada un verán máis para realizar a pretemporada co Dépor Abanca. A campaña anterior a súa progresión viuse cortada por unha lesión. Agora tratará de estar dispoñible para cando o primeiro equipo a precise e, ao mesmo tempo, ser unha xogadora importante no filial. O Dépor B vén de ascender á Segunda Federación, o terceiro chanzo do fútbol español.

Diego Villares capitanea a un Dépor que quere volver á Primeira División
O fútbol profesional masculino iniciou a tempada antes ca o feminino. Nas dúas xornadas que se xogaron na Segunda División, un vilalbés portou o brazal de capitán no Deportivo. Diego Villares acumula xa cinco temporadas e media no primeiro equipo do Dépor. Sen o «nome» doutros compañeiros, o futbolista natural de Samarugo case sempre foi un fixo para os adestradores que foron pasando polo equipo nas últimas campañas. Polo momento, tamén o é para Antonio Hidalgo que lle outorgou a titularidade ante o Granada e o Burgos.
Villares formouse no Racing Villalbés. Sendo xuvenil despuntou no primeiro equipo e, posteriormente, asinou polo Deportivo no verán de 2018 para xogar no Fabril. A comezos de 2021, nun momento de horas baixas para o conxunto branquiazul, chegoulle a oportunidade do primeiro equipo e xa nunca máis a deixou escapar.

Castrín irrompe en Primeira co Sevilla
A dificultade do Sevilla para inscribir xogadores nas primeiras xornadas de liga, facilitou o debut de Andrés Castrín en Primeira División. Unha estrea, que non por darse mellor polas circunstancias, ten menos mérito. O central natural de Riotorto soubo estar no momento e no lugar indicados. Na campaña 24/25 xa vestira a camisola do primeiro equipo na Copa do Rei.
Na súa vila comezou a xogar ao fútbol para pasar posteriomente polo ED Lourenzá, un paso polo Viveiro e o Racing Villalbés para asentarse logo na base do CD Lugo. O pasado verán asinou no filial do conxunto hispalense e dende alí deu o salto ao primeiro equipo. A evolución do cadro sevillano ditará o futuro a curto prazo de Andrés.
Máis lucenses na cima
A arbitraxe lucense tamén estará representada este curso nas categorías máis altas. O árbitro asistente Brais García Valín vén de ascender á Segunda División.
Con respecto aos adestradores, lembramos as orixes lucenses de Manolo González. O técnico que logrou o ascenso e a salvación do Espanyol o pasado curso, continúa dando que falar na máxima categoría. Aínda que xa naceu en Barcelona e coñece as súas rúas como o que máis dada a súa profesión de conductor de autobús, o seu acento e as súas raíces parten do concello lucense de Folgoso do Courel.
Tres lucenses no CD Lugo
Esta fin de semana comeza a tempada na 1ª RFEF, unha división a medio camiño entre o fútbol profesional. Aínda que a categoría non ten esa distinción, o certo é que a maioría de equipos actúan coma profesionais do balompé. Un exemplo é o CD Lugo, que reestruturou o seu proxecto coa chegada dun novo dono e tamén de caras novas na parcela deportiva.
O primeiro equipo, comandado por Yago Iglesias, contará con Jorge González e os regresos de David Rosón e Iago López Carracedo.
O Pontevedra regresa á Primeira RFEF e faino cun vilalbés que coñece ben a categoría. Tras dous anos na terceira división do fútbol español no Real Unión, Víctor Eimil regresa a Galicia coa intención de convencer ao adestrador Rubén Domínguez de asentarse no lateral dereito de Pasarón.
En cambio, quen tivo que marchar da provincia foi Pablo Cacharrón. O gardamallas regresou o pasado curso ao seu CD Lugo, pero agora non continuará na súa cidade. O meta formará parte do Mérida, conxunto que competirá co Lugo no grupo 1 da Primeira RFEF.
Cacharrón chega a capital de Extremadura tras acumular experiencia na extinta Segunda B co Barakaldo e co Unionistas e en 1ª RFEF co Pontevedra e co CD Lugo.
Foto de portada: Real Sociedad Fem