Chega o segundo Trío de Ases O Cantón da temporada, e faino con outra xornada de bos resultados dos nosos equipos de Terceira RFEF. A Sarriana derrotou con claridade na Ribela ao Valladares e o Viveiro venceu pola mínima en Cantarrana ao Arousa. Racing Vilalbés e Polvorín acadaron sendos empates como locais. Os chairegos diante da UD Ourense e o filial fronte ao Betanzos.
Na Preferente, triunfo do Lemos no campo do Sofán, empate do Ribadeo a domicilio fronte a O Val e derrotas de Escairón e Pol diante de Arzúa e Montañeros, respectivamente.
O Viveiro tumba ao Arousa cun gol de German (1-0)
Seis puntos en dúas xornada para un Viveiro que está a firmar un arranque de campionato espectacular. Visitou Cantarrana un Arousa con problemas no comezo ligueiro, pero que está en todas as quinielas para acadar o ascenso. No feudo viveirense presenciouse un encontro con moito respecto entre ámbolos dous rivais. Os pupilos de Jandri Rego estiveron ben plantados sobre o terreo de xogo e neutralizaron as chegadas do Arousa. Antes do intermedio viuse o único tanto do encontro, obra de German ao rematar un centro lateral.


Na segunda metade os de Michel Alonso lanzáronse a polo empate e contaron con varias ocasións para acadalo. Un balón ao longueiro e varias paradas de mérito de Ayoub impediron o gol visitante.
A Sarriana tamén fai pleno e golea na Ribela ao Valladares (3-0)
Comeza con forza o novo proxecto sarriao liderado por Jaime Paz no banquiño. Logo de dobregar ao Arousa na primeira xornada, na segunda o Valladares sucumbiu na Ribela. Malia todo, o cadro vigués foi o primeiro que chegou con perigo nada máis comezar. Co paso dos minutos, a Sarriana comezou a dominar o encontro, aínda que con numerosas pérdidas en campo rival que propiciaron varias contras dun Valladares que nalgún córner rematou con certo perigo diante de Javi Liz. Sobrepasada a primeira media hora, unha gran xogada persoal de Diego Rey rematou cun bonito gol deste. Antes do intermedio, un roubo de Jacobo finaliza cunha rápida transición levada por Boedo e o pase deste rematouno ao fondo da portería Santi Gegunde, que anotou por segunda xornada consecutiva.

A segunda parte convidaba a un ritmo máis pausada para ter o control do xogo e a Sarriana non soubo ler ben esa situación. Os de Jaime Paz voltaron a sufrir moitas perdas de balón que o Valladares non soubo castigar. Si o fixo Boedo, que nunha rápida contra deixou o choque visto para sentencia. Nos últimos quince minutos os visitantes volcáronse na procura dun gol que os metera no partido. Nunha xogada embarullada con dous córners un defensor sarriao cometeu penalti e Javi Liz detivo o lanzamento de Monroy.
O Racing Vilalbés fai méritos, pero ten que conformarse co empate ante a UD Ourense (1-1)
Choque de trens na Madalena entre dous aspirantes ao ascenso. O encontro tivo varias fases. O Racing comezou mellor e Javi Rey puxo a proba a Álex Cobo cun tiro desde a frontal. O cadro ourensán pasou a dominar o partido e non tardou en adiantarse ao aproveitar Migui un mal despexe da defensa. O atacante superou a Álex Santomé de tiro cruzado. Os chairegos non se viñeron abaixo e unha gran xogada colectiva fabricada por Asier, Cañi e Javi Rey finalizou co pase deste último a Borja Míguez que non errou diante do porteiro. O propio dianteiro gozou doutra boa ocasión antes do descanso, aínda que a máis clara tívoa Javi Rey. O pase filtrado de Asier rematouno o mediapunta lucense, pero Álex Cobo moi atinado gañoulle a partida.
A segunda metade foi de dominio alterno e con menos ocasións de gol. Javi Rey volveu probar ao gardameta ourensán e os de Alberto López buscaron xerar perigo en varios centros laterais. No último tramo de encontro a UD Ourense tivo un dominio estéril do choque, sen xerar ocasións de gol.
O Polvorín iguala sen goles na Cheda fronte ao Betanzos (0-0)
Encontro moi pechado con dúas metades moi diferenciadas. Na primeira metade o filial albivermello non soubo superar a un Betanzos que xogou replegado e no que a zaga dos lucenses estivo cómoda sen pasar ningún apuro, salvo un disparo desde a frontal que detivo Candal.
O segundo tempo foi diferente. Dani Galán trocou de sistema a un 4-3-3 e o Polvorín comezou a xogar por bandas dándolle máis amplitude ao campo. O encontro tivo máis control por parte dos albivermellos, pero convertiuse nun ida e volta do que calquera puido saír vitorioso. Julito contou cunha ocasión moi clara para marcar e o Betanzos en rápidas contras con Juan de Dora ou Ipi como protagonistas levaron perigo á área do Polvorín.
Vitoria do Lemos no difícil campo do Sofán (0-1)
Importante triunfo dos monfortinos nun dos campos máis complexos da Preferente. O Lemos soubo adaptarse ás dimensións do Carral e saiu mellor que o Sofán, cun fútbol máis directo do habitual e contou con varias ocasións para marcar. No ecuador do primeiro tempo, o Sofán fíxose co dominio do xogo e meteu ao Lemos preto da súa portería, aínda que o cadro local non era quen de xerar situacións de perigo. Xusto antes do descanso o Sofán quedou cun xogador menos por expulsión con cartón vermello directo de Noé.
Tras o paso por vestiarios, o Lemos aproveitou a superioridade numérica e pouco a pouco tivo o control do balón para chegar con perigo á área rival. Nunha boa xogada combinativa dos monfortinos, Adri finaliizou cun bo disparo que se colou na portería de Pablo. O Sofán buscou o empate, pero a vitoria non perigou para os de Juanlu Bernal. No desconto o Sofán quedou con nove ao ver Álex o cartón vermello por unha dura entrada a Mariño cando este encaraba a portería rival.

