O San Ciprián e o Brollón encabezan a clasificación en cadanseu grupo da Segunda Futgal lucense. Precisamente, o Sanci e o Brollón foron os equipos que quedaron ás portas do ascenso á pasada campaña. Con todo, outros once equipos conseguiron gañar na primeira xornada. Na zona sur, todos os conxuntos marcaron algún gol.
1ª xornada en ‘O Noso 11 A Chaira‘:
- Primeiros líderes por diferenza de goles: San Ciprián e Brollón
- Equipo que máis goles marcou: San Ciprián (5)
- Máximos goleadores (2 goles): Dani Prieto (Iberia), Bruno (Sanci), Mujib (Riotorto), Cristóbal (Piringalla), Rafa (Ferreira), Roi (Incio) e Elian (San Roque).
- Porteiros menos batidos (0 goles): Jaco Balseiro (Candelaria), Jacobo (Alfoz) e Rulo (Casás).
No norte manda o concello de Cervo: Sanci e Candelaria
Dos dezaseis equipos que compiten na 2ª Futgal lucense, dez deles teñen un equipo do seu mesmo concello (Sanci e Candelaria, Xermade e Cabreiros, Piringalla e Casás, Iberia e Celta Barreiros e Muimenta e Cospeito). É dicir, ademais da clasificación que terán ao longo das xornadas, poderían montar unha táboa clasificatoria por parellas como se dunha escudería de Fórmula 1 se tratase.
Se ese fora o caso, da primeira fin de semana de competición sairía vencedor claramente o concello de Cervo. Os seus dous equipos colocáronse nas dúas primeiras posicións tras gañar por unha ampla diferenza de goles os seus respectivos partidos.


O San Ciprián superou ao Cospeito (5-1). Os locais gañaron o encontro xa nos primeiros minutos. Estiveron ben ordenados en defensa e aproveitaron as súas ocasións a través do xogo en profundidade polas bandas. Bruno Lopes marcou un dobrete, ademais dos tantos de Hugo Fustes, Borja Mella e Xoel.
O Cospeito amosou que é un equipo en construción. Non obstante, non se viñeron abaixo co 5-0 en contra. No último tramo de xogo conseguiron facerlle dano o Sanci. Cancio marcou o gol da honra de penalti.
A Candelaria derrotou ao Mondoñedo (3-0). Comezou ben outra nova era de Jaime Pérez no banco da Granda. A pesar do resultado, o choque foi igualado. A balanza desequilibrouse no segundo tempo por medio do balón parado. O burelao Paco marcou un gol olímpico.

Co resultado en contra, o novo Mondoñedo de Setxu intentou ir a polo empate. O nerviosismo e a expulsión de Chachi condicionaron o tramo final. Aí os locais aproveitaron para sentenciar e marcaron dous goles máis.

O Riotorto refórzase para xa comezar gañando
O club da Veiga foi unha das grandes incógnitas do verán. Aparecen con trece xogadores na VI Guía ‘Fútbol en Lugo’. Presentáronse con trece xogadores no Cascabeiro, pero non cos mesmos trece. Ilian na portería (que xa militou en cursos anteriores), Iván Pérez ‘Panchito’ (chega dende o Meira), Reda Lahmani (procedente do Racing Villalbés B), Mujiib (cuxo último equipo foi o Sporting Lucense) e Saad (do Vilarmaior CF da 2ª Futgal de Ferrol) formaron parte do equipo na primeira xornada.
O Riotorto gañoulle ao Celta Barreiros (2-4). Duelo igualado. Adiantáronse moi rápido os visitantes no primeiro tempo. Antes do descanso, o Celta Barreiros empatou. Estreouse como goleador en partido oficial Rocky.
No segundo acto, o Riotorto quedou á espera e saíulle ben. Marcou dous goles tras roubar a pelota. Aínda así, os locais marcaron rápido o segundo por medio dun penalti transformado por Nico. Aguantaron os de Omar González e sentenciaron contra o final co gol do mediático Gerardo Carrera.

O Iberia, o Xermade e a Piringalla tamén suman de tres
O Iberia venceu ao Guitiriz (3-1). O vixente campión de Copa non fallou na estrea ligueira. Aínda así estivo impreciso e comezou perdendo. Marcou o xuvenil Juan para o cadro guitiricense.
Dani Prieto remontou rapidamente o resultado cun dobrete. No segundo tempo, os locais contralaron mellor o partido. Barrera anotou o terceiro. Ao final. Jony foi expulsado no Iberia por dobre cartón amarelo.
O Xermade logrou a vitoria ante Muimenta (2-3). Álex Gimeno tivo unha estrea de «chegar e encher». Marcou no primeiro minuto de xogo o seu primeiro tanto en partido oficial co Xermade. Os visitantes entraron ben e ao pouco chegou o segundo obra de Andy.
Antes do tempo de lecer, Jairo Gegunde recurtou diferenzas de penalti. Xa no segundo tempo, Hossu marcou o terceiro. O Xermade controlou o xogo ata o final.
Antes de rematar, un mareo do xogador visitante Anxo provocou un grave susto nos presentes. Todo quedou niso e, aínda que marchou en ambulancia, non reviste gravidade. Xusto antes do final os celestes marcaron o segundo.
A Piringalla debuta ao grande ante o Folgueiro (2-1). Entraron ben os locais na súa estrea na categoría. Puxéronse por diante por medio de Cristóbal tras un pase de Adán. Antes do descanso, igualou o Folgueiro a través do balón parado.
Tiveron os visitantes ocasións no segundo tempo. Manu Corrales realizou unha boa actuación. Cristóbal deulle a vitoria aos seus completando un dobrete tras rematar a pracer un pase de Ángel dende o lado dereito.

A Pontenova e o Cabreiros igualan
A Pontenova empatou un resultado en contra (2-2). O Cabreiros comezou mellor. Adiantouse cedo por medio de Alberte Ledo e marcou o segundo Losada antes do minuto 40. Aos locais deulles para recurtar diferenzas antes do descanso. Anotou Brayan.
No segundo tempo os problemas defensivos case condenan ao Sporting. Pero o que chegou foi o empate local por medio de Cuzco.
O único campo no que ninguén marcou foi no Municipal de Alfoz
Non houbo goles no Alfoz – Casás (0-0). O conxunto visitante estivo a piques de marcar no primeiro minuto do día do seu debut na categoría. Gozaron de dalgunha oportunidades máis que non entrou. Os locais foron máis a pola vitoria na segunda metade. Tiveron varias chegadas, pero sen ocasións claras.
O máis destacado da xornada que vén
- Xermade – Candelaria (sáb. ás 17 h no Municipal)
- Riotorto – Iberia (dom. ás 17 h na Veiga)
- Guitiriz – Sp. Pontenova (dom. ás 17 h no Suso Cruz)
Están sacionados para esta xornada: Cagullo (Muimenta), Chachi (Mondoñedo), Jony (Iberia) e Rubén Acebedo (adestrador Celta Barreiros)

O Brollón golpea dende o primeiro momento
O Brollón remontou ante o Friol (4-2). No primeiro acto os visitantes adiantáronse logo de dous erros da zaga rival. Logo os fallos foron do Friol e os locais igualaron por medio de Isma e Mario.
O Brollón foise facendo co dominio e remontou na segunda metade. Maza foi o autor do teceiro gol dos seus. No tramo final, os locais fixeron o cuarto por medio de Yeray.
O Incio acorde co amarelo
O pupilos adestrados por Ruboi venceron ao San Roque (4-3). Ocupan a 2ª praza da clasificación, o posto que a Federación pinta cunha liña amarela a beira para indicar que está nunha posición de fase de ascenso.
Foi un partido con alternativas onde o San Roque se adiantou moi cedo. Os locais empataron antes do descanso grazas ao balón parado nun remate de Díaz. No segundo acto, volveron atinar co gol os da capital.
A entrada de Roi e Iván ao campo, cambioulle a cara ao Incio. Roi empatou a centro de Cepeda. O San Roque volveu porse por diante. Roi igualou de novo co terceiro. No tempo extra, a vitoria caeu do lado amarelo cun remate de Darwin a un centro de Urdi dende o recanto.

Portomarín, Ferreira, Becerreá, O Páramo e o Rubián gañan polo mesmo resultado
O Portomarín gañoulle ao Quiroga no seu regreso á 2ª (2-1). Comezaron dominando os locais. Perdoaron ocasións e foi o Quiroga quen se adiantou no marcador. Nahco asistiu a Rubio.
Na segunda metade, o Portomarín logrou a remontada. Fran empatou. Un penalti decidiu o choque. Gachán, o adestrador e xogador do Quiroga, foi expulsado con segundo cartón. Os locais transformaron en gol a pena máxima. Antes do final, os visitantes tiveron a opción de igualar.
O Ferreira derrotou ao Chantada B (1-2). Adiantouse o filial na primeira parte. Miguel resolveu ben unha acción colectiva. O gol espabilou aos visitantes. Enrríquez levou perigo pola banda esquerda e Rafa puxo os dous goles no marcador. No segundo tempo, o filial tratou de reconducir o resultado pero só tivo chegadas. O cadro de Pantón tivo opcións para sentenciar.
O Becerreá cortou a estrea do Santa Comba (1-2). Os locais competiron ben pero o Becerreá estivo a mellor nivel. Kevin adiantou aos visitantes cun gran gol de falta. Xeraron máis ocasións ás que respondeu ben Roi.
De feito, o Santa Comba logrou empatar preto do final a balón parado. Tamén a través dese medio chegou nos últimos intres a vitoria do Becerreá.
O Páramo volve con bo pé ante o Lemos B (1-2). A pesar de que o cadro de Jony Lombardía acudiu con varias baixas ao encontro, puido levarse os tres puntos. Presentáronse con 13 xogadores en Monforte e puxéronse por diante. Antón asistiu a Julio na súa estrea goleadora.
Con todo, o filial lemista logrou empatar antes do descanso. No segundo tempo os locais gozaron de máis ocasións. Non estiveron atinados e o Páramo logrou a vitoria á contra. Antón resolveu para levar os primeiros tres puntos.
O Rubián chega con forza á categoría ante o Antas (2-1). Encontro igualado no Poste cun equipo local moi serio. Marchou gañando ao descanso grazas a un gol olímpico de Noguer, unha das fichaxes desta tempada. Tivo o control do partido no segundo tempo e preto do 90 chegou o segundo de Álex. No súltimos intres o Antas marcou o seu tanto.
O Palas e o Paradela, único empate
Un gol para cada equipo nos Chacotes: Palas – Paradela (1-1). Foi un choque igualado no que os goles non chegaron ata o tramo final. Practicamente seguidos. Adiantáronse aos locais e a continuación empatou Andrés cun gran lanzamento.
O máis destacado da xornada que vén
- Friol – Portomarín (sáb. ás 18:30 h na Reigosa).
- Páramo – Santa Comba (dom. ás 17 h nas Rapadas).
- Palas – Becerreá (dom. ás 17:30 h nos Chacotes)
Está sacionado para esta xornada: Gachan (Quiroga)
