iberia

O Iberia emula ao Guitiriz 7 anos despois

O Iberia é o único equipo do fútbol lucense que non perdeu ningún partido na temporada 2024/2025. Na Segunda Futgal, dende a campaña 2017/2018 non acontecía tal feito. O Guitiriz daquel curso tamén estivera invicto as primeiras quince xornadas de liga.

O club de San Miguel de Reinante lidera o grupo norte dende a xornada 6. Ocupou a primeira posición, precisamente, grazas ao Guitiriz. O conxunto guitiricense venceu ao Sanci, daquela líder, e os pupilos de Moro aproveitáronse da súa goleada ao Cospeito para poñerse no máis alto da clasificación.

O Iberia conta con 37 puntos, sumados en once vitorias e catro empates. Aínda é máis solvente fóra da casa. Só cedeu un empate, ante o Casás. No resto de campos derrotou ao Riotorto, ao Cospeito, ao Mondoñedo, ao Xermade, ao Folgueiro e ao Celta Barreiros.

Nas Valgas, non logrou gañarlle aos equipos da Mariña. Igualou coa Candelaria, o Sanci e o Alfoz. Si superou ao Guitiriz, ao Sporting Pontenova, á Piringalla, ao Muimenta e ao Cabreiros.



Ademais, o Iberia é o equipo menos goleado da Segunda Lucense. Encaixou doce goles no que vai de temporada, un menos que o Brollón e o Paradela, que se erixen como as grandes defensas da zona sur.

Con todo, si ten quen o supera como conxunto máis goleador. O Riotorto anotou 44 tantos no que vai de competición, un máis que os branquiazuis.

Os datos da Segunda Futgal en 15 xornadas:

Líder zona norte: Iberia, 37 puntos

Líder zona sur: Ferreira, 32 puntos

Posto promoción zona norte: Folgueiro, 31 puntos

Posto promoción zona sur: Becerreá, 31 puntos

Equipos que máis gañou: Iberia, 11 vitorias

Equipo que máis goles marcou: Riotorto, 44

Equipo que menos goles encaixou: Iberia, 12

Equipo con maior diferencial de goles: Iberia, +31

O rei do empate: Alfoz, 6

Máximo goleador: Óscar López (Riotorto), 14

O Guitiriz da temporada 17/18

O cadro guitiricense de hai sete anos lograra manterse invicto na primeira volta. Ao remate da 15ª xornada era líder, con 39 puntos, dous máis que os que ten agora o Iberia. Aquel Guitiriz gañara doce encontros e empatara tres. Marcara un gol menos (42) e recibira os mesmos (12).



Naquel momento, o Guitiriz contaba con sete puntos de marxe sobre o 2º (Cabreiros) e oito sobre o 3º (Folgueiro). Ningún dos tres ascendeu. O club do Suso Cruz tivo un baixón na segunda volta e sumou 8 triunfos. O formato de liga só permitía dous ascensos directos e dous equipos viñeron por detrás cunha gran progresión: O Burela e o Pol.

Aquel Guitiriz invicto estaba adestrado por Delfín Romero e del formaban parte varios xogadores que se manteñen a día de hoxe no club. O gardamallas Jesús, César Roca, Iván Ansede ‘Jaba’, Mauro Castelo, Javi Ferreiro ‘Tanketín’, Diego Ferreiro, José Manuel Lorenzo, Suso Lorenzo, Yordi López, Iván Morado ‘Labrada’, Antón Castro ou Adrián Novo.

Nestes 7 anos si houbo clubs que lograron manterse unha volta invictos, pero polo medio da competición. Ademais, na campaña da pandemia (20/21), o Meira tampouco perdeu ningún partido nesa primeira parte da liga. Non obstante, esa liga desenvolveuse nun formato novo e máis curto, no que a primeira volta estivo conformada por sete partidos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *