Pol e Lemos camiñan con paso firme na Preferente

O Trío de Ases Panadería O Cantón desta xornada achégannos os triunfos contundentes de Racing Vilalbés e Sarriana na Terceira RFEF. Os chairegos golearon na Madalena ao Valladares e os sarriaos fixeron o propio co Somozas. O Polvorín caeu na Cheda co Arousa e o Viveiro en Cantarrana co Boiro.

Na Preferente suma e segue do Pol que dobregou no Municipal ao Lalín. Segunda vitoria consecutiva do Lemos no feudo do Arzúa e empates do Ribadeo no difícil campo do San Tirso e do Escairón na casa fronte ao Dubra.

O Racing Vilalbés gole ao Valladares e segue na pelexa polo liderado (4-1)

Os chairegos seguen igualados a puntos coa UD Ourense na primeira praza da Terceira RFEF. Diante do Valladares o Racing comezou da mellor maneira. Con pouco máis de vinte segundos de partido, Brais Pedreira fixo o primeiro de bo tiro cruzado. A ledicia durou escasos dous minutos. Nun saque de esquina o visitante Abel rematou no segundo pao ao fondo da portería. O encontro entrou nunha fase da rápidas transicións nas que os locais foron mellores con Cañi, Javi Rey e Brais Pedreira como protagonistas. En dúas xogadas semellantes de Anthony chegaron dous tantos para o Racing. O extremo cedeu para Cañi e o pase atrás deste finalizouno Make cun auténtico golazo. E así dúas veces para deixar aos chairegos cunha marxe de dous goles.



No segundo tempo o Valladares arriscou cun troco de sistema e os de Alberto López optaron por xogar á contra. Álex Santomé resolveu ben a única opción de gol visitante nas botas de Miki e David García fixo o cuarto tras unha boa acción de Vicente e Jose Varela.

Álex Millán convirte en sinxelo o debut de José Antonio Rodríguez na Ribela (5-0)

A Sarriana foi un ciclón fronte ao Somozas no primeiro encontro como adestrador de José Antonio Rodríguez. Os locais foron dominadores cun moi bo xogo, moi disclipanados atrás e cunha gran saída de balón. Malia todo, na primeira metade só se viu un gol, obra de Álex Millán.



A saída dos sarriaos ao campo no segundo tempo resultou inmellorable. En dez minutos chegaron tres goles e o encontro quedou visto para sentencia. Dous goles máis de Álex Millán e un de Azael fixeron que a última media hora de xogo fora un mero trámite. Preto do final chegou o quinto e definitivo tanto obra de Brais tras asistencia do canteirán Guti.

O Polvorín desaproveita unha renda de dous tantos fronte ao Arousa (2-3)

Encontro moi semellante ao disputado polo filial albivermello contra a UD Ourense. O primeiro tempo foi de claro dominio local, cunha presión alta que dificultou a saída do balón dos arlequinados. En dous erros visitantes os de David Páez puxéronse cunha clara vantaxe no marcador grazas aos tantos de Maceira e Sobrido. Preto do intermedio, Julio gozou dunha ocasión inmellorable para facer o terceiro, pero o gardameta Álex Vila desbaratouna. Na seguinte acción, tras unha falta rigurosa no medio do campo, o Arousa colgou o balón e Samu Santos gañoulle a partida á zaga para recurtar diferencias.

No segundo tempo o Polvorín contou con dúas ocasións moi claras nas botas de Rubal e Víctor Casais nas que de novo Álex Vila salvou ao Arousa do terceiro gol. Din que o que perdoa paga e así ocorreu. Nunha boa contra Hugo Villaverde estableceu o empate. Nos últimos intres o conxunto arousista aproveitou un desaxuste defensivo tras un córner a favor dos lucenses para saír rápido á contra. Nacho cometeu penalti e Rivera non errou desde os once metros.

O Viveiro prolonga a súa mala xeira diante do Boiro, rival directo pola permanencia (0-1)



Non foi o debut soñado polo técnico leonés Adrián Benavides. De saída o gardameta Patryk debutou na portería de Cantarrana e aos oitenta segundos de xogo encaixou o único gol do partido tras un grave erro defensivo. O gol fíxolle dano ao Viveiro, pero co paso dos minutos gañou en consistencia defensiva e apenas sufriu ocasións de gol do cadro visitante. Os mariñáns non foron quen de crear perigo ante a portería de Borja Rey, agás a balón parado por medio de Víctor e Diogo.

No segundo tempo o Boiro soubo xestionar o encontro co marcador a favor e apenas se viron ocasións en Cantarrana. Sylla tivo nas súas botas a sentencia nun dos únicos achegamentos con perigo dos visitantes.

O técnico Adrián Benavides manifestou que «estou comprometido a morte en sacar esto adiante. Aínda que competimos e fixemos un encontro decente entendo o cabreo da afección. Démoslles moi pouco e merecen máis. Quédanos traballo por diante e estou seguro de que acadaremos a permanencia«.

O Pol vence ao Lalín e suma a sétima xornada sen perder (3-1)

Segue en racha o conxunto chairego. Omar ameazou nada máis comezar e á segunda xa non perdoou. Un tiro desde a frontal do dianteiro significou o primeiro tanto para o Pol. Non tardou en igualar o Lalín. Laye cometeu penalti e Manu Vilariño non errou desde os once metros. Foron os peores minutos do Pol. Os visitantes, malia non ter ocasións, tiveron a posesión e xogaron en campo contrario. Preto do intermedio Omar fabricou él só o segundo tanto. Velocidade e definición para volver a poñer por diante aos de Manolo García.

A segunda metade foi de dominio local e o Lalín ´só inquietou a portería de Manu Cedrón nalgunha xogada a balón parado. Omar, aos dez minutos do periodo final, completou o seu hat-trick e deixou o partido visto para sentencia.

O Lemos gaña en Arzúa e suma a segunda vitoria con Edu Rodríguez no banquiño (1-2)

Encontro difícil para o Lemos fronte a un rival que deixou mellor imaxe que a que reflexa a súa clasificación. Os locais dificultaron a posta en escea dos de Edu Rodríguez e a primeira metade resultou moi parella, só desequilibrada polo primeiro tanto monfortino aos corenta minutos de xogo. Borja Castro foi derribado na área e Diego Torres transformou a pena máxima.

No segundo tempo o Lemos non tardou en facer o segundo. Un saque de córner rematouno Carrasco ao fondo da portería. A partir de aí o Arzúa fíxose co partido e meteu aos monfortinos na súa área. André recurtou diferencias no marcador nun lanzamento de falta no que se abriu a barreira. Nos últimos minutos o Lemos soubo sufrir diante dos numerosos balóns á área colgados polos locais.

O Ribadeo curtou a xeira de derrotas cun punto no campo do San Tirso (0-0)

Positivo o empate do Ribadeo nun dos campos máis complexos da Preferente. Encontro de moitas disputas e xogo aéreo no que o San Tirso se sentiu máis cómodo. Os locais xogaron en campo contrario e gozaron de moitos córners e saques de banda, que dadas as reducidas dimensións do campo, convertíansen en accións de perigo. Os de Luchi apenas puideron saír á contra e non foron quen de xerar ocasións de gol.

Tras o intermedio o partido igualouse máis e o Ribadeo atopou situacións de contragolpe. O San Tirso gozou dunha boa ocasión que non aproveitou e os mariñáns, no último tramo de encontro, buscou o gol pero este non chegou.

Un Escairón con dez suma un punto fronte ao Dubra (2-2)

Moita igualdade nunha primeira metade na que o Dubra comezou mellor xerando sensación de peligro sobre a portería de Marcos Macía. Os de Brais Prados foron quen de deter a boa saída ao campo dos visitantes en en dúas transicións lograron dosu goles. O primeiro foi obra do debutante Birk tras un bo pase de Moha. Pouco despois, Rubén Díaz sacou proveito dunha perda de balón do Dubra en campo propio para poñer terra de por medio no marcador.

O bo traballo do primeiro tempo veuse abaixo na saída do segundo. Quince minutos moi malos do Escairón serviron para que o Dubra recurtara diferencias grazas a un gol de Darío. Só dous minutos máis tarde Manu viu o cartón vermello directo e os visitantes aproveitaron a superioridade para igualar a contenda por medio do goleador Martín. Con media hora por diante o Escairón foi quen de manter o empate malia contar o Dubra con dúas boas ocasións.

máxicos

Pol e Lemos camiñan con paso firme na Preferente

O Goiriz xa é equipo de Segunda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *