Carlos Pita e Gabi Couñago completan os corpos técnicos do All Star 2025

O ex xogador e capitán do CD Lugo Carlos Pita será un dos convidados de excepción ao V All Star Futbolinlugo, que se celebra o sábado 28 de xuño no campo da Cheda, en Lugo.

O evento que serve de fin da temporada 2024/2025 contará tamén coa participación de Gabi Couñago, adestrador do Lóstrego as últimas cinco tempadas e cunha traxectoria moi ligada ao fútbol feminino vigués.

O All Star trae de volta a Lugo a un dos futbolistas clave deste século no CD Lugo. Carlos Pita formou parte da entidade albivermella como xogador durante doce anos. A maior parte desa etapa coincidiu cos mellores anos do club, que se asentou na Segunda División.

Logo da súa retirada, Pita asumiu as funcións de director deportivo do equipo ata xaneiro de 2023. A temporada pasada (23/24) adestrou aos xuvenís da Residencia, polo que está tamén familiarizado coa Cheda, escenario do All Star. Este curso regresou a súa cidade natal A Coruña e agora voltará a cidade amurallada para gozar con nós dunha tarde de moito fútbol.



Gabriel Couñago Ucha ‘Gabi’ formou en 2020 o Lóstrego, no concello de Gondomar. O conxunto foi escalando categorías ata competir na Terceira RFEF, categoría na que militan o PM Friol e o CD Lugo. Gabi foi o preparador do equipo sénior ata esta fin de tempada. Con experiencia tamén como xogador na Terceira e na Preferente, Gabi adestrara anteriormente ao CD Valladares nunha etapa de seis anos.

Carlos Pita e Gabi Couñago únense á presenza xa anunciada de Diego Seoane e Manu Sánchez. Os catro completan un corpo técnico de luxo que formará tándem cos adestradores da provincia: Vicky Burgo, adestradora da Comercial; Iria Rey, preparadora do Lugo B; Diego Barreiro, técnico do CP Casás; e Iago Núñez, míster do Castroverde.

Pita e Gabi únense a unha lista de nomes destacados:

Dende a primeira edición do All Star, en Futbolinlugo quixemos contar neste evento con persoas que ou ben se achegaran dalgunha maneira ao fútbol profesional ou tiveran unha experiencia importante no fútbol tanto de dentro da provincia como fóra dela.



Dende o 2019 contamos con Pili Neira, Roberto Fernández e Paco Corredoira (en diversas ocasións), ademais de Pablo Álvarez, Fiz Rodríguez, Romina Dadín ou Adrián Laureda.

V All-Star Futbolinlugo arturo

O All Star, un evento popular:

O All Star é unha cita organizada por Futbolinlugo para poñer en valor a potencialidade do fútbol afeccionado lucense en diversos aspectos. Tratamos de recoñecer a algúns e algunhas das mellores futbolistas da temporada seleccionándoas para un partido de estrelas da provincia.

Non obstante, a cita está aberta a toda a comunidade do balompé lucense. Ademais de agradarnos coa vosa presenza, convidamos a todas as persoas a participar con nós nos diferentes xogos, que se celebrarán entre o partido feminino e o encontro masculino.

Simplemente cubrindo este formulario, quedas inscrito para gozar dunha xornada de festa e risas na Cheda. O día límite para anotarse aos concursos do V All Star Futbolinlugo é o luns 23 de xuño.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *