Diario dun Mercado. Episodio 460
-
- 0
- 3min de lectura
O mercado de fichaxes non para de darnos novidades nos equipos da provincia e, nesta nova edición do Diario de Mercado, os equipos continúan co movemento propio do inicio desta etapa. Moitas despedidas, pero tamén novas cabezas para os grandes proxectos lucenses que buscarán dar novas alegrías ás súas afeccións. Ademais, tamén é época de moitos regresos ao noso fútbol e renovacións debido ao gran traballo realizado na pasada tempada.
O baile do mercado de fichaxes comezou por fin na Terceira RFEF e na Preferente. O principal cambio chegou no Viveiro, que non contará con Adrián Benavides no seu banco. O leones mostrouse a través dun comunicado agradecido «por acollerme e tratarme con tanto afecto e cariño». O seu substituto ven directo de Ribadeo, xa que Luchi Salgueiro, como adiantou La Voz de A Mariña, será o novo adestrador tras facer un gran papel no novo ciclo do Burela e estar a piques de salvar aos do Eo.
No sur de Lugo chega unha de cal e outra de area. No Lemos, Edu Rodríguez, como adiantou La Voz de Lemos, manterase no cargo como adestrador tras acadar a permanencia na Preferente e iniciar un novo proxecto desde a súa chegada en xaneiro. En Escairón, a outra cara da moeda chega co fin de ciclo de Brais Prados tras non acadar unha tempada máis na categoría. No bando dos xogadores lucenses tamén hai cambios. O centrocampista lucense Álex Rey remata a súa vinculación co Boiro tras un ano no que disputou máis de vinte encontros coma titular.
No resto de categorías, tamén hai moitas novidades pero neste caso nos bancos, con moitos movementos de adestradores. O primeiro dase en Muimenta coa marcha de Basi de mutuo acordo para que chegue ao banco do Pichón Fran Veiga, que regresa despois do seu paso por Castroverde e Pastoricense. No Meira, pese a non lograr a permanencia, a confianza da directiva no tándem de Rubén Bergantiños e Iván López mantense intacta e continuarán liderando ao clube na Segunda Futgal.
Na comarca de Sarria, o mercado continúa a ter movemento e xa comezan a engadir pezas ao proxecto que máis se vai a reformar. O Páramo inicia unha nova etapa na que Diego Díaz será o técnico dun conxunto que quere seguir consolidándose na Segunda Futgal. No Incio tamén hai cambios debido a que tras dúas tempadas aos mandos do equipo, Ruboi deixará de ser adestrador da institución de cara á vindeira campaña.