O San Lázaro non ten disfrace de perdedor

Esta fin de semana o fútbol feminino da Segunda e Terceira Futgal estaba de descanso, mais aproveitouse para xogar os encontros adiados da xornada afectada polo temporal Herminia.

Tormentosa xornada para o PM Friol

O PM Friol volveu perder – como xa sucedera na primeira volta – contra o Lóstrego. Un partido no que o vento foi outro dos protagonistas, condicionando a ambos equipos e, especialmente, o xogo combinativo que o conxunto friolés adoita despregar.

Aínda así, as inclemencias meteorolóxicas non foron excusa suficiente para o mal partido feito polas friolesas o que, unido a unha gran efectividade do Lóstrego (anotando nas dúas contras que tivo) deulles de novo os tres puntos.

O PM Friol anotou o seu único gol por medio de Leti. Tivo ademais outras dúas ocasións claras (dous balóns ao pau) pero que non convertiu. Resultado final: PM Friol 1 – 2 Lóstrego.



Un mal inicio penaliza ao CD Lugo

O tempraneiro gol do Villa de Simancas non tivo solución para as albivermellas. A partir dese momento, as visitantes adicáronse a defender o resultado e, o Lugo, a tratar de remontar.

Así, o partido desenvolveuse cun xogo moi trabado e con moi poucas ocasións. A medida que os minutos pasaban as opcións das luguesas de remontar facíanse máis complexas e as forzas flaqueaban de xeito que o encontro foise diluíndo até o pitido final.

Once inicial do CD Lugo. Foto cedida.

Outro bo partido das albivermellas que, porén, non tivo premio.



O CD Lugo B gaña… de momento

O partido entre o CD Lugo B e o Almeiras comezaba con só 11 xogadoras para desputar o encontro por parte das visitantes. Ao finalizar a primeira parte, as albivermellas dominaban o marcador por 2-0 aínda que a vantaxe puido ser maior xa que as lucenses tiveron varias opornidades claras que se lle remataron espacando por falta de precisión.

Durante o descanso, o árbitro decidiu suspender o partido porque o equipo visitante alegou ter lesionadas cinco xogadoras e non poder continuar xa que, con 6 xogadoras, non podía desputarse o encontro.

Agora mesmo o CD Lugo B mantense á espera do que o Comité de Competición decida: se dá por vencedor ao filial lugués ou se, pola contra, se debe xogar a segunda parte.

Once inicial do CD Lugo B. Foto cedida

A UD Carral derrota con claridade ao PM Friol B

Cun campo moi profundo e un equipo moi dinámico, con xogadoras moi boas na zona media do campo, a UD Carral non era un rival doado. O seu xogo interior, con balóns ás costas das interiores friolesas ocasionaron moito perigo e cunhas bandas moi rápidas, as xogadoras da UD Carral fixeron dano ás friolesas que, ata o minuto 30, mantiveron máis ou menos controlado o partido.

Así, o marcador abriuse no minuto 27′ co gol do Carral e, tan só 6 minutos despois, no 33′ un penalti dubidoso a favor do Carral poñíaas xa co 2-0 no marcador. Dous minutos despois, no 35′ poñían xa a diferenza en tres goles (3-0) e, trala volta dos vestiarios, a diferenza aumentaría ao 4-0 final.



A UD Carral amosou así, na casa, as súas intencións de optar incluso ao ascenso nun partido que, para as xogadoras do filial friolés, ten que servir para aprender.

Derrota sen paliativos da Milagrosa

Un partido que remata 8-0 non tivo moita historia, e iso foi o que ocorreu no encontro entre o Cruces e a Milagorsa. As locais dominaron dende o inicio o encontro deixando sen ningunha opción ás xogadoras de Felipe.

O partido do Monte Forte e a SD Negreira, suspendido

A liorta entre xogadoras no final do encontro volveu obrigar a suspender o partido do Monte Forte que, coma o resto dos desputados esta fin de semana, xa eran partidos adiados da xornada protagonizada polo temporal Herminia.

Unha xogadora do Negreira lesionouse de gravidade durante o encontro, momento no que xogadoras dun e doutro equipo se enfrontaron. Ata ese momento, o Monte Forte impoñíase no luminoso 2-1 nun partido que dominaban as locais que tiveran varias ocasións para aumentar a vantaxe.

Agora, será tamén o Comité de Competición quen decida que se fai finalmente con este partido que non se rematou de xogar.

Se «a vida é un Carnaval», o San Lázaro pasa coma un «vendaval»

Nova xornada, nova goleada do San Lázaro para sorpresa de ninguén. 7-0 para as luguesas ante o Arzúa. Ambos equipos chegaban coas efectivas xustas nestas datas de Entroido. Aínda así, o San Lázaro soubo adaptarse ás condicións, atopando a Anita e a Irene nos espazos, procurando acabar rápido e sen tocar tanto coma normalmente.

As xogadoras do San Lázaro e o corpo técnico celebran os tres puntos. Foto cedida

Cos primeiros goles a confianza do San Lázaro medrou e sucedéronse os tantos que marcarían Irene (2), Ana (2), Anita (2) e Hajar (1) para pór o definitivo 7-0.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *