O Trío de Ases Panadería O Cantón tráenos na Terceira RFEF a vitoria do Racing Vilalbés no derbi provincial diante da Sarriana na Ribela, que sitúa aos chairegos na segunda praza da clasificación. O Polvorín caeu na súa visita ao campo do Alondras e o Viveiro non puido sumar en Cantarrana fronte ao Noia.
Na Preferente, o Lemos venceu con claridade na Pinguela ao Lalín, mentres que o Pol acadou un triunfo de mérito no difícil campo do San Tirso. O Ribadeo gañou na casa ao Dubra cun tanto sobre a bocina e o Escairón non puido sumar no campo dun enrachado Negreira.
Un tanto de Cañi decisivo para o Racing Vilalbés no derbi diante da Sarriana (0-1)
O Racing Vilalbés sitúase a un só punto do líder co triunfo no derbi provincial fronte a unha Sarriana que encadea a segunda derrota consecutiva. Os locais tiveron o dominio do balón nun primeiro tempo no que a presión alta dos de Alberto López dificultou o fútbol combinativo da Sarriana. Make contou cunha gran ocasión de gol que desbaratou Javi Liz e Fito errou a porta baleira. Os de Jaime Paz non foron quen de inquedar a Álex Santomé.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O segundo tempo seguiu un guión semellante. A Sarriana tivo o balón e o Racing Vilalbés saiu á contra con certo perigo. A lesión de Boedo trastocou os plans dos sarriaos aos que lles custaba ter a profundidade necesaria para crear ocasións de gol. A falta dun cuarto de hora para o remate, unha falta sobre Anthony preto da frontal transformouna de xeito maxistral Cañi no que foi o único tanto da vitoria.
O mal comezo e a efectividade do Alondras castigan a un bo Polvorín (3-2)
O Polvorín non saiu ben ao campo no primeiro tempo e enseguida o castigou cun tanto o Alondras. Goitia superou a Candal tras un bo servizo. Nun balón ás costas da zaga, Camba marcou o segundo cando aínda non se chegara á media hora de xogo. Cun marcador moi adverso, os de Dani Galán foron quen de xogar en campo contrario e recurtaron diferencias xusto antes do descanso cun centro chut de Julito que rematou Víctor Casais no segundo pao. Nun desconto moi longo por mor de varias lesións, Antón a piques estivo de acadar o empate, pero o seu cabezazo sacouno Roi Tato sobre a liña.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
A segunda parte resultou un monólogo dos albivermellos. Julito empatou de penalti aos dez minutos e no seguinte tramo de encontro os lucenses contaron con numerosas ocasións de gol. Padín, en dúas ocasións, e Raúl tiveron as máis claras. Pero na única chegada do Alondras, nun desconcerto defensivo do Polvorín, chegou o gol da vitoria local, obra de Fran López case sen ángulo. Non se rendiron os pupilos de Dani Galán e Rubal contou cunha gran ocasión para marcar.
O Viveiro cae pola mínima fronte ao Noia en Cantarrana (0-1)
Partido moi condicionado polo mal estado do céspede de Cantarrana, moi pesado e incluso encharcado nalgunha zona. A dificultade para combinar era evidente e ámbolos equipos optaron por un xogo máis directo. German tivo unha boa oportunidade a centro de Lucas Fanego xusto antes de que Hugo Losada marcara para os visitantes. Pasaba da media hora de fútbol e os de Iván Carril gozaron dos seus mellores minutos e a piques estiveron de facer o segundo.
No segundo tempo, co campo cada vez en peor estado, apenas se puideron ver ocasións. Os de Fabri tentaron acadar a igualada, pero só Diego Santín contou cunha opción para superar ao gardameta Chema.
Un gran Lemos golea ao Lalín na Pinguela (3-0)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Encontro de moitos quilates dos monfortinos que sumaron tres puntos importantes diante dun dos equipos chamados a pelexar polo ascenso. Os de Juanlu Bernal adiantáronse no marcador nada máis comezar cun bo disparo desde fóra da área de Aissa. Cos locais mandando no xogo, César puxo terra de por medio tras aproveitar un rexeite e Carrasco, xusto antes do intermedio, case deixou o encontro sentenciado cun bo remate de cabeza tras un saque de falta no lateral da área.
No segundo tempo o Lemos controlou o partido a través de longas posesións e apenas permitiu achegamentos dun desdibuxado Lalín. A expulsión de Carrasco aínda con vinte minutos por diante non foi obstáculo para un Lemos que só recibiu disparos lonxanos que Losada detivo sen problemas.
O Lemos atópase en mans dunha xunta xestora encabezada polo delegado do club Antonio López logo da dimisión do ata de agora presidente Óscar López. Nos vindeiros días, o conxunto monfortino deberá elexir nova xunta directiva.
O Pol logra un triunfo de mérito no campo do San Tirso (1-2)
Os chairegos afastan en tres puntos a zona de descenso tras vencer ao San Tirso no campo de céspede artificial do Pinar en Vizoño, debido ás obras no habitual campo do Monte. É a primeira derrota como local dun cadro coruñés que se amosa moi forte no seu feudo. O Pol realizou o mellor encontro do que vai de liga lonxe do Municipal e adiantouse no marcador cun disparo desde fóra da área de Youssef. Hamza ampliou diferencias no marcador ao transformar un penalti.
No segundo tempo, Buján e Mauro contaron con boas ocasións para sentenciar o encontro. Non entraron e o San Tirso apretou no tramo final. Denis, a falta de cinco minutos, rematou ao fondo da portería un centro lateral. Os locais, a través de saques longos de banda, inquedaron aos de Roberto Fernández nos últimos intres, pero o marcador non se moveu.
A boa primeira metade do Escairón non tivo premio en Negreira (3-0)
Cuarta derrota consecutiva dun Escairón que foi superior ao Negreira no primeiro tempo. Os de Óscar Moure non aproveitaron as súas ocasións e o encontro entrou non ida e volta que beneficiou máis ao cadro local. Preto do descanso, nun córner Paco adiantou ao Negreira.
No segundo tempo, os locais estiveron mellor aínda que sen xerar excesivas situacións de perigo. Un lanzamento ao pao do Escairón precedeu o segundo tanto do Negreira, obra de Rama. Os de Óscar Moure baixaron os brazos e pouco máis tarde Xabi, cun bo lanzamento pola escadra, sentenciou para os nicrarienses.
Un gol de Xairo no 94 dalle ao Ribadeo unha vitoria clave diante do Dubra (3-2)
In extremis, pero moi importante o triunfo para o Ribadeo diante dun conxunto da zona alta da clasificación. Os mariñáns foron mellores no primeiro tempo, dominaron o xogo a través da posesión e achegáronse á área rival con certo perigo. Malia todo, na primeira ocasión do Dubra chegou o gol de Iker tras aproveitar un rexeite de Javi Pita. Álex Meitín rematou alto un centro lateral de Castrín e pouco despois o xovense aproveitou un bo balón ao espazo para superar a Fedello.
Co encontro igualado, no segundo tempo o Dubra pasou a practicar un fúbol directo que meteu en dificultades aos de Luchi. Nun erro tras un saque de banda, Aarón adiantou de novo aos visitantes cun remate de cabeza. O gol fíxolle dano ao Ribadeo, que tardou en recompoñerse. Nos últimos intres tirou de orgullo e Álex Meitín logrou empatar o choque. No tempo de desconto un balón á área de Castrín paseouse por diante da portería ata que Xairo, no segundo pao, rematou ao fondo da portería.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/XORNADA-13.png)