Anita, capitá do San Lázaro

Anita (San Lázaro): «Concluímos tres anos de loita constante»

O San Lázaro conseguiu un dos grandes éxitos da tempada do fútbol feminino lucense co seu ascenso á Segunda Futgal. Unha gran tempada na que conseguiron asegurar na penúltima xornada cunha vitoria ante o Arzúa por 0-3 un segundo posto que conclúe unha gran loita de tres anos. O principal exemplo está na súa capitá, Anita, que fixo un curso para o recordo no que foi capaz de anotar 17 goles importantísimos para acadar o obxectivo. Un soño que comezou co único pensamento de xerar un bo grupo que desfrutase do fútbol e que foi capaz de facer historia.

Futbolinlugo: Que significa este ascenso para ti como capitá do equipo?

Anita: «A verdade é que ascender co San Lázaro significa moito para min. Desde a creación do equipo loitamos para conseguir o ascenso e despois de tres anos de constante loita cun descenso que foi desafortunado, acadamos algo que ansiabamos durante todo este tempo».

FIL: Como foi ese último encontro que vos deu a praza na Segunda Futgal da tempada que ven?

A: «Desde o comezo do encontro notouse o nerviosismo propio dun encontro de tanta importancia. Había moitas emocións, pero estabamos seguras de que se xogabamos como nós sabemos e como demostramos ao longo de toda a tempada estabamos convencidas de que íamos gañar o partido e o resultado foi a guinda do pastel».

«Sería un placer continuar crecendo co San Lázaro»

FIL: Que destacarías coma chave do ascenso deste San Lázaro?

A: «A chave do ascenso do San Lázaro reside en gran medida no traballo que realizou Rubén Candal e en que todas demos o mellor de cada unha dentro e fóra do campo para acadar este soño. Pero o grupo que conseguimos crear no vestiario e no campo foi o que de verdade marcou a diferencia para ser novo equipo da Segunda Futgal».

FIL: Era o obxectivo dende o comezo da tempada?

A: «Por parte da directiva e do corpo técnico non era o principal obxectivo. Eles querían facer un bon grupo que desfrutase do bonito que pode ser o fútbol. Co paso dos encontros, comezamos a ver que o ascenso podía chegar a ser unha realidade e decidimos remar todas na mesma dirección para lograr esta promoción».

FIL: E tras toda a festa e a celebración toca pensar no futuro. Continuarás o ano que vén na nova división?

A: «Pois a verdade é que realmente me gustaría seguir no equipo. Temos un grupo que é fantástico e penso que sería un auténtico placer seguir medrando da man tanto co clube, que cada vez chega a cotas máis altas, como nós coma cadro de xogadoras».

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *