Diario dun Mercado. Episodio 467
-
- 0
- 3min de lectura
Unha voráxine chamada mercado de fichaxes continúa asoballando a todos os equipos do fútbol lucense. A nova edición do Diario de Futbolinlugo chega un día máis coas novidades máis frescas na provincia, neste caso con xogadores dando xiros de gran importancia na súa carreira deportiva, ademais de outros que apostan pola continuidade das súas pezas e de proxectos que queren dar pasos cara adiante.
O mercado de fichaxes da Terceira move a un dos xogadores revelación da provincia. Aldán Naval regresa ás Somozas na súa segunda etapa no conxunto ferrolán. O viveirense vén de facer no Noia a súa mellor tempada a nivel individual na Terceira, con máis de 2.300 minutos xogados e sendo protagonista nun dos equipos revelación da categoría. Na súa carreira sénior Aldán pasou tamén polo Arzúa na Terceira e polo Sigüeiro na Preferente.
O Rácing Vilalbés tamén ten novidades. López renova nun proxecto no que causa baixa o lucense Edgar, que ficha no Arousa. O central zurdo pon fin a unha etapa de 5 anos na provincia, tras pasar polo Viveiro, Sarriana e o club chairego na última tempada. O filial tamén ten renovacións, con Iván Lamas cumprindo a súa cuarta tempada aos mandos. Álex Rey, que estivo no último curso nas filas do Boiro, baixa dúas categorías para unirse ao destacado proxecto do Marín.
O mercado provincial ten especial incidencia na Pobra de Brollón. Hugo Madarnás ficha no Brollón. O atacante chega procedente do Lemos, onde estivo nas últimas semanas de competición tras comezar a tempada no Sober de Terceira Futgal. O xogador de 26 anos xa xogou en Primeira precisamente co Lemos na campaña 18/19, cando o cadro lemista logrou o ascenso. O Brollón tamén renova a Miguel, o eterno capitán. No Celta Barreiros, os laterais Miguel Andina e Pita continuarán percorrendo a banda, pero Brais Díaz e Roi Nonide non xogarán no Cascabeiro o ano que vén.
Outros dos movementos que se foron dando divídense entre a Mariña e a Ribeira Sacra. Nico Álvarez ficha polo Ribadeo desde o Celta Barreiros e Aarón, Santi e Lucas continuarán no Foz unha tempada máis. O mercado continúa en Monforte, pero esta vez no Lemos B coas renovacións de Pupi, Piky, Jorge Tourón e David Díaz. Por último, no Ferreira apostan por Gonza tras rematar a súa formación no Calasancio.