O Ribadeo estrea o casilleiro de puntos cun empate no Sinde (1-1)
A visita dos mariñáns ao campo do recén ascendido O Val saldouse cun empate. Os de Ramón Labrada entraron ben ao partido, peero un erro no minuto dez propiciou o gol local, obra de Rafa Couce. O Ribadeo colleu o temón do xogo, circulou ben o balón e chegou á área rival con perigo por ámbalas dúas bandas. Álex Meitín cun lanzamento ao pao e Sanjurjo cun disparo que saiu fóra por pouco contaron coas ocasións máis claras.
No segundo tempo, o Ribadeo xogou en campo rival diante dun rival replegado que buscaba saír á contra, aínda que non xeraba perigo ante a portería de Javi Pita. Os mariñáns lograron empatar a falta de dez minutos para o final. Un saque de falta lateral rematouno Simón lonxe do alcance do gardameta Marcos. Non se conformou o Ribadeo co empate, pero nos últimos intres non foron quen de darlle a volta ao marcador.
O Pol cedeu nun bo partido ante o Montañeros (0-2)
Non puido sumar o Pol fronte a un gran Montañeros, conxunto que lidera a clasificación da Preferente. Aos dous minutos de xogo, Jorge Otero disparou pegado ao pao lonxe do alcance de Manu Cedrón. O Pol refíxose e contou con ocasións para igualar o encontro.
Aínda que o Montañeros tivo máis posesión, foi o Pol o que levou máis perigo á portería rival. Non estivo atinado cara a portería o cadro preparado por Roberto Fernández e xa preto do final, nun centro lateral, o mítico Jorge Cano rematou de cabeza ao fondo da portería deixando o encontro visto para sentencia, fronte a un Pol aínda en construcción.
Derrota no Municipal do Saviñao pola mínima fronte ao Arzúa (0-1)
O encontro comezou cunha clara ocasión de Julito para poñer por diante aos de Óscar Moure. Non atinou coa portería e pouco máis tarde, nunha indecisión entre os centrais e o gardameta aproveitouna Lozano para anotar o que sería o único tanto do encontro. O gol non lle sentou ben ao Escairón e o Arzúa estivo a piques de facer o segundo ao estrelar un balón no pao. O conxunto local repúxose a partir da media hora de xogo e Junior gozou dunha clara opción para empatar.
O Escairón dominou por completo o segundo tempo e contou con varias ocasións para empatar e incluso darlle a volta ao marcador. Nun saque desde o curruncho un defensor arzuán sacou o balón baixo paos tras un remate de cabeza e pouco despois Iago Sanginés errou un man a man diante de David Freire.
