Chipi no San Roque e Alonso no Iberia foron dous dos protagonistas da 28ª xornada na Segunda Futgal. Chipi realizou intervecións de mérito para permitir que o San Roque siga 2º, a dous puntos do Brollón. Alonso evitou máis goles do Alfoz para que o Iberia sexa aínda máis líder.
Dous ascensos, dous postos de promoción, un descenso directo e un número non identificado de arrastres están en xogo na recta final da categoría.
O Iberia volve aumentar a súa vantaxe a falta de dous partidos
A Segunda norte decídese na Mariña. O cadro de San Miguel de Reinante venceu ao Alfoz (1-3) e aproveitou o empate do Celta Barreiros en San Cibrao para incrementar a distancia co seu rival. O Iberia conta con tres puntos de marxe sobre o Celta Barreiros. Circunstancia que lle obriga a gañar esta finde aos pupilos adestrados por Rubén Acebedo.
Na última xornada xogarase o Iberia – Celta Barreiros. Pase o que pase este sábado, os xogadores preparados por Moro van chegar cunha lixeira vantaxe, xa que na primeira volta gañaron 0-1.


O Iberia acumula 63 puntos. Só perdeu un partido na liga e acumula once seguidos sen coñecer a derrota. Mantense como o equipo menos goleado do grupo, o único que encaixa menos dun gol por partido.
Ante o Alfoz volveu encaixar, aínda que daquela xa gañaba por 0-2. Barrera adiantou aos seus de penalti. Pouco despois, Iván García fixo o segundo.
Antes do tempo de lecer igualaron os locais. Mediado o segundo tempo, Carlos evitou que os puntos perigasen ao marcar o terceiro.

O Celta Barreiros segue dependendo de si
O conxunto barreirense empatou na súa visita A Veiga ante o Sanci (3-3). Queda con 60 puntos na táboa clasificatoria, no posto de promoción de ascenso. Está a tres do Iberia (con quen xogará na última xornada) e cun punto de marxe con respecto ao Riotorto, tres co Folgueiro e catro co Casás. O duelo directo co Iberia na última xornada permítelle seguir dependendo de si para subir de categoría.
O Sanci entrou moi forte ao partido. En menos dun cuarto de hora xa marcara tres goles. Deo por dúas veces e Borja Mella fixeron perigar a posición do Celta Barreiros.
Con todo, antes do descanso Nico recurtou distancias. Brais marcou o segundo mediado o segundo acto. Nos últimos intres, Ibrahima Ciss anotou o gol do empate para lograr un valiosísimo punto.
Sexta vitoria consecutiva do Riotorto
O Riotorto venceu á Candelaria (1-5) e queda a un punto da fase de ascenso. Suma 59 e quere aproveitarse do duelo directo entre Iberia e Celta Barreiros para levar, cando menos, o segundo premio. Prolonga a xeira de seis triunfos seguidos.
Pablo Delgado logrou igualar o gol inicial de Óscar López para o Riotorto. Con todo, o propio dianteiro marcaría o segundo antes do tempo de lecer e aínda culminou o seu hat-trick no segundo acto. Borja Silvosa e Panchito completaron a goleada.

A Candelaria é 11ª clasificada. Coa salvación asegurada, o posto máis baixo no que pode quedar é 12º. Leva cinco partidos sen gañar, pero aínda pode aspirar a ser 10ª.
O Folgueiro queda a tres da promoción
Venceu pola mínima co Cabreiros (0-1) e ocupa a cuarta praza con 57 puntos. Queda xa sen opcións de ser primeiro, pero aínda algunha posibilidade de alcanzar o posto de promoción.
Resultou decisivo o gol de Aaron, nun encontro no que os locais demostraron a súa capacidade para xerar xogo e ocasións.
Con todo, o peor nos visitantes foi a lesión de Lalas. Dende aquí trasladámoslle todo o ánimo e o noso desexo para unha boa recuperación.
O Casás é o equipo que mellor está rematando a liga
Sen presión, nove vitorias consecutivas. Son os números que continúa agrandando o conxunto capitalino. O último triunfo chegou ante o Muimenta por 1-4. Está a catro puntos da segunda praza. A misión non é doada, pero o temporadón, logo de chegar novo a categoría, xa está feito.
Pola súa parte, o Muimenta confirmou o seu descenso de categoría a falta de dúas xornadas.
O Xermade lidera a segunda parte da clasificación
O conxunto xermadino suma dúas vitorias consecutivas que o afianzan na sexta praza. Lidera a segunda parte da clasificación con tres puntos máis que o Sporting Pontenova (7º), que será o seu próximo rival.
O defensa Fran García adiantou ao Xermade nada máis comezar o segundo acto. Pedro Coria non faltou a cita co gol ante o seu ex equipo. Cando parecía que o triunfo xa se encamiñaba, Adrián Novo meteu novamente no encontro aos locais. Non obstante, o resultado non perigou para o Xermade.
O Guitiriz queda na 10ª praza con 37 puntos. O conxunto guitiricense vai finalizar este curso de transición entre os máis veteráns e os máis novos sen pasar apuros. Terá opción de alcanzar a 9ª posición, ocupada polo Alfoz con tres puntos máis.
Tamén uniu dous triunfos consecutivos o Sporting Pontenova. O último ante un necesitado Mondoñedo ao que derretou por 5-4. O cadro pontenovés ten 42 puntos, un máis que o Sanci e dous por riba do Alfoz.
O Mondoñedo e a Piringalla xogarán unha final por evitar o arrastre da antepenúltima posición
Este sábado, ás 17:00 h, o Viñas da Veiga acolle unha final pola salvación. O Mondoñedo (13º) con 24 puntos recibe á Piringalla (14ª) con 23. Ambos equipos están fóra dos postos de descenso directo, pero agora mesmo baixarían os dous por arrastres. Loxicamente, o que o ten peor é o que finalice na antepenúltima posición, que vai ser de arrastre seguro. O 13º dependerá de máis factores.
A Piringalla chega coa vitoria da última xornada ante o Cospeito (4-0).
Ademais, o equipo do barrio da cidade de Lugo ten a lixeira vantaxe de que na primeira volta venceu por 2-1. Cunha vitoria pola mínima superaría ao seu rival na táboa e quedaría co gol average. O Mondoñedo agárrase ao apoio dos seus para asegurar a 13ª praza e agardar o que fan os equipos da Primeira.

O Brollón non perde os puntos que xa tiña
Na pasada fin de semana derrotou ao Lemos B (4-0). Este xoves festivo xogou os minutos co Rubián que mandara repetir o Comité de Competición. O resultado final foi de 3-1. O club dos Medos lidera a categoría con 61 puntos, dous máis que o San Roque, o seu principal rival. Leva oito vitorias consecutivas e doce partidos sen perder.
Pola súa parte, o Lemos B está na mellor posición da parte de abaixo (12º) cun punto máis que Chantada B e o Incio. No hipotético caso de que baixaran o Oural e a Mila e non subise o equipo que xogue play off deste grupo, do 12º ao 14º, serían posicións de arrastre. É o peor escenario e agardemos que non se produza.
O San Roque, a espera do fallo do Brollón
Catorce partidos sen perder acumulan os pupilos preparados por Piru. Venceron ao Palas 0-5 e mantéñense no posto de promoción, a dous puntos do líder.
Amosaron a súa pegada no ataque, pero tamén Chipi ensinou as súas cualidades baixo paus. Respondeu moi ben ante as boas opcións de gol das que dispuxeron os locais.
Pola súa parte, o Palas continúa asentado na zona media. É 8º con 41 puntos e ten a posibilidade aínda de ser 6º.
O Santa Comba volve gañar
Logo de dous partidos sen facelo, sumou de tres ante o Portomarin (1-2) e queda a tres da segunda praza.
O Portomarín é 9º con 37 puntos, dous máis que O Páramo.
O Becerreá e o Paradela quedan a cinco do play off
Ambos gañaron, pero as opcións de pelexar polo posto de promoción son mínimas. O Becerreá superou ao Ferreira (4-0) e o Paradela venceu ao Antas (2-1). Ambos equipos enfróntanse na última xornada, pero para chegar con opcións terían que gañar nesta e que perdera o San Roque.
O Ferreira é 7º con 42 puntos, a dous do Friol (6º).
O Antas é 11º con 33 puntos, a dous do Páramo (10º). Ambos afrontan as últimas xornadas co mérito e a tranquilidade da salvación.
O Friol quere manter a 6ª praza
Derrotou ao Rubián no Poste (0-1) e acumula 44 puntos, dous máis que o Ferreira. Nun partido que afrontou con baixas, o cadro friolés foi superior. Gozou de boas oportunidades de gol e apenas sufriu perigo. Con todo, o tanto da vitoria non chegaría ata os intres finais. O gol de Marcos serviu para lograr os tres puntos.
Na zona baixa só gaña o Quiroga
Segunda vitoria consecutiva do cadro quirogués cando xa está descendido. Venceu ao Chantada B por 1-2 e ponse con 17 puntos. O filial chantadés é 14º con 24, os mesmos que o Incio (15º) que perdeu co Páramo (0-1). O cadro amarelo é antepenúltimo, posición case segura de arrastre.
Non hai enfrontamentos directos nestas dúas últimas xornadas. O Rubián tería que gañar os dous e esperar. Con todo, a primeira cita é ante o San Roque. Precisamente o cadro capitalino tamén será rival do Chantada B na última xornada. Á par de decidir a parte alta da clasificación, tamén serán duelos chave pola salvación. Con todo, a parte do que consiga cada un, os arrastres serán os último en ditar sentenza.
