Os cadros lucenses da Primeira manteñen os seus obxectivos activos: o Castro segue adiante na fase de ascenso á Preferente, mentres que SD Chantada, Guntín, Taboada e Monterroso xogarán polo título de Copa. Salvatierra Abogados axúdanos a contar como foi a xornada.
A Residencia padece a crueldade do fútbol ante o Sporting Celanova (2-2). A tanda de penaltis dictou sentenza a prol dos ourensáns e en contra dos lucenses, que —logo de manter a igualdade do partido de ida ata o tempo de lecer— lograron adiantarse en dúas ocasións (1-0 e 2-1) na segunda metade, pero viron como o Celanova anotaba o 2-2 na última acción do tempo regulamentario. Na prórroga, logo das expulsións, os branquiazus aguantaron o resultado, pero de pouco valeu ante a pouca efectividade desde os once metros (2-4).
Catro equipos da Primeira Futgal xogarán as semifinais de Copa. Ningún da Preferente.
O Castro vence na súa visita ao Polígono San Ciprián (1-2). Segue adiante o cadro de Dumi logo de adiantarse nun rexeite de saque de esquina aproveitado por Marco, pero os locais conseguiron o empate tamén desde o curruncho. O resultado non se moveu ata que Buide transformou un contragolpe para poñer o 1-2 que garantiu a presenza dun combinado do grupo 3 da Primeira na eliminatoria polo ascenso.
O Burela chega mermado polas festas a Cerdeiriños (5-1). Os Máxicos vermellos non deron opción e anotaron o 1-0 antes do 10′ e, a pesares de que o Burela se foi asentando paseniño no choque, a ilusión dos locais por derrotar ao campión da Primeira e por chegar o máis lonxe posible na Copa traducíronse nunha goleada de moito mérito a prol dos de Fernandito.


O Taboada demostra en Chantada que vai pola Copa (1-4). Dous goles logo de dous saques de esquina nos primeiros 15′ déronlle tranquilidade a un Taboada moi ambicioso. O Chantada Atlético tratou de reaccionar, pero a sobriedade visitante impediuno ata despois do 0-3. Aínda que os de Corredoira fixeron o 1-3, un contragolpe «marca da casa» de Mosky supuxo o 1-4 final no Sangoñedo.
O balón non quería entrar no Ladairo (0-0). Guntín e Lemos protagonizaron un duelo pechado, co ritmo propio destas alturas do curso. A baixa efectividade caracterizou todo o tempo de xogo e, aínda que o duelo se abriu a medida que pasaban os minutos, o coiro non quería entrar. Tanto foi así, que na tanda de penaltis que inclinou o resultado a prol do cadro laranxa, tan só se anotou un penalti (1-0) para dar o pase ao Guntín.
A SD Chantada non da opción ao Outeiro de Rei no segundo tempo (4-1). Estiveron precipitados os visitantes diante dun dos mellores cadros da Primeira lucense, que anotou o 1-0 nun segundo balón logo dun saque de esquina. O Outeiro sacou a tensión e mellorou na recta final da primeira metade, cando javi empatou logo dunha gran acción combinativa con Navia.

Porén, o 2-1 da SD Chantada nun centro lateral inclinou o resultado a prol dos de Traste, que sentenciaron co 3-1 cun disparo cruzado nunha acción na que o Outeiro quedou con 10′ logo de protestar unha man. Outro centro lateral traduciuse no definitivo 4-1 para facer semifinalistas aos chantadinos.
