Os cuartos de Copa no Sangoñedo caeron do lado do CD Lugo B
O único partido que se puido desputar esta fin de semana do fútbol feminino lucense foi o inicio da Copa en Chantada. A alerta laranxa polas treboadas, obrigou a adiar o resto dos encontros.
Así, na mañá do domingo o Sangoñedo acolleu o choque entre a SD Chantada e o CD Lugo B, que malia o resultado final (1-5), estivo moito máis apertado do que parece.

O partido comezou moi igualado, cuns primeiros 45′ nos que con tan só dúas ocasións, o CD Lugo B conseguiu adiantarse no marcador . Mentres, a SD Chantada corría a sorte inversa; pese a que quedou tres veces con xogadoras soas diante da porteira lucense, non foi quen de anotar.
A SD Chantada notou a presenza no campo de Noela, xogando polo medio xunto a Rocío Carnero, así como tamén o regreso ao verde de Laura Caseiro 4 meses despois por mor dunha operación de menisco. As vermellas foron quen de contrarrestar na primeira metade o acerto do mediocampo do filial lugués e conseguir reducir o perigo creado por Xiana e Blanca.




Xa na segunda parte, a SD Chantada conseguiu por fin o premio do gol, poñendo o 1-2 no luminoso por medio de Paula, que entrou para reforzar o xogo interior da SD Chantada, que volvía gañar presenza na área rival. Foi Rocío Carnero quen deu un dos seus exquisitos pases marca da casa, para que Paula quedara soa diante da porteira e anotara o gol para recurtar distancias.
Porén, o CD Lugo B reaccionou ben, resolvendo con solvencia grazas tamén a que a SD Chantada acusaba o cansanzo, baixou o ritmo e con el tamén a intensidade. Lola, Blanca e Ánxela cun hat-trick, anotaron os 5 goles da vitoria do CD Lugo B.

Un gran partido de fútbol entre ambos conxuntos, no que os dous equipos destacaron a gran deportividade dunhas e outras xogadoras.
O rival en semis das luguesas será o gañador do encontro entre o Carballedo e o San Lázaro, un partido que tivo que ser adiado por mor da alerta laranxa por treboadas.
