A primeira Xornada de Tecnificación do ano 2025 de Futbolinlugo realizarase no campo das Gándaras de Lugo o día 5 de marzo de 9.30 horas a 14.30 horas. O evento, orientado a cativos entre os 5 e os 15 anos, está pensado para que os xogadores do futuro poidan mellorar os diferentes xestos técnicos da man dos mellores adestradores da provincia. A actividade realizase coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo.
A Xornada de Tecnificación está coordinada por Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo e Jairo Campo. Na presentación realizada esta mañá no Concello de Lugo estiveron presentes, ademais de Diego Díaz, o Concelleiro de Deportes no Concello de Lugo, Jorge Bustos, e o Xefe do Servizo Municipal de Deportes da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón.
Unhas xornadas de tecnificación orientadas á técnica
O plan das xornadas consta dun traballo por estacións no que “a idea é traballar con algúns dos mellores adestradores da provincia os diferentes xestos técnicos dende o analítico ata o integral”, afirma Diego Díaz. Tras os adestramentos, os cativos disputarán diferentes partidos para pechar o día e disfrutarán de xogos lúdicos antes dunha clausura na que haberá diversas sorpresas para os participantes. O pack tamén inclúe unha pequena merenda entre os adestramentos e un agasallo para cada xogador.
“Este tipo de xornadas cumpre un obxectivo múltiple: achegar aos cativos á nosa realidade e que coñezan Futbolinlugo, xa que serán os xogadores do mañá dos equipos sénior da provincia e favorecer a conciliación familiar para os pais aportando unha actividade diferente”, afirma Diego Díaz, que tamén apunta que “queremos construir pontes, non destruilas, e por iso facémolo pola mañá, para que poidan facer todas as súas actividades e acudir aos adestramentos cos seus clubes”.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O formato arrincou o ano pasado en Ribadeo e Guntín cunha gran acollida, enchendo as prazas no mesmo día da apertura de inscricións no caso da Mariña. Este ano, haberá máis Xornadas de Tecnificación en diferentes puntos da provincia. Durante os próximos días, Futbolinlugo anunciará toda a súa actividade social no ano do décimo aniversario do medio, incluída a sede da próxima edición do All-Star.
O enlace para anotarse nas xornadas é https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeygNEd0BgRN-inIaH2tyN8ZhuREpCaapmGjTXCapBHKeFuSA/viewform?usp=header.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/02/IMG-20250204-WA0012.jpg)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)