Diario dun Mercado. Episodio 470
-
- 0
- 3min de lectura
O mercado do fútbol lucense mantén viva a chama do lume novo e aproveita esa calor nun dos días máis importantes para Galicia para manter os movementos activos no Diario despois da noite máis meiga do ano. Este ten como tónica xeral as renovacións, pero tamén as sorpresas con fichaxes que poden dar un gran incremento da calidade de moitos equipos. Ademais, dous dos magos da provincia marcharon dos clubs que máis os marcaron.
O Lugo vive xornadas de moitos cambios e un deles chega coa baixa dun canteirán. Dani Vidal despediuse do club desde a súa conta de X agradecendo o apoio que tivo de toda a afección durante este tempo. Máis de 1.300 minutos en todas as competicións demostran todo o que aportou na xeración de xogo do cadro albivermello o xogador de Portomarín, que buscará novo destino neste mercado.
A outra gran despedida chega en Sarria, que continúa vivindo un gran estado de felicidade tras o seu ascenso a Segunda RFEF. O capitán e autor do segundo gol do partido, Keko Vilariño, despediuse na celebración de toda a afección por incompatibilidade laboral. O centrocampista da Pobra de San Xiao pecha unha etapa que pasará a historia do clube tras cinco tempadas e dous ascensos que fixeron que o clube chegase a cotas inimaxinables.
A Preferente foi a competición que soltou o maior número de bombas nesta edición do Diario dun Mercado. A primeira chega desde Pol, coa chegada de Adri Díaz ao conxunto chairego despois de axudar na permanencia da Milagrosa nos últimos encontros. O xogador con pasado en Somozas, Polvorín e Sarriana entre outros daralle experiencia e intelixencia ao centro do campo dun equipo que fixo unha segunda volta espectacular.
A outra ten parte na Preferente. Adri Salgado, que xogou no Lemos a pasada campaña, firma co Chantada para ser unha das súas referencias ofensivas. Ao atacante acompañarano no equipo Sergio, Alberto e Povis. En Monforte non foi a única despedida, xa que tamén lle dixeron adeus a Diego Losada, Pedro López, César e Hugo Madarnas.
As renovacións cubriron a maior parte dos desexos que arderon nas cacharelas respectivas ao mercado de fichaxes. O equipo que máis pezas renovou foi o Racing Villalbés B, que mantén a Denís Buján, Edu, Adri Kaká e Gegun. No primeiro equipo ademais seguirá Javi Rey. Tras el chega o Paradela, no que os líderes do vestiario Losada, Carba e Eros seguirán vestindo as súas cores unha tempada máis.
As renovacións de figuras do fútbol lucense chegan ata á Coruña, xa que o focense Xusto continuará no Torre. En máis equipos da provincia, Valea seguirá sendo o gran capitán do Alfoz unha tempada máis e no tocante aos banquiños tanto Suso Coto no Catro Roldas como Germán Campos no Guntín seguirán no seu posto. Por último, Jano e Caillou despídense do San Roque e irán xuntos ao Santa Comba